Ourense salda a súa “débeda” e nomea a Carlos Casares como Fillo Predilecto

Ourense salda a súa “débeda” e nomea a Carlos Casares como Fillo Predilecto
O fillo e o irmán de Casares descobren un busto no seu recordo na ourensá praza do bispo Cesáreo | Brais Lorenzo (efe)

O Concello de Ourense rendeulle onte homenaxe a Carlos Casares o día previo ás Letras Galegas coa entrega á súa familia do diploma co que en 2003 recoñecíaselle como Fillo Predilecto da cidade e co descubrimento dunha placa de bronce que reproduce ao rostro do autor de “Vento ferido” na traseira do Liceo Recreo Ourensán, entidade que consideraba como “a súa segunda casa”.

“As Letras Galegas son a escusa perfecta para saldar a débeda de gratitude que Ourense ten con Carlos Casares”, sinalou o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, momentos antes do descubrimento da placa realizada polo artista Xosé Cid. Vázquez reivindicou esta homenaxe catorce anos despois de que se aprobase en pleno a concesión do diploma como Fillo Predilecto, co obxectivo de recoñecer a “un creador universal que coa súa obra fixo viaxar Ourense por todo o mundo”.

Emocionadas palabras
O descubrimento correu a cargo do fillo maior do autor, Haakon Casares, e do irmán do escritor, Xabier Casares. Ambos tiveron palabras emocionadas antes de destapar a placa-escultura na que se le “O pobo de Ourense ao seu fillo predilecto Carlos Casares Mouriño”. Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, mostrouse “feliz” pola localización da escultura de Xosé Cid na traseira do Liceo, unha institución que cualificou a “segunda casa” do seu irmán na cidade”.

Ademais, agradeceu que o seu irmán vaia a “estar rodeado de libros e amigos”, en referencia á proximidade da escultura que representa a “o seu íntimo amigo” Eduardo Blanco-Amor e da placa do recuncho do lector. Para o primoxénito do autor, a homenaxe na cidade é “especialmente emotiva” porque “lle inspirou para realizar a súa obra”. “Ourense é unha cidade onde a cultura e as artes teñen unha presenza moi importante. Casares sen Ourense non se entendería”, concluíu.

Estes actos precederon os que hoxe ofrecerá a Real Academia Galega no Xinzo da Limia que viu medrar o escritor. Así, onde pasou boa parte da súa infancia e adolescencia o presidente da RAG, Víctor Freixanes e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ofrecerán, canda veciños e autoridades, unha homenaxe tanto a Casares como ás Letras Galegas.

Marcha en Santiago
Mentres, en Santiago a plataforma cidadá Queremos Galego marchará pola cidade baixo o lema “En galego, sen límites” para pedir que Galicia sexa “un país onde a lingua propia estea presente en todo e para todo, sen exclusións”, e onde o uso do galego “non estea sometido á vontade allea”.

Ademais, o Concello de Viana do Bolo (Ourense) celebrará o xoves un “acto de desagravio” ao escritor en sinal de repulsa pola súa expulsión da docencia no ano 1970 cando exercía a súa labor docente no instituto desta localidade. No salón de plenos promoverase unha votación que repudiará este acto contra Casares.

Ourense salda a súa “débeda” e nomea a Carlos Casares como Fillo Predilecto

Te puede interesar