Rosalía e María Victoria Moreno encabezan a colección “Mulleres bravas da nosa historia”

Rosalía e María Victoria Moreno encabezan a colección “Mulleres bravas da nosa historia”
A colección adícalle o segundo número á nai da literatura infantil en galego

Rosalía de Castro e María Victoria Moreno son as primeiras, pero non as únicas que aportarán aos cativos unha historia brava, lonxe dos estereotipos que reducían as posibilidades das mulleres a facer país unicamente nas cociñas. Asegúrao Eli Ríos, a autora da biografía de Moreno que Urco Editora presentará mañá ás 18.30 horas na biblioteca do Fórum Metropolitano.
A recén premiada co Torrente Ballester en galego elixe a unha pluma, que é nai da literatura infantil en galego xunto con Neira Vilas. Foi tamén a primeira que introduxo personaxes femininos. Empezou a facelo en “Mar adiante” (1973) e non deixou de facelo nunca porque aínda que era orixinaria de Cáceres, cando chegou a Galicia para ocupar unha praza de mestra, “namorouse da nosa cultura e lingua e escolleu que a súa vida fose en galego”.
Moreno é o número dous dunha colección que encabeza Rosalía no un, separada da súa etiqueta de esposa de Manuel Murguía. Feita con toda a valentía que lle levou a escribir en galego cando ninguén o empregaba e menos unha muller.
Conta Eli Ríos que na escolla participa todo unha equipa coa ilustradora Eva Agra e xente que purra pola igualdade de xénero: “Mira que teño traballado con editoriais pero hai un bo ambiente e todas teñen moita ilusión”.
No seu caso, relata a vida dunha que verteu por vez primeira nomes protagonistas como Araceli, Maite e Mireia: “Presentámolo en Culturgal e veu a neta de María Victoria e díxonos que se parecía moito a súa avoa”. Agra e Ríos deron no cravo e hoxe a historia da que propiciou criaturas con tapas que falasen en galego para os nenos paséase polas librarías para que a xente miúda se achegue á escritora: “Ela rompe cos esquemas e eu intentei facer o que me gustaría que me contasen da súa historia”.
Por iso, pasou moito tempo lendo sobre ela e “fiei unha especie de conto con datos reais e parte lúdica”. Así que ademais de relatar o que fixo esta muller, Eli Ríos propón no libro unha serie de actividades infantís para que máis alá de mastigar cultura, os cativos poidan pasalo ben aprendendo.
O terceiro volume de “Mulleres bravas da nosa historia” estará adicado a Xulia Minguillón, sobre a que escribirá María Reimóndez. O cuarto versará sobre un pincel chamado Maruxa Mallo. Tocaralle a Elvira Ribeiro. Os dous sairán en marzo.

Rosalía e María Victoria Moreno encabezan a colección “Mulleres bravas da nosa historia”

Te puede interesar