A poesía de Yolanda Castaño viaxa en frechas de chocolate

A poesía de Yolanda Castaño viaxa en frechas de chocolate
El Ideal Gallego-2014-02-11-015-1d319480

A firma de repostería ourensá Fina Rei promove para San Valentín a poesía de Yolanda Castaño envolta en chocolate. Na súa páxina web, un pode facerse cun regalo orixinal onde o doce se mestura coa lírica e dunha frecha de Cupido saen a pasear os versos que dun xeito exclusivo a coruñesa pensou para que os galegos lle boten máis azucre se cabe á celebración do venres. Por doce euros, a frecha en cuestión sairá disparada desde a localidade de Allariz directa á península atlántica cunha misiva na que a poetisa fala dun sentimento de coraxe que non perde forza.
A propia Castaño repite experiencia tras un San Valentín pasado exitoso en declaracións de amor. É máis, Yolanda sinala que o produto está testado porque unha parella consagrou a súa relación e acabou casando despois de que un deles lle condecorara ao outro cunha frecha que non manca. Ao contrario, a recreación en chocolate do obxecto punzante responde a unha receita na que o cacao se funde coa framboesa que se sitúa na punta.
Na variña na que se coloca estratexicamente a mensaxe en verso o chocate é con leite e na plumaxe, a pastelería emprega pastillas. O resultado preséntase no domicilio cun fondo de “giaduja” de canela. Son en total 300 gramos de amor condensados nun presente, 200 en caso de que o cliente elixa un tamaño menor.
En todo caso, o agasallo ten unha caducidade de cinco meses. Que non quere dicir que o amor que profesará con el o namorado non dure eternamente. Castaño destaca o compromiso coa cultura e a lingua galega que ten a empresa Fina Rei xa que hai tres anos comezaron a fusionar poesía con alimento a través das pezas de Celso Emilio Ferreiro.
Foi o ano pasado cando daban un paso máis e lle propoñían a Yolanda que escribise algo para aderezar coa avellana, a cobertura de chocolate, o leite en polvo e a pasta de cacao. Para remover un pote no que a aposta polo idioma vai incluida. Castaño sinala que Fina Rei fai toda a comercialización e a rotulación en galego, ademais de ter un gusto exquisito, engade, á hora de matizar as súas especialidades.
Ademais de ter unha base que respira da tradición, os artesáns  buscan nos seus produtos un “algo” innovador, que sorprenda aos consumidores chocolateiros. Na frecha de San Valentín, a framboesa dálle o punto igual que o estilo directo de Yolanda, que lle enxire musicalidade ao asunto.
Os principias elementos da pócima máxica coa que se pretende que o amor remate sempre en positivo entenden do de toda a vida e enlazan co presente. Aínda que non é a primeira vez que o doce encaixa entre as letras dun escrito, Yolanda di estar moi contenta co experimento. 

A poesía de Yolanda Castaño viaxa en frechas de chocolate

Te puede interesar