Da amplitude silenciosa dos baleiros

Hai imaxes que, sen ningún motivo aparente, acaban por  captar a nosa atención e por espertar a nosa curiosidade. Concretamente é o caso da imaxe dunha muller, sentada nun banco ollando sen presa o horizonte. Neste outono de verán que incendia as tardes, esa foto, sen truculencia nin filtros, acabou por facerse reincidente e por ceibar a curiosidade que sempre vive en nós. Descoñezo a causa e o significado, quizais sexa unha mera recuperación de forzas, ou unha espera obrigada acaso, o certo é que non ten porque albergar misterio algún, pero inevitablemente activa a emoción de sentirse arte e parte, guionista ideólogo  dunha escena, ao modo clásico dun cadro dentro do cadro. Posiblemente sexan divagacións nos solpores dos litorais atlánticos, pero transmite esa reverberación de afectos en desorde que claman reparación –xusta ou inxustamente– no desertos ambiguos do vivir. Apoiada no repousabrazos metálico do lado dereito, as pernas cruzadas e as costas contra as baldas de madeira, ten a transcendencia estereotipada dunha estampa de paz.  Combina equilibradamente as árbores, un mar calmo, o  ceo azul e un atardecer poderosamente ígneo. Simboliza o tempo que non pasa, a eternidade emotiva do que importa. Prescindir das urxencias sería o soño idílico de calquera persoa con emoción e ilusión por vivir vidas amplas de sentidos. Percibir as máis variadas sensacións, debera formar parte do caderno de bitácora de calquera navegante; de todos os que deambulamos activados, entre o lecer e os traballos nosos de cada día. Vivir sen artificios, esa sería a forma máis completa de vivir. Mentres, case imperceptiblemente, a tarde vai caendo e as sombras van facéndose longas coma fíos. As paisaxes mudan e deixan de estar habitadas,  pero permanecen as amplitudes silenciosas dos baleiros, eses que conforman en silencio, a definición elemental das nosas vidas.
 

Na intimidade sentida de saberte, na tenrura constante, hai un incendio interior que nunca cesa...

Da amplitude silenciosa dos baleiros

Te puede interesar