Sinsal ampliará o discurso musical con obradoiros, debates e artes escénicas

Sinsal ampliará o discurso musical con obradoiros, debates e artes escénicas
Os holandeses The Ex presentarán o seu repertorio experimental o 15 na sala Normal

Sinsal aliñará na cidade e desde mañá a súa oferta musical con outras disciplinas como a foto, o cine, a literatura, o coleccionismo, a arte plástica, a danza, a radio ou o vídeo nun concepto diferente de festival, que va máis alá da sala de concertos.

Deste xeito, ademais dos directos dos coruñeses Nouvelle Cuisine, o 31 de outubro; do artista francés Michel Cloup, o día 10; dos holandeses The Ex, o 15; de Mano de Obra, o 16; e de Ulrica, o 23, o evento estenderase ata ofrecerlle ao espectactador unha programación á carta na que poderá escoller entre visionar pelis domésticas en Súper 8 a participar nun debate sobre a lingua galega nas canles literaria e musical, da man de Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro, o 25.

“Sinsal é Normal” terá acubillo no edificio antigo de Maxisterio para romper a liña do tempo. E ser pasado que trascende na actualidade e presente que traza as coordenadas do futuro. A través de actividades que tratarán de rescatar a sensibilidade doutro tempo para poñela ao servizo do contemporáneo nunha rede social aberta. E cun discurso adaptado ao momento actual.

Deste xeito, outubro e novembro activarán o espazo cunha primeira performance vinculada ao cinema en “La Brecha”, que terá lugar mañá ás 20.30 horas con Rodrigo Losada, Marcos Nine, Bettina Korten, Ximena Losada, Elena Duque e Miguel Mariño. Nouvelle Cuisine deixará a porta aberta ao Super 8 o 31 e a Normal será laboratorio de fotografía o 2 cos ritmos experimentais de Like Drone Razors Through Flesh Sphere de fondo. David Saavedra e Javier Becerra reflexionarán en alto sobre o feito de escribir sobre música, o 5 de novembro, e Mario Regueira e Xesús Fraga analizarán o 7 a música na literatura galega.

Sinsal pasará por ser tamén unha escola que acollerá a conferencia sobre “O disco é Normal” con Anki Toner e Julio Gómez, o 9 de novembro, e obradoiro familiar, o 10, sobre “A Historia Da Música Enlatada” para adoptar o 12 o formato debate con Xurxo Souto e Daniel Salgado, que dialogarán sobre a literatura na música galega.

Janet Novás ofrecerá o 16 o espectáculo de danza-performance “Cara Pintada” e as actividades para desfrutar en familia seguirán o 17, esta vez, co taller de Ariel Ninas “Músicas para Peto”. A fotografía voltará a estar presente o 19 cunha nova conquista no laboratorio acompañada da música de Miguel Prado e a performance atenderá aos caprichos da poesía o 22 en “(Retro) visor” con Antía Otero e Isaac Garabatos.

Será por tanto un mes no que terán cabida en Riazor públicos diversos. Todos metidos no mesmo saco e entre escenarios preparados para a participación. Cando o espectador é máis ca un simple espectador. n

 

 

Sinsal ampliará o discurso musical con obradoiros, debates e artes escénicas

Te puede interesar