A aposta polas enerxías sustentables contribúe á calidade de vida da cidadanía

A aposta polas enerxías sustentables contribúe á calidade de vida da cidadanía
A enerxía xerada por placas solares é unha aposta cada vez máis visible na comunidade | castaño

Galicia aposta desde hai tempo por poñer as bases dun modelo enerxético acorde co futuro da produción mundial, que impulsa o uso das enerxías renovables. Así, desde o Goberno galego vense levando a cabo unha tarefa para que tanto empresas como cidadáns e administracións tomen conciencia da necesidades de fomentar as enerxías limpas e sustentables.


Con este obxectivo, a Administración galega conta cun amplo abano de programas e liñas de axudas para a incorporación deste tipo de fontes de enerxía renovables ao día a día de todos os galegos.


Unha das medidas implementadas que pretende impulsar o uso destes recursos é a realizada a través da convocatoria dirixida tanto a particulares, como empresas e administracións para desenvolver proxectos que teñan por obxectivo crear, mellorar ou ampliar instalacións de bombas de calor (xeotermia e aerotermia) ou solares térmicas e que nos dous últimos anos permitiu levar a cabo preto de 500 proxectos.


Da convocatoria deste ano beneficiáronse 379 familias, 37 pemes e 22 administracións galegas, todas elas de ámbitos rurais, xa que os apoios están cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). En total, a Adminsitración galega achegará 1,95 millóns de euros para realizar estes proxectos, que permitirán unha redución de emisións de CO2 equivalente a acción de máis de 50.000 árbores.

Axudas específicas a sectores
Froito deste compromiso coa mellora da eficiencia enerxética, a Xunta ampliou este ano a súa aposta polas enerxías renovables e polo coidado do medio ambiente cunha nova convocatoria de axudas para proxectos, pioneira en Galicia, destinada a empresas de produción agrícola primaria.


Así, desenvolveranse un total de 79 proxectos para instalacións de biomasa, xeotermia, fotovoltaica e minieólica que se apoiarán con 1,1 millóns de euros e que mobilizarán preto de 3,75 millóns.


Por outra banda, o Goberno galego segue a profundizar nas medidas específicas para a industria e o sector hoteleiro co obxectivo de que melloren a súa eficiencia enerxética. Deste modo, este ano abriuse unha nova convocatoria desta liña de axudas ás que se destinaron 16 millóns de euros nos últimos catro anos para desenvolver un total de 700 proxectos. Na edición deste ano, está contemplado un investimento de 9,75 millóns de euros tanto para realizar auditorías enerxéticas ou implantar sistemas de xestión enerxética certificados, como para instalar mecanismos de aproveitamento de enerxías renovables. Esta liña, dirixida a empresas e autónomos que desenvolvan a súa actividade no sector industrial e hoteleiro, prevé un aforro anual de 8,4 millóns de euros nas facturas enerxéticas das empresas beneficiarias. Deste xeito, a medida permitirá mellorar a competitividade do tecido indsurial e empresarial grazas á redución dos custes da enrxía, así como a creación de emprego.

Estratexia da biomasa
Galicia conta, desde 2014, coa Estratexia Integral de Impulso á Biomasa que promove o uso deste combustible con fins térmicos para impulsar o desenvolvemento das áreas rurais e do sector primario, favorecer a economía familiar e das pemes, xerar emprego cualificado e mellorar a calidade de vida da cidadanía.


No periodo 2014-2016, destináronse 31 millóns de euros a axudas nesta materia, intaláronse 120 MW e aforráronse quince millóns de litros de gasóleo ao ano cunha redución de 45.000 toneladas de CO2 anuais.


Coa activación das distintas axudas, ao remate de 2017 levarase apoiado a instalación de máis de 4.000 caldeiras de biomasa en fogares, administracións e empresas galegas desde a posta en marcha desta Estratexia en 2014.


En concreto, en 2017 concedéronse 111 proxectos en concellos, 72 en empresas, catorce na administración autonómica e catro en entidades sen ánimo de lucro. Así como 950 caldeiras de biomasa aprobadas para particulares e quince proxectos que se concederon para iniciativas específicas de biomasa, dentro das axudas para impulsar as enerxías renovables no sector agroalimentario que se convocaron por primeira vez este ano.

Recursos autóctonos
Estes apoios impulsan o sector da biomasa térmica como combustible autóctono, renovable e respectuoso co medio ambiente, e súmanse a outros proxectos promovidos desde a propia Administración galega, como a rede de subministración de enerxía térmica xerada con biomasa –district heating– no complexo administrativo de San Caetano, que entrou en funcionamento en decembro; o impulso do uso da biomasa no Servizo Galego de Saúde (Sergas) a través do Programa EcoHospital, ou as actuacións realizadas en varios edificios xudiciais da Xunta de Galicia.


O Goberno galego tamén puxo en marcha o Foro da Biomasa, e conta co Observatorio da Biomasa, un portal web (www.observatoriobiomasa.gal) no que se realiza un seguimento da actividade dos axentes que forman parte deste sector en Galicia co obxectivo principal de impulsar o seu desenvolvemento e modernización con fins enerxéticos.


Na actualidade, en Galicia existen dez plantas de produción de biomasa (sete de pellets e tres de estela). En total, a capacidade de produción aproxímase ás 300.000 toneladas anuais achegando 300 postos de traballo.

A aposta polas enerxías sustentables contribúe á calidade de vida da cidadanía

Te puede interesar