8:04 h. Martes, 22 de mayo de 2012

 

O Día Internacional da Lingua Materna céntrase este ano no ensino integrador

| Actualizado 21 Febrero 2012 - 02:19 h.
Desde a Unesco se quere alentar aos estados para promover a educación e a ensinanza en lingua materna	.aec
Desde a Unesco se quere alentar aos estados para promover a educación e a ensinanza en lingua materna .aec

  O Día Internacional da Lingua Materna celébrase o 21 de febreiro de cada ano desde o 2000, co obxectivo de promover o multilingüismo e a diversidade lingüística e cultural e o de celebrar todos os idiomas do mundo, arredor de seis mil. A celebración está institucionalizada a través da Unesco, que cada ano dedica esta data a un tema concreto vinculado a este área. Nesta ocasión o tema elexido é a ensinanza da lingua materna e a educación inclusiva.

Neste sentido, trátase de destacar o papel do ensino integrador das linguas maternas, en especial aquelas que non son maioritarias.

Así mesmo, este organismo internacional quere destacar a importancia da lingua materna desde o ángulo do dereito á educación e alentar aos diferentes estados para promover a educación e a ensinanza en lingua materna.

 Importancia > O recoñecemento da importancia da diversidade das linguas e o que motivou á Unesco á organización desta iniciativa internacional. Esta variedade lingüística e cultural representa valores universais que fortalecen a unidade e a cohesión das diferentes sociedades en todo o mundo.

Así, estas actividades conmemorativas foron unha iniciativa que comezou a xestarse neste organismo no ano 1999 e que se celebrou por primeira vez o 21 de febreiro do ano 2000 en países de todos os continentes.

Ademais de promover a diversidade lingüística e a educación multilingüe, outro obxectivo da celebración de este día é o de potenciar a plena conciencia das tradicións lingüísticas e culturais baseadas na comprensión, a tolerancia e o diálogo, principalmente.

Segundo a ONU, as linguas son o instrumento de maior alcance para a preservación e o desenvolvemento da nosa herdanza cultural, polo que esta iniciativa promovida desde a Unesco serve para crear unha maior conciencia sobre as tradicións do mundo e tamén para inspirar máis solidariedade.

 Elemento fundamental > Unha das iniciativas da Unesco para celebrar esta xornada é a organización de conferencias.

O exdirector xeral deste organismo Koichiro Matsuura definiu a lingua como algo máis que unha ferramenta ou instrumento, xa que estrutura o pensamento e artella as relacións sociais, creando os vínculos coa realidade e converténdose nunha dimensión básica do ser humano.

Trátase dun elemento esencial na vida familiar, laboral, escolar, política, mediática e xudicial do ser humano.

Por outra banda, desde a Unesco tamén se suliña que o feito de empregar ou non unha lingua nos espazos públicos como a escola, os medios de comunicación ou Internet, remite a outros aspectos como a identidade.

A lingua só se transmite polo uso e por iso é beneficioso iniciar esta transmisión canto antes. A familia é unhas das vías fundamentais para que os nenos aprendan a lingua materna dun modo espontáneo e temprano. Esta circunstancia non significa o peche á aprendizaxe doutras linguas que tamén pode adquirir na escola, a través das novas tecnoloxías, dos medios de comunicación, das actividades de lecer...

A diversidade de linguas sempre enriquecerá a cultura persoal de cada individuo, é un valor engadido e tamén unha responsabilidade. No caso concreto de Galicia, trátase dunha comunidade con dous idiomas oficiais, o que supón unha oportunidade para todos os galegos xa que tamén serve para fortalecer unha identidade colectiva que une a todos, independentemente da lingua que utilicen de forma habitual.



El Ideal Gallego en la red