Ciao arquitecto. Adeus, Luisiño!

"Se non sapete cosa fare date palla a Suarez”

Helenio Herrera.

 

O meu amigo Rubén García-Loureda ven de me contar  que morreu o noso Luisiño Suárez e que o FC Internazionale Milano (a súa Casa, como o Dépor era a Casa de Arsenio Iglesias) puxo no seu twitter de relembranza as acaídas verbas de Helenio Herrera, o mister co que Luisiño foi o único galego Balón de Ouro e mellor futbolista europeo: “Se non sabes que facer dálle o balón a Suárez”.
 

Claro é que o Rubén e máis eu falamos de ouvidas. Das que sentimos contar a carón nosa polos pais, nais e achegados, na Coruña e na Galicia toda (velaí as homenaxes neste domingo do Celta e do Racing). Daquelas mozos e mozas dos anos 50 e 60, privados de súpeto do xogo do Luisiño (eles que foran antes privados de tantas cousas), que só pertenceu ao  Dépor unha única tempada (1953-54) antes do traspaso do de Monte Alto ao Barça.
 

Velaí que me haberán permitir a lembranza dunha conversa que tiven co meu pai, Juan Antonio, a primeiros deste século “Foi moi bo para o noso Deportivo que Fran ao final quedara aqui. Na nosa época ninguén evitou que Luisiño Suárez fora para o Barça”. Sen dúbida meu paiciño falaba, con licenza do grande Chacho, de dous dos mellores xogadores galegos da historia do fútbol, Luis Suárez Miramontes e Fran González Pérez. Sexa como for, non falou de ningún terceiro naquela conversa.

 

Na Europa dos 50 e 60 o coruñés serviu como xogador sete tempadas no Barça (1954-1961), nove no Inter (1961-1970 e tres na Sampdoria xenovesa (1970-1973). Co Inter (mal que nos sinta, a súa Casa) gañou dúas Copas de Europa e tres campionatos italianos.
 

Despois Luis Suárez foi adestrador seis meses do Dépor (1978-9) e chegou adestrar á selección estatal, primeiro sub 21 e despois a absoluta (1988-1991). Nesta andaina, como tantos galegos e cidadáns do Estado español que non desenvolven a súa actividade ou non son visíbeis en  Madrid e no palco do Bernabeu, foi inxustamente criticado pola prensa da capital do Estado, liderada na altura polo asturiano José María García.
 

E, ao mellor, esa etapa na selección estatal danou inxustamente a súa imaxe e arrefriou o recoñecemento que o Dépor como clube, A Coruña como cidade e Galicia como País adebédanlle ao noso Luisiño. 
 

Velaí que sexa urxente reparar esta inxustiza co nosso único Balón de Ouro.

 

Ciao, arquitecto. Adeus Luisiño!

Ciao arquitecto. Adeus, Luisiño!

Te puede interesar