O santiagués Daniel Asorey gaña o décimo premio Repsol de narrativa breve con “Nordeste”

O santiagués Daniel Asorey gaña o décimo premio Repsol de narrativa breve con “Nordeste”
El Ideal Gallego-2016-09-29-036-71f867d1

Daniel Asorey interrompía onte a súa clase de galego no instituto por unha boa causa. O seu relato “Nordeste” subía ao podio para coroarse co décimo premio de narrativa breve Repsol, que promove a fundación da firma e a Xunta, despois de ser finalista do Xerais e conseguir o undécimo Certame de Narracións Manuel Murguía en  2002, entre outros galardóns. 
O mestre santiagués elexiu o formato curto por aquilo de que non é doado combinar clases con literatura. Foi ata Brasil e do nordeste roubou unha instantánea na que se ven tres cabezas cortadas nunha escaleira en Pirañas. Así dá comezo á historia da que o xurado destacou a “intensa capacidade de fabulación, suxestiva amálgama de tempos e espazos e atractiva arquitectura do relato” para xuntar tres épocas nun tomo e ligar o territorio suramericano con Galicia, nun mundo de ficción onde o país é república independente porque, nesta historia, Os Irmandiños si venceron na loita. Conta o autor que os decapitados eran bandoleiros nun estado que alá polos 30 estreaba sistema con toque fascista e encargábase de cargarse ao sobrante: “Getulio Vargas, que foi presidente dúas veces, mandou disolver eses pequenos exércitos”. As tres cabeleiras “son hoxe un mito nacional” e sérvenlle a Asorey para reivindicar os dereitos en Brasil “neste momento no que se está a vivir un golpe de estado”. 
Na súa ensalada de personaxes están Carme de Candingas, unha inspectora galega do século XVII, que partindo dunha Galicia irmandiña, vai comprobar a súa legalidade da Compañía das Indias. 
Despois, o escritor salta ata o inicio do século XX para falar da historia dunha desas cabezas degoladas, María Bonita, e a de quen lle saca unha fotografía á barbarie e á que Daniel chamou Mathilda en homenaxe á fotógrafa Ruth Mathilda Anderson: “É unha historia fragmentada, dunha persoa paso a outra” e o relato documentado é tamén inventado. O gañador dubida se a imaxe se poderá usar para ilustrar un premio que ten como recompensa a publicación do conto e 12.000 euros, pero asegura que pulula por internet. No fallo que elevou aos altares a obra, estiveron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o xerente da Área Institucional e Cultural da Fundación Repsol, Gonzalo Vázquez; Luis Felipe Llamas, director da refinería coruñesa, e Armando Requeixo, voceiro do xurado desta edición.
García Gómez falou do galardón como “un exemplo efectivo dunha iniciativa que naceu para darlle impulso á lingua e á cultura galegas desde a responsabilidade social empresarial” mentres que Requeixo remarcou a habelencia do autor por recrear dous mundos en interconexión, ademais de poñer de relevo o acabado estilístico das páxinas que conforman a peza. Foron un total de 38 as propostas recibidas nunha convocatoria que viu incrementada a participación con respecto ás edicións anteriores.
O xurado integrárono o investigador e crítico literario Armando Requeixo, a profesora e escritora Carme Fernández Pérez-Sanjulián, o escritor e académico da lingua galega Euloxio R. Ruibal, o director editorial de Galaxia Carlos Lema e o escritor gañador da pasada edición, Marcos S. Calveiro.
Daniel Asorey Vidal conta no seu haber con publicacións literarias anteriores, como “De soños e memorias” (coautor, publicada por Espiral Maior), “O álbum da derrota” (en “Madrigal. Revista de Estudos Galegos”) e varias narracións en distintos números da revista “Olysbos”.

O santiagués Daniel Asorey gaña o décimo premio Repsol de narrativa breve con “Nordeste”

Te puede interesar