• Viernes, 15 de Diciembre de 2017

Formación á porta achega cualificación ao rural para mellorar as oportunidades laborais

O programa Formación á porta é unha nova modalidade de cualificación para achegar habilidades nas actividades con maiores índices de inserción laboral e no uso de novas tecnoloxías

Formación á porta achega cualificación ao rural para mellorar as oportunidades laborais
Os alumnos recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado | aec
Os alumnos recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado | aec

O programa Formación á porta é unha nova modalidade de cualificación para achegar habilidades nas actividades con maiores índices de inserción laboral e no uso de novas tecnoloxías ás zonas menos poboadas de Galicia. Deste xeito, os cursos para ­desempregados, que cada ano apoia a Xunta, achegaranse aos concellos que non contan con centros homologados para impartir esta formación, que nos próximos meses estará presente en 28 concellos do rural a través de centros móbiles ou lugares habilitados polas localidades participantes. A cualificación axustarase ás necesidades do tecido empresarial de cada zona e os alumnos recibirán, ao rematar o curso, un certificado de profesionalidade con validez en toda España.
Esta medida, que pon en marcha a Consellería de Economía, Emprego e Industria, enmárcase no Plan de formación e emprendemento no rural co que se busca fixar poboación nas zonas menos poboadas de Galicia e aumentar as oportunidades laborais dos seus habitantes. Do que se trata é de acercar a formación ao territorio, crear emprego estable e fixar poboación no rural. A Administración autonómica prevé formar con esta modalidade a máis de 500 menores de 30 anos a través dun total de 34 cursos.

Carácter bianual
A Administración autonómica financia esta formación con axudas que van dirixidas a empresas, entidades sen ánimo de lucro e concellos. A convocatoria ten un carácter bianual para favorecer a realización de cursos máis complexos e cun maior período de duración. Polo tanto, a cualificación será máis completa e ofrecerá, deste xeito, maiores oportunidades laborais e máis capacitación aos participantes.
Esta iniciativa forma parte dun plan pioneiro que a Xunta puxo en marcha este ano para formar a menores de 30 anos sen emprego. En global, este plan conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros para beneficiar a 1.440 mozos e mozas a través de 96 cursos, entre os que se inclúen os 34 coa modalidade de Formación á porta, que se desenvolverán entre este ano e o próximo. A Xunta ten na formación unha ferramenta fundamental para impulsar entre os máis novos o seu acceso ao mercado laboral.

Garantía xuvenil
Esta actuación forma parte do Sistema de Garantía Xuvenil, que favorece o acceso ao mundo laboral da mocidade a través de catro eixos principais: a mellora da intermediación, da empregabilidade, incentivos á contratación e o fomento do emprendemento. Para apoiar estas persoas, a Xunta está a investir este ano 40 millóns de euros para formación, contratación e emprendemento.
Entre os programas que está levando a cabo destaca Emprega Xuventude, unha experiencia piloto destinada principalmente aos profesionais que requiren a Industria 4.0 e o sector agroalimentario e que o próximo ano estenderase ao resto de sectores produtivos.
Trátase dun bono de 7.000 euros para que as empresas destes ámbitos formen e contraten a 500 mozos e mozas.
Outros plans postos en marcha para os máis novos son os obradoiros de emprego. Na actualidade están operativos un total de 24 programas mixtos de formación e emprego nos que participan preto de 500 menores de 30 anos que contan cun contrato laboral.