Os galardóns Exceleite premian as vinte mellores explotacións galegas no ámbito hixiénico-sanitario

LEITE

Un total de vinte premios foron os que onte se entregaron no municipio coruñés da Baña, que acolleu a primeira gala dos premios Exceleite, cos que a Consellería do Medio Rural, canda o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), recoñeceu a excelencia no proceso produtivo do leite cru dende o punto de vista hixiénico-sanitario. Por provincias, A Coruña acadou a meirande parte dos premios, con trece, seguida de Lugo, con cinco, e de Pontevedra, con dous

Un total de vinte premios foron os que onte se entregaron no municipio coruñés da Baña, que acolleu a primeira gala dos premios Exceleite, cos que a Consellería do Medio Rural, canda o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), recoñeceu a excelencia no proceso produtivo do leite cru dende o punto de vista hixiénico-sanitario. Por provincias, A Coruña acadou a meirande parte dos premios, con trece, seguida de Lugo, con cinco, e de Pontevedra, con dous.
Divididos en dez categorías en función do tamaño das explotación, do sistema de funcionamento e da súa condición ecolóxica, os Exceleite tiveron os seus primeiros gañadores. Así, entre as meirandes empresas lograron a maior excelencia SAT Casa Menor número 1.017 Xuga, de Boimorto (na categoría extensiva), Casa Landeira de Oa, de Trazo (semi-extensiva) e Ganadería Novoa, de Frades (intensivo), todas elas na provincia da Coruña.
No que atinxe ás explotacións medianas, os primeiros postos acadáronos Ángel Rivas Lamas, de Friol (Lugo), na produción extensiva, M. Carmen Iglesias Veira de Ordes (A Coruña), en semiextensiva, e Manuel Vidal Pérez, de Aranga (A Coruña) no ámbito intensivo.
Pola súa banda, Benito Mouriño González, de Silleda (Pontevedra) fíxose co premio na categoría de pequeno tamaño e produción extensiva, mentres que en semiextensivo o galardón recaeu en Elena Recarey García, de Santa Comba (A Coruña), e no intensivo, en Concepción Fernández Moure, de Chantada (Lugo).
A última categoría foi a dedicada á produción ecolóxica do leite, no que quedou na primeira praza a explotación gandeira de Ángel Rivas Lamas, de Friol (Lugo).

“Exemplo a seguir”
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, quixo facer fincapé durante o acto no “recoñecemento ao bo facer dos gandeiros galegos, que se erguen todos os días coa firme convicción da procura da excelencia na produción do seu leite”. Por iso, a titular do departamento autonómico situou os traballadores deste sector como “un exemplo a seguir, para darse conta de que desde o agro galego se poden xerar produtos non só de calidade, senón tamén dunhas características organolépticas inigualables”.
E é que a través dos premios Exceleite, os expertos avaliaron as case 5.000 explotacións (4.905 segundo os datos que manexa Medio Rural) que poden usar o distintivo de calidade “Galega 100%” ao cumpriren cos requisitos de excelencia na calidade do leite que promove o Rexistro de Explotacións Leiteiras de Calidade Diferenciada (Recaldi).
Entre todas elas, seleccionouse medio cento de explotacións finalistas e, posteriormente, os vinte recoñecementos que se entregaron no pazo de Cores da Baña.

A análise
Precisamente ao respecto da labor de análise –no que se tiveron en conta os datos de recontos microbiolóxicos e de células somáticas, dende o proceso da muxidura ata a eficacia da aplicación do frío e pasando pola saúde do rabaño–, Ángelez Vázquez quixo facer unha mención espcial aos profesionais do Ligal e aos veterinarios e técnicos que se ocuparon deste traballo. “É fundamental para deixar de pensar na excelencia como unha característica afastada que os gandeiros pretendían acadar para pasar a ser unha realidade palpable e comprobable”, sinalou a conselleira do Medio Rural.
De cara ao futuro, Ángeles Vázquez quixo poñer as primeiras pezas de cara a “mellorar no marco do diálogo e a cooperación entre produtores e industria, coa axuda da Administración” para así lograr “facer do lácteo un sector sustentable e atractivo para a incorporación de persoas novas”.
Por último, a conselleira do Medio Rural destacou que o leite galego acadou o mellor prezo dos últimos tres anos con 31,1 céntimos por litro e que están a medrar tamén os seus valores de graxa e proteína. l