True Mountains | “Vemos que non somos máis ca dous pelagatos con guitarra e contrabaixo”

Sairá on line o 1 de maio directo desde as vísceras. Son un contrabaixo e unha guitarra tocando a trapallada toda que Iván Pérez di ter na cabeza e que levan conquistando de xeito acústico os corazóns

True Mountains | “Vemos que non somos máis ca dous pelagatos con guitarra e contrabaixo”
O grupo estará o 3 de xuño na sala coruñesa presentando os temas de “Walk”
O grupo estará o 3 de xuño na sala coruñesa presentando os temas de “Walk”

Sairá on line o 1 de maio directo desde as vísceras. Son un contrabaixo e unha guitarra tocando a trapallada toda que Iván Pérez di ter na cabeza e que levan conquistando de xeito acústico os corazóns de quen se senta a escoitar música sen máis. O segundo da súa traxectoria segue nas mesmas. En Walk”, “imos por onde viñamos indo. Escribimos historias en forma de cancións e musicalmente continuamos na liña de ‘Freethinkers’.


Del, pódense degustar un par de adiantos e un videoclip, asegura, que anteceden ao que está collendo forma na fábrica. “Estamos un pouco máis confiados co que facemos, iso si, levamos a nosa base de contrabaixo e guitarra para ir ao fin do mundo” ou ao Resurrection Fest o ano pasado. Iván conta que no terruño vestíronse de eléctricos e aínda que ao principio, en 2013, tiñan a sensación de ter pouca presenza, co tempo están moi a gusto neste formato sinxelo, “onde prima a mensaxe por riba de todo”.

O viveirense ten en común co seu amigo Nacho Martín que son pais de familia e por iso as dificultades de roubarlle tempo ao reloxo para combater as preocupacións con música. Xúntanse nos ratos libres, nos que Iván lle conta as historias que ten anotadas na libreta e que falan de “como é a nosa vida”.

Caracterízanse por seren dúas persoas moi activas, que non se deteñen. Desde ese punto de vista, nacen as súas criaturas. Elas son dalgunha forma testemuña de todas as peripecias que os levaron nun tempo a ensaiar no parque de Eirís, próximo á casa de Iván, ou mesmo na furgo de Iván nas tardes de chuvia. Agora buscan acubillo na casa ou no local de ensaio e tamén no caseto do xardín, xunto as ferramentas todas. Dá igual.

Trátase de alimentar as ganas de seguir e nesas, “non paramos de facer”. Despois duns meses tranquilos, “no que compuxemos, metímonos no estudo a gravar e deseñamos camisetas”, perfilan un verán plagado de eventos.

Playa Club
Alomenos serán 15, nos que se inclúen paradas no Trashcan de Madrid, no Shiquillo Fest de Candeleda ou no Tsunami Fest xixonés cun punto de partida en Gernika o 2 de xuño e unha segunda entrega o 3 de xuño no Playa Club.

True Mountains elixiu os estudos Planta Sónica II de Vigo para materializar o segundo, “porque o tiña de man e alí xa fixemos sete ou oito gravacións con Pancho Suárez, que nos coñece como se nos parira”. Fáltalles tempo e medios para traspasar Pedrafita, pero tampouco lles preocupa porque aquí é onde está o seu monte. As verdadeiras montañas que levan no seu nome recórdanlles a orixe, “cando a música se fai sen máis pretensión ca expresar”.


Esa é a máxima do dúo que ás veces se enchufa aos amplis. Ocorre en citas máis “hard” nas que se acompañan do batería Marco. Mentres, “vemos que non somos máis ca dous pelagatos con guitarra e contrabaixo”. É cuestión de actitude”, afirma Iván. Non buscan ser trascendentais pero si “intemporais” porque para o guitarrista “a música queda flotando de por vida”. Esta é a razón pola que expande a través dela misivas positivas e aborda ao individuo, “neste mundo no que é tan difícil pero á vez tan bonito ser ti mesmo, sen que a contorna non te inflúa para mal”.

O repertorio dá voltas nesa busca da identidade. Na condición de estar vivo e cuestionar todo o que pasa e na Igrexa, á que lle adican un tema “por todo o negocio que teñen montado”. Tamén fan unha crítica ao xuízo social, explica Iván, “ao que nos sometemos entre iguais” e que fai valorar o que ten lugar noutro lado do globo sen ter coñecemento de causa. Por todas esas cousas, True Mountains agarran a guitarra e o contrabaixo. Sacuden o diccionario de inglés, que o que resolve máis directo as ideas que cociñan e voltean o mapa. Póñeno do dereito e do revés e contan as horas para acender a furgoneta.