“O teatro Rosalía é para min o mellor dos escenarios posibles no que actuar”

“O teatro Rosalía  é para min o mellor  dos escenarios posibles no que actuar”

O día que entrou pola porta do teatro para presentarse á proba, non había texto. Por iso, Alfredo Sanzol díxolle que preparara un monólogo. Martiño elexiu un clásico, pero antes de subir ao escenario, o director convidoulle a sentar e contar en alto o que tiña na cabeza: “Cando acabei, díxome que xa estaba, que aprendía moito máis de nós cando nos escoitaba sen ser conscientes de que actuábamos”. 
Así que o pequeno dos Rivas saiu do cásting pensando que nin de broma o collerían para o papel. Hoxe vén a representalo á Coruña dentro do ciclo Principal. Será a primeira vez que actúe nun teatro do país: “Parece mentira, pero está complicado facelo aquí”. Ademais, estará con “La respiración”, unha peza “atípica” e “inusual” traída por “unha desas voces claves no panorama do teatro nacional”, que partiu sen libreto. Fórono creando entre todos cun punto único de partida, no que Nagore, o alter ego de Sanzol, se sitúa no momento no que o seu marido marcha da casa: “Vaise coa súa amante e ela necesita saír dese buraco negro e entra en xogo a nai, que a pon en contacto cuns amigos seus, unha familia composta por un profesor de ioga, un fisioterapeuta e un preparador físico”. Este último é o personaxe de Martiño, “un tío moi botado para adiante, que liará máis as cousas”. 
Porque se trata de comedia e drama á vez, “La respiración” foi medrando a través de encontros, de charlas en torno a unha mesa onde todos xuraron que o que se falase non traspasaría a porta. E Nagore (Nuria Mencía) é Nagore “porque se Alfredo tivese nacido nena, chamaríana así”. 
Deste xeito, algunhas das improvisacións son parte da montaxe para falar da alma humana. As tres figuras masculinas daranlle “un bo meneo á historia”, que entende de enredo e fai uso do humor para ablandar as circunstancias dunha muller que ten como nai a Verónica Forqué e que lle axudará a voltar á superficie con toda a súa experiencia amorosa. Rivas conta que está moi contento de estar na casa “por fin”, de que o vaian a ver a súa familia e amigos e de facelo no Rosalía: “O teatro é un personaxe. Notas a diferencias de cando actúas nunha atmósfera teatral a cando o fas en teatros que parecen salas de conferencias”. 
Para o coruñés, algunhas modernas son totalmente opostas ao clima que pide a interpretación: “Parece que actúas nun quirófano. Son lugares asépticos”. O de Riego de Agua non o é. É máis ben un regalo no que o contido gaña peso: “O teatro Rosalía é para min o mellor escenario posible no que actuar”. 
Nel, Martiño destripará o que hai dentro de cada un para pasar á pantalla pequena e estrear en Telecinco a serie “Sé quién eres”, ademais de “Las chicas del cable”, que tamén espera o seu turno. Entre un e outro hábitat, o actor non ten preferencia: “Gústanme as cousas ben feitas, as historias que merecen a pena ser contadas e nas que a xente ten vontade”. Cun ambiente propicio, Rivas sostén que “todo parte do mesmo sitio e o soporte é o menos importa” nun proceso no que o primeiro día é determinante: “Ata entón non se sabe o que vai ser”. En “La respiración”, o suspense prolongouse aínda máis.

“O teatro Rosalía é para min o mellor dos escenarios posibles no que actuar”

Te puede interesar