Novos apoios para que os autónomos galegos se establezan e se consoliden

Galicia conta cun marco fiscal e social máis favorable, con ferramentas para un contorno laboral máis flexible

A Xunta, de forma complementaria ás novas medidas que está impulsando o Estado, e co obxectivo de que a Comunidade galega siga sendo unha terra emprendedora, e na que continúen crecendo as empresas, puxo en marcha a Estratexia Autónomo 2020 con 20 medidas, a día de hoxe practicamente executadas ao 100%: 9 de cada 10 euros dos fondos previstos nesta planificación xa están activados con iniciativas como a ampliación da tarifa plana ou apoios para o inicio e consolidación da actividade económica.

Nas próximas semanas, a aposta do Goberno galego por este colectivo completaranse coa posta en marcha doutras medidas como son as axudas para colaborar na conciliación da vida familiar tras o permiso de maternidade ou paternidade e o programa de relevo xeracional.

Con respecto á primeira actuación, a Administración autonómica ampliará en 16 semanas adicionais a bonificación do 100% da cota da Seguridade Social da persoa contratada cando un autónomo ou autónoma teña un fillo ou filla. Este apoio suporá un paso fundamental cara á equiparación de dereitos cos traballadores por conta allea complementando o feito de que as traballadoras autónomas, tras a baixa maternal, tamén poderán disfrutar da tarifa plana durante un ano.  

Ademais dos apoios para conciliar, o Goberno galego está a perfilar coas asociacións do sector o programa de relevo xeracional para garantir a continuidade dos negocios que son solventes e favorecer a incorporación da mocidade ao emprego autónomo.

En activo, xa están están medidas como o Bono e a Oficina do Autónomo e a tarifa plana. O Bono Autónomo está destinado a axudar a consolidar os negocios cunha axuda máxima de 3.000 euros para os traballadores que leven, polo menos, 42 meses de actividade para reforzar a profesionalización do seu negocio e a mellora da competitividade. Desde 2009, duplicáronse as iniciativas empresariais de menos de 6 meses promovidas por autónomos e case 9.000 galegos máis decidiron iniciar un negocio.

Galicia segue sendo a Comunidade cun emprego autónomo máis sólido e a que máis apoios públicos presta: un de cada catro traballadores pertence a este sector, liderando as comunidades con maior peso sobre o total da afiliación á Seguridade Social. Ademais, é un emprego estable, xa que 6 de cada 10 negocios teñen unha antigüidade superior a cinco anos.