Viñetas desde o Atlántico faise maior de idade con historietas sociais asinadas por elas

Viñetas desde o Atlántico faise maior de idade con historietas sociais asinadas por elas
El Ideal Gallego-2015-08-04-016-f49194f5_1

O salón do cómic Viñetas desde o Atlántico chega a súa maioría de idade rodeado de mulleres ilustradoras. Faino por casualidade porque a lista de convidados comezou a encherse de nomes femininos e Miguelanxo Prado apostou entón porque fosen máis ca os masculinos con Ana Miralles, que veu a desempatar a paridade. 
Co mesmo espírito que cando o festival despuntou na cidade, comeza unha nova entrega que abrangue tantos estilos como temáticas son elas capaces de esgrimir co lapis porque quizais “ocuparon espazos que deixamos descoidados ou simplemente que fomos por outros camiños”. Así é como encheron o baleiro con historietas de corte costumista e de realidade social en clave de parodia. O director do salón sinalaba que Moderna del Pueblo o “Croqueta y empanadilla” eran bos exemplos de fenómenos editoriais atípicos, que chegaron ás masas a través de internet. Isto deu como resultado o nacemento de novos públicos, que veñen a completar un abano no que tamén teñen cabida referentes internacionais coma o premio nacional Alfonso Zapico, Ana Mirelles, con sona máis alá dos Pirineos, e Chloé Cruchaudet, un nova sorpresa tras a publicación de “Degenerado”. 
No pote tamén estarán Keko, dun estilo marcado que voltou a rodar na pista con Antonio Altarriba da man e López Cruces, ao que Prado situou nas marxes. Mai Egurza, que se está a posicionar no mercado do vello continente, e o coruñés Martín Romero, completarán o elenco. 
Precisamente sobre a banda deseñada local, o responsable lembraba que con esa intención de darlle un pulo, a casa da cultura Salvador de Madariaga, en Durán Loriga, expón unha selección de traballos coa marca da casa “que dan unha visión real e non crean espellismos”. 
Porque xerar caldo de cultivo é moi importante, Viñetas desde o Atlántico terá unha parte didáctica a cargo de Manel Cráneo, na que máis de 200 rapaces apuntados nos campamentos de verán do Ágora coquetearán co sector en obradoiros que traballarán a partir dunha exposición de Jacobo Fernández, “dos poucos que se dirixen ao público infantil” inspirada na obra “Marcopola. A illa remeira”, que está editada en galego, castelán máis tamén en francés e italiano. O autor especialista en darlle vida a calquera obxecto, capitaneará a actividade que levará a Alberto Guitián a darlle unha volta ao mundo para facelo cómic e a José Domingo a colorear tebeos, nesa teima de non perder o contacto cos materiais. 
Ademais, os pequenos achegaranse á técnica xaponesa do kamishibai, que vén sendo unha historieta en vivo. O xénero respirará vida tamén en Méndez Núñez cunha invasión zombi á que Cráneo animaba a participar. Cun orzamento de preto de 150.000 euros, similar o de anos anteriores, e algún remache por poñer como o do Acuario, no que se tiña pensado facer exposición pero por problemas internos de administración está no aire, Viñetas alongará as exposicións do Kiosco Alfonso, Palexco e Salvador de Madariaga ata o 20 de setembro. 
O resto será cousa de iniciativas externas que queiran sumarse. Deste xeito, a galería Monty4 colgará historietas na súas paredes, segundo apuntou Prado.

Viñetas desde o Atlántico faise maior de idade con historietas sociais asinadas por elas

Te puede interesar