Víctor Freixanes | “Traballando a autoestima é onde pode rexurdir o galego no sentido cuantitativo”

Víctor Freixanes recibe aos da Mesa polo protocolo de Donostia, perfila o calendario Casares e vai familiarizándose coas distintas áreas. Leva menos dun mes como presidente, pero fala da necesidade de actuar e facer un chamamento á clase industrial

Víctor Freixanes | “Traballando a autoestima é onde pode rexurdir o galego no sentido cuantitativo”
Freixanes leva menos dun mes ocupando o cargo | quintana
Freixanes leva menos dun mes ocupando o cargo | quintana

Víctor Freixanes recibe aos da Mesa polo protocolo de Donostia, perfila o calendario Casares e vai familiarizándose coas distintas áreas. Leva menos dun mes como presidente, pero fala da necesidade de actuar e facer un chamamento á clase industrial e política para que se impliquen na cuestión lingüística como en Cataluña e Euskadi. Sen esta autoestima do lado dos galegos, a lingua perde. Perdemos todos.

Como está sendo o período de adaptación?
Estou familiarizándome coas distintas áreas e as liñas de administración e xestión. Estamos nun momento delicado porque os orzamentos públicos se retrasan por parte da Xunta e o estado. Axustar as economías da academia é un dos problemas que temos. Gustaríanos facer fronte a esa inestabilidade. O 80% dos recursos proceden de medios públicos. Pídenlle cousas á RAG e é san que reclamen atención e servizos, pero se non hai recursos... Os académicos non cobramos porque xa é unha honra formar parte da institución pero os lexicógrafos ou os que traballan no diccionario son profesionais. Calquera recurso novo na web non se pode facer se non hai diñeiro.

Segue habendo diferenzas orzamentarias con respecto ás outras academias da lingua do estado?
Agora non. Temos amigos preocupados por estas cuestións e a RAG ten a mesma asignación que a catalana e vasca, que non a española. A diferenza destas, a galega non ten o apoio da sociedade civil que as financian a través de empresas. Temos que implicar á nosa na causa. Facela partícipe dun patrimonio que é de todos nós. É unha marca.

Por que non existe esta conciencia por parte da sociedade galega?
A sociedade galega arrastra inxustamente un complexo da súa cultura e lingua e o país fai milagres porque ten unha música, unha produción literaria e unha tradición que xenera moita riqueza alén das nosas fronteiras. Tamén temos a economía porque un viño branco é un viño branco, pero se o sitúas nas Rías Baixas e pos música de Martín Códax, falas de todo o románico e da épica dos galegos traballando polo mundo, cunha etiqueta axeitada... resulta que ese viño que podía valorizarse en 50 centavos, pasa a custar 14 euros. É o valor engadido da cultura, que fai máis rico a un país. O Camiño de Santiago é a industria máis moderna de Galicia.

Que se pode facer a nivel institucional?
Hai unha segunda parte, onde nós temos que saber explicar á sociedade o que estamos facendo. Entre outras cousas facerlles ver a utilidade do idioma, mobilizando a todos os elementos.

Ademais de ter ideas, non cre que faltan recursos por parte do goberno para poñer a funcionar os distintos elementos?
A academia non é o brazo executivo do goberno. Nós temos a obriga de coidar a lingua, de tela en permanente estado de limpeza e revista. No diccionario da web recibimos 40.000 visitas diarias. Hai un equipo no Gaiás detrás con dúas persoas máis aquí na RAG entregadas a este traballo que logo validan os académicos. A RAG ten que percibir esa realidade. Non somos un grupo de floreiros.
Mentres, a perda de galegofalantes é unha constante.

A perda de galegofalantes tamén é porque estamos perdendo poboación. A cuestión demográfica é o problema máis grave de Galicia e por iso, necesitamos a implicación de todos. Paradoxalmente, hai máis falantes conscientes. Os meus avós falábano porque non sabían outra cousa. O galego era para eles símbolo de pobreza e atraso. Unha galega úsao hoxe porque quere. Perdemos cuantitativamente, pero gañamos falantes cualitativamente. En 1975 publicamos 68 libros, hoxe saen tres ou catro diarios. É unha situación ideal? Non, porque se está perdendo a transmisión interxeracional. O corazón da lingua está nas familias. Traballando a autoestima é onde pode rexurdir no sentido cuantitativo. Faremos un chamamento á clase industrial e política para facer un gran pacto positivo ao redor do galego. Temos que actuar xa.