Os parques industriais configúranse como infraestruturas clave para atraer empresas

Os parques industriais configúranse como infraestruturas clave para atraer empresas
Unha das avenidas principais do polígono industrial da Grela, na Coruña | patricia g. fraga

A mellora e modernización son dúas características esenciais que precisan os parques industriais para poder incrementar o servizo que prestan ás compañías xa instaladas, para ser máis competitivas e para atraer novos investimentos que poidan xerar riqueza e emprego nos municipios.


Neste contexto, a Consellería de Economía, Emprego e Industria aprobou este ano apoios por preto de 4,2 millóns de euros para os concellos, cos cales se desenvolven 73 proxectos en 59 parques empresariais da Comunidade galega.
Con esta convocatoria, que prevé axudas do 80% do custo subvencionable e que se incrementan ata un 95% no caso de agrupacións ou fusións de concellos, desenvolveranse actuacións orientadas á mellora das infraestruturas viarias, á dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía de cara ao aforro e a eficiencia no gasto enerxético, depuración de augas, xestión de residuos e instalacións de sistemas de seguridade e vixilancia.

Máis de 400 proxectos
Tras a finalización dos traballos teranse realizado a través deste programa, en colaboración cos concellos galegos, 426 proxectos nos parques empresariais desde o 2009, contribuíndo así á calidade do solo industrial galego e mellorando as infraestruturas de apoio ao tecido empresarial da Comunidade.


As axudas que veñen de concederse enmárcanse no Plan de captación de investimentos, dentro do cal se está a tramitar a futura Lei de implantación empresarial. Esta norma céntrase na simplificación administrativa, o acceso ao solo industrial e as axudas para reducir a fiscalidade empresarial, xunto coa resposta ás necesidades de sectores produtivos concretos.


No ámbito da redución da fiscalidade empresarial, activaranse incentivos ás empresas para asumir tributos autonómicos, así como incentivos aos concellos a través da súa adhesión ao convenio proposto pola Xunta á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).


Así, para seren considerados como Concellos Doing Business, as administracións locais ofrecerán bonificacións de ata o 95% nos seus impostos, así como a eliminación de taxas vinculadas coa industria, mentres que a Xunta establecerá medidas específicas que inclúan axudas para o desenvolvemento empresarial nestes concellos.

Os parques industriais configúranse como infraestruturas clave para atraer empresas

Te puede interesar