A I Feira da Enerxía de Galicia acollerá 70 conferencias nas que participarán case 100 expertos

A I Feira da Enerxía de Galicia, que se celebrará do 14 ao 16 de abril no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda (Pontevedra), contará cun completo programa que inclúe unhas 70 conferencias que impartirán case un centenar de expertos.

Estas charlas serán organizadas por unha ducia de entidades como o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (Icoiig), o Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (Energylab), a Axencia Galega de Innovación (GAIN), ou a Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (Fegafón).

Segundo informou a organización nun comunicado, nelas afondarase en temas como a eficiencia enerxética, mobilidade sostible, financiamento de proxectos europeos de I+D+i, biomasa, autoconsumo, seguridade industrial, ou a situación actual dos mercados de electricidade e gas, entre outros.

Este importante número de conferencias fará que dende a organización da feira se habiliten 7 salas distintas para o seu desenvolvemento, as cales estarán patrocinadas por Rede Eléctrica Española, Repsol, Abanca e Xunta de Galicia.

OUTRAS ACTIVIDADES

Ademais das conferencias, a feira incluirá unha grande área divulgativa, con talleres centrados nos distintos tipos de enerxía, así como un circuíto de vehículos eléctricos e híbridos, que contará con dez coches de distintas marcas.

No seu transcurso, tamén levarán a cabo encontros sectoriais, como a asemblea de Fegafón ou o encontro dos tres clústers enerxéticos galegos (Agaen, Acluxega e o Clúster de Enerxías Renovables de Galicia, CLUERGAL).

A I Feira da Enerxía de Galicia acollerá 70 conferencias nas que participarán case 100 expertos

Te puede interesar