A eficiencia enerxética permite ás empresas reducir custos e impulsar a súa competitivade

A eficiencia enerxética permite ás empresas reducir custos e impulsar a súa competitivade

As empresas galegas impulsan cada vez máis proxectos encamiñados cara a eficiencia enerxética, o que permite obter vantaxes tanto a nivel económico, coa redución dos custos produtivos e o impulso da súa competitividade, como no eido do medio ambiente, coa diminución da emisión de gases contaminantes á atmosfera. A mellora dos procesos produtivos diminuíndo o consumo de enerxía é clave no camiño cara a fábrica intelixente. 
A Industria 4.0 estase a consolidar en Galicia como o novo modelo económico para as próximas décadas, e, no eido da enerxía, as empresas apostan por programas que impulsan a implantación de sistemas de procesado avanzado de datos e intelixencia artificial aplicados á optimización do consumo. 

Promoción
Neste contexto, o Goberno galego multiplicou por seis as contías destinadas á promoción da eficiencia enerxética no sectores servizos e industrial. Ao abeiro da cuarta edición do programa, desenvolto polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), mantívose a aberta convocatoria de axudas durante os dous primeiros meses deste ano, o que permitiu ás empresas da comunidade autónoma optar aos 9,5 millóns de euros reservados para impulsar arredor de 300 proxectos. Esta iniciativa céntrase de maneira especial nas pequenas e medianas empresas, que poden chegar a recibir axudas de ata o 40 por cento. 
A previsión é que, a través das achegas da Administración galega para o 2016, se mobilizarán máis de 32 millóns de euros co obxectivo de que as empresas poidan acadar un aforro enerxético de case 11.000 toneladas equivalentes de petróleo ao ano e un aforro económico de 10 millóns de euros por exercicio. Mediante este programa, tamén se prevé a creación de 430 empregos, o 60 por cento deles directos, e evitar a emisión á atmosfera de case 19.000 toneladas de CO2 ao ano. 
As principais novidades para o 2016 son a realización de auditorías enerxéticas que analicen de maneira integral o proceso produtivo da empresa e, no eido da mobilidade, a substitución de vehículos por outros máis eficientes que empreguen combustibles alternativos. 
O programa de axudas complétase con outros proxectos que se centran fundamentalmente na instalación de luminarias máis eficientes; na renovación dos equipos de produción de calor ou frío; na implantación de sistemas de aproveitamento de enerxías renovables ou de xestión enerxética certificados conforme a norma ISO 50001; e, en definitiva, na mellora dos equipamentos consumidores de enerxía do proceso produtivo industrial.
Co execución de todas estas actuacións, Galicia terá a oportunidade de reducir tanto os consumos no sector industrial, como no de servizos, que na comunidade representan, respectivamente, o 45 por cento e o 9 por cento do consumo enerxético final. Segundo diversos estudios sectoriais e auditorías do Inega, a porcentaxe de aforro de enerxía nestes sectores coa posta en marcha de medidas de redución e eficiencia ascende ata o 15 por cento para a industria, e pode chegar ao 30 por cento no eido dos servizos. A realización desta cuarta edición do programa permite dar continuidade a un plan autonómico que, nos seus tres primeiros anos, permitiu desenvolver 303 proxectos, que están a mobilizar máis de 18 millóns de euros no tecido empresarial da comunidade.

Proxectos de biomasa
Para acadar a consolidación das políticas de eficiencia enerxética, a implantación de caldeiras de biomasa tamén xoga un papel estratéxico. O Goberno galego dispuxo este ano de axudas por máis de 8,4 millóns de euros para favorecer a súa implantación, dos cales 5,4 centráronse en proxectos dirixidos a empresas, institucións sen ánimo de lucro e administración pública, e tres millóns para persoas físicas no medio rural. 
A previsión autonómica, recollida na Estratexia integral de impulso da biomasa 2014-2020, é que, a finais da década, Galicia estea aforrando cada ano 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, cree 1.000 novos postos de traballo no ámbito da biomasa e mobilice un investimento que roldará os 500 millóns de euros, valorizando 270.000 toneladas de biomasa anuais e evitando que se emitan á atmosfera 246.000 toneladas de CO2 ao ano.

A eficiencia enerxética permite ás empresas reducir custos e impulsar a súa competitivade

Te puede interesar