Os dereitos cidadáns centran o debate na xornada sobre normalización lingüística

Os dereitos cidadáns centran o debate na xornada sobre normalización lingüística
Valentín García, Ramón Villares e Rosario Álvarez inauguraron a primeira xornada destes encontros | xunta

Que os galegofalantes sexan conscientes de que teñen dereitos e que se animen a exercelos. Foi a principal mensaxe que deixou onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na inauguración dos XIX Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebran ata hoxe en Santiago.


Na sede do Consello da Cultura Galega, no pazo de Raxoi, o representante galego fixo fincapé na lexislación protectora durante o debate inicial do simposio, que nesta ocasión leva o lema “Dereitos lingüísticos, unha garantía pendente?”.

Deste xeito, Valentín García indicou que, coa chegada da democracia, se promulgaron “leis que protexeron amplamente os nosos dereitos lingüísticos, ás veces máis amplamente do que unha parte dos galegos e galegas demandaba para si”.
O secretario xeral considerou que, “precisamente, se algún reto queda pendente, é o de facer plenamente conscientes a todos os galegofalantes dos dereitos que teñen e animalos a exercelos”.


García Gómez estivo acompañado na mesa inaugural desta nova edición dos encontros pola normalización lingüística por Ramón Villares e por Rosario Álvarez, presidente e vicepresidenta, respectivamente, do Consello da Cultura Galega.

Ámbitos sociais
Os Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, chegan á súa XIX edición co ánimo de reflexionar e debater sobre os dereitos lingüísticos da cidadanía galega.


Entre onte e toda a xornada de hoxe sucederanse as conferencias, mesas redondas, debates e obradoiros que abordarán esta temática desde diferentes perspectivas e ámbitos.

Ao acto de apertura protagonizado por García, Villares e Álvarez seguiuno unha mesa introdutoria co título xenérico de “Dereitos lingüísticos” na que participaron Paul Bilbao, da plataforma vasca Kontseilua, e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística.
A continuación, presentouse a mostra de recursos que corre paralela á celebración dos Encontros, Artesa, para logo orientar o debate ao ámbito da Administración coa conferencia “A normalización lingüística como competencia municipal”, a cargo de Xesús Costas Abreu, do concello de Vigo, e coa mesa “Recentralización de servizos á cidadanía e lingua”, na que interviñeron Alicia Paula Otero, do concello de Pontevedra, e mais Margarita Parajó e María del Carmen Pazos, do concello de Vigo.

As sesións de hoxe centraranse nos ámbitos do ensino e da sanidade. Así, os encontros abriranse coa conferencia “Os dereitos lingüísticos como principio de atención á diversidade”, da profesora Mª Monserrat Castro; continuarán cun “Coloquio sobre formación profesional: experiencias educativas e mercado laboral” (coas intervencións de María Carmen Teijido, Carlos Blanco, Manuel Oliveira e Marina Quelle) e rematará co relatorio de Rosalía Fernández Rial titulado “O potencial da expresión dramática na normalización lingüística”.

A lingua na sanidade
Xa pola tarde será a quenda para dous obradoiros, que serán impartidos pola propia Rosalía Fernández Rial (“Aulas sen paredes”) e por Carlos Negro (“Versos que desatan a lingua”) e unha mesa redonda sobre o ámbito da sanidade na que intervirán Marta Mariño, do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e Álvaro Lamas, do Centro de Saúde de Matamá, tamén da cidade viguesa. A sesión pecharase coa música de Xurxo Fernandes e de Pedro Lamas.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da comisión organizadora destes Encontros para a Normalización Lingüística. Ademais, mantén un marco estable de colaboración co Consello da Cultura Galega en materia de promoción do uso da lingua propia de Galicia desde o 2010 plasmado nun convenio entre ambas as institucións que se renova anualmente
Así, nesta ocasión o Consello aposta por debater acerca dos “cambios producidos no marco legal nas últimas décadas do século, que sentaron as bases do recoñecemento expreso e activo dos dereitos lingüísticos dos galegofalantes e dos dereitos da lingua galega en si mesma”.

Con todo, a entidade pon sobre o debate sobre estes dereito lingüísticos, xa que “sen negar os evidentes avances, o proceso non chegou ao seu fin”. Así, dende o Consello da Cultura Galega móstranse preocupados por que “nalgúns sectores da sociedade non se estea tendo o necesario respecto a eses dereitos e noutros mesmo se estea provocando repregamento”.

Do mesmo xeito, os organizadores consideran que unha gran parte da cidadanía non é consciente de ter este tipo de dereitos e “sofre inerme os efectos negativos da súa conculcación”. “Toda a sociedade, sexa cal sexa a lingua que fala, debe saber e asumir que os dereitos lingüísticos son dereitos fundamentais”, apuntan.

Os dereitos cidadáns centran o debate na xornada sobre normalización lingüística

Te puede interesar