A Estratexia de Internacionalización aspira a aumentar as exportacións en máis dun 25%

A Estratexia de Internacionalización aspira a aumentar as exportacións en máis dun 25%
Descarga de Carbon en el Puerto Exterior

A internacionalización do tecido empresarial galego confórmase como un dos eixos prioritarios de actuación dentro da política económica do Goberno galego de cara a mellorar a súa competitividade e acadar o crecemento. Neste contexto, a Xunta está a consensuar cos diferentes axentes económicos a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que prevé incrementar as exportacións galegas en máis dun 25 por cento ata superar os 23.000 millóns de euros, para o que xa se están mantendo encontros cos diferentes axentes económicos de Galicia, co fin de incorporar as súas achegas.
A Xunta aspira a consolidar o traballo realizado ata o de agora, en colaboración co tecido produtivo, en materia de internacionalización, facendo dos mercados exteriores un motor de crecemento.
Un esforzo conxunto que contribuíu a que Galicia acadase en 2013 o seu récord histórico exportador, por valor de 18.424 millóns de euros. Así, as exportacións representan xa un 33,9 por cento do PIB, fronte ao 25 por cento de 2008, sendo Galicia a comunidade na que máis aumentaron o seu peso relativo durante o último ano.

Obxectivos
Sobre esta base, o Goberno galego traballa co obxectivo de que as exportacións continúen medrando para consolidar o crecemento económico, incrementando a súa participación no PIB ata o 40 por cento no ano 2020, e tamén se espera acadar un crecemento do 25 por cento no número de empresas exportadoras.
Para isto, a Estratexia busca coordinar e facilitar a internacionalización do tecido empresarial, impulsando investimentos e creando emprego.
Así, coordinarase e facilitarase a internacionalización das empresas galegas a través de cinco eixos de actuación: o fomento da cultura de internacionalización, o incremento da presenza en mercados internacionais, a atracción de investimentos, a consolidación da marca “Galicia Calidade”, e a unidade de acción de axentes, pemes e entidades financeiras.
En primeiro lugar, reforzarase a cultura da internacionalización nas pemes galegas, fomentando as análises estratéxicas e a súa formación, e concienciándoas sobre a importancia da procura de novos mercados. Neste apartado xogará un papel clave a activación dunha xanela única que establecerá un marco coordinado que facilite ao empresario servizos, recursos, formación e información para a súa saída ao exterior.
Deste xeito, sentaranse as bases para incrementar a presenza en novos mercados, segundo eixo de actuación, xerando coñecemento e identificando aqueles que presenten un maior potencial e mellores oportunidades. Neste contexto, prevése o desenvolvemento de dez plans operativos sectoriais específicos para as áreas estratéxicas da economía galega: automoción, naval, forestal, agroalimentario, textil, sector TIC, sector da enerxía (renovables), sector da lousa, sector da pedra e biotecnoloxía.
En terceiro lugar, a Estratexia busca incrementar a atracción de investimentos estranxeiros en Galicia. Para isto facilitarase a mellora do entorno empresarial, identificando as necesidades dos diferentes sectores. Así, fomentaranse estratexias que favorezan os procesos de relocalización e de integración vertical, e apostarase polo impulso da diplomacia empresarial e institucional.
Neste contexto encádrase o cuarto eixo de actuación, a consolidación da marca “Galicia Calidade” como termo que simboliza unha forma distinta e galega de facer as cousas baseada na calidade, o compromiso e o esforzo das empresas por ofrecer os mellores produtos e servizos, e a confianza que estes outorgan.
Todas estas actuacións desenvolveranse desde a unidade de acción dos axentes, as pemes e as entidades financeiras, coordinando e reforzando os instrumentos de apoio á internacionalización que a Xunta de Galicia pon á disposición do tecido empresarial galego.

A Estratexia de Internacionalización aspira a aumentar as exportacións en máis dun 25%

Te puede interesar