Picasso. Branco no recordo Azul

C oincidindo co 50 aniversario da súa morte, o Museo de Belas Artes ofrece a mostra “Picasso, branco no recordo azul”, comisariada por Antón Castro, Malén Gual e Rubén Ventureira. O título está en relación co xornal/manifesto  “Azul y Blanco”  que él edita na Coruña. Está organizada en dez apartados nos que se establece unha relación do seu período coruñés coas etapas, temas e evolución estética dos anos posteriores, o que deixa mui craro a importancia que tiveron no seu imaxinario aqueles catro anos( 1891-1895), onde pasou da infancia a adolescencia e nos que se formou como pintor co seu pai  e cos mestres Román Navarro e Isidoro Brocos, na Escola de Artes e Oficios, que é agora, con toda xustiza, a Escola Picasso. Nesta etapa, dou mostra da súa precocidade e do seu grande talento, adquirindo axiña un dominio das variadas técnicas que se reflicte en multitude de obras: paisaxe, tipos populares, vellos, mendigos, mulleres como as lavandeiras, animais, a Torre de Hércules...; e sobre todo os magníficos retratos, iconografías e visións da condición humana que permanecerán para sempre; tamén aparece a veta satírica e caricaturesca, que prefigura, sen dúbida, a liberdade expresionista da que fai gala en tantas obras dos anos posteriores. Demostra xa dende aqueles anos de aprendizaxe ser un artista proteico e versátil, capaz de facer convivir a configuración clásica coa deconstrucción, o áxil debuxo xestual ou a síntese das formas. Moitos modelos da Coruña foron evocados nos anos posteriores, coma o fauno que tanto o fascinou, o home do cordeiro, o mosqueteiro e o seu singular bestiario de pombas, touros, galiñas, cans, burros..; o propio Picasso afirma que foi Brocos quen o introduciu no  tema do pintor e a modelo; a mesma man do Guernica evoca un estudo académico de 1893.. Aquí crea un universo propio, unha visión etnográfica que, con moitas variantes reaparecerá na obra futura, temas que en moitos casos poden entenderse como alegorías ou parábolas da vida. O erotismo, que é unha das fontes de inspiración ( “ a arte nunca é casta”, afirmaba) ou a pura sexualidade xa está nas bañistas (as catalinas) da praia do Orzán e no escatolóxico debuxo de dous burros follando que poden ser anticipo do Minotauro. A súa maneira de enfrontar a paisaxe galega allea á perspectiva e coa tendencia á simplificación e a encadres xeométricos, as heteroxéneas combinacións de múltiples motivos que fai nos seus xornais coruñeses  teñen aspectos que densenrolará no cubismo. Bosquexos da Coruña, como “ O Panteón” atestiguan que aquí tivo lugar a súa primeira mirada sobre grandes mestres, que o inspiraron a facer a facer paráfrases, como as das “Meninas” presentas na mostra. A vida como loita e a antítese Eros-Tánatos que simbolizou  na grotesca figura do cadro “Mosqueteiro e Cupido” xa aparece en algún debuxo de 1894, como “Escena do século XVII”..Xa que logo, a mostra establece  contrapuntos que permiten descubrir, como afirman os comisarios, que  Picasso debuxou o seu futuro estético e conceptual na Coruña .

Picasso. Branco no recordo Azul

Te puede interesar