• Martes, 17 de Octubre de 2017

Seguimento masivo da folga de autobuses en Galicia nas primeiras horas da xornada

Os sindicatos cífrano en ata un 95% e a patronal di que non se están cumprindo os servizos mínimos, tampouco en transporte escolar

Seguimento masivo da folga de autobuses en Galicia nas primeiras horas da xornada

O seguimento da folga de autobuses está a ser masivo nas primeiras horas da xornada en Galicia. Así, mentres os sindicatos cífrano en ata un 95%, en función das zonas, a patronal asegura que non se están cumprindo nin os servizos mínimos (dun 40% en liñas regulares e do 100% para o transporte escolar).

UXT, CC.OO. e CIG despregaron piquetes polas principais cocheiras e estacións de bus da comunidade, de modo que bloquearon as saídas.

Fegabus fixa en máis dun 90% o seguimento do paro na súa área de influencia, en parte da provincia de Pontevedra. Mentres, Transgacar sitúao en máis dun 90% tamén en Lugo e Ourense e por encima do 70% en Pontevedra e A Coruña.

As organizacións empresariais consultadas por Europa Press (Fegabus, Transgacar e Anetra) dan estas estimacións iniciais e falan de seguimento "masivo" nas primeiras horas dun día no que, segundo cren, a folga afectou tamén aos servizos escolares, a pesar dos servizos mínimos do 100% establecidos pola Xunta.

En canto á actuación dos sindicatos, en Lugo, un piquete dunha vintena de membros do tres centrais convocantes do paro no transporte de estrada por viaxeiros vai permanecer apostado na estación de autobuses, do mesmo xeito que en Santiago e noutras localidades.

"PARO COMPLETO"

Na cidade da Muralla, o secretario da federación de transportes de CC.OO., Marcos Pérez, destacou que o paro que se convocou con carácter indefinido os martes e mércores está "a ser completo, e está confirmado o 95 de seguimento".

"Os traballadores están moi envorcados en que a Xunta ten que dar marcha atrás e a patronal ten que desbloquear a negociación colectiva", aseverou. Ademais, recoñeceu ter constancia de que en "todas" as zonas os alumnos víronse afectados pola folga. "É normal, porque a crispación é enorme", subliñou.

Cristian Álvarez, da CIG, avisou da "inseguridade" que se xera no sector cos cambios que pretende introducir o Goberno galego e que calcula que suporá a perda do 30% dos postos de traballo do sector. "É unha ameaza moi grande que non se pode consentir", alertou, á vez que avanzou que a mobilización "irá a máis".

En representación de UXT, Fernando Teijeiro argumentou que dada a xeografía galega o actual plan da Xunta vai deixar "a cantidade de pobos sen servizo de transporte".

"Con este plan da Xunta os pobos vanse a quedar sen servizo", afirmou, antes de defender tamén a necesidade de que se expoña unha "negociación colectiva" coa patronal, "que está destruída e paralizada e hai que reactivala". "Non imos consentir que se perdan mil postos de traballo", advertiu finalmente.

EMPEORAMENTO DA CRISE

O conflito que se agravou nas últimas horas responde á oposición de patronal e organizacións sindicais ao modelo que aspira a implantar o Goberno galego, de integración do transporte escolar nas liñas regulares de pasaxeiros, posto que aseguran que destruirá negocio e emprego.

Dun lado, as centrais sindicais auguran a desaparición de ata un milleiro de traballadores, dun persoal que en total rolda as 7.000 persoas.

As empresas esgrimen que as pequenas compañías, as que abastecen o rural, quedarán sen ata un 70% da súa carga de traballo co novo deseño.

Tamén a Confederación Galega de ANPAs de centros públicos expresou o seu rexeitamento ao proxecto de Infraestruturas, "por converter o transporte escolar en transporte de viaxeiros con reserva de praza".

Pola súa banda, a Xunta defende o seu anteproxecto "como alternativa para garantir que a partir de agosto haberá servizos despois das renuncias das empresas a seguir prestando máis de 500 liñas".

En marzo de 2016, o Tribunal Supremo anulou a prórroga das concesións de autobuses de liña regular que o Executivo autonómico impulsou en 2009.

Agora que debe volver adxudicar a maior parte das concesións, a administración autonómica pretende tamén reestruturar boa parte das liñas.