Reportaxe | Tres restaurantes e centos de coruñeses remexerán mañá un caldo de gloria

Reportaxe | Tres restaurantes e centos de coruñeses remexerán mañá un caldo de gloria
Xesús Cetina preparará hoxe até 100 kilos de potaxe

Empezaron a remover o caldo na súa vila padronesa como un xesto máis de reivindicar que aquela Rosalía que se tratou de impoñer, “de naiciña e santiña” era falsa. A fundación que pasea o seu nome chama aos coruñeses e aos galegos a que hoxe e mañá poñan os grelos e as fabas a ferver na pota.
Tres restaurantes da cidade secundarán a iniciativa. En El Corte Inglés, o seu chef Jesús Cetina dálle lume ao potaxe galego todos os días. É unha das especialidades máis demandadas e aínda que na súa receita entra no baile a carne de porco, hoxe seguirá a dos pobres, que en tempos de fame enganaban ao estómago, sen apenas proteína. Conta o experto que farán até 100 litros de caldo, parte distribuirano na Cociña Económica.
A base de auga, sal, patacas, unto, grelos e fabas, o centro remexerá un pote que gaña se máis cantidade de caldo se fai: “Aunque en proporción debería ser igual de rico si se hace un litro no está tan bueno”.
Coa materia prima dicindo “glub glub” durante dúas horas, case tres para que os legumes queden rebrandecidos, Rosalía latexará en todos os establecementos que El Corte Inglés ten en Galicia, no centro benéfico da rúa do Orzán e no propio restaurante de Ramón y Cajal onde se servirá como pincho e prato principal.
Desde a Fundación Rosalía, o seu presidente Anxo Angueira, conta como a efeméride que se celebra o 24 de febreiro, día no que naceu a escritora, ten cada vez unha maior repercusión: “Isto demostra que está viva e que a nosa sociedade tamén”. Porque Rosalía move, Galicia cociñará o seu caldo de gloria, que proclamou no poema “Miña casiña, meu lar”, de “Follas Novas”, en fogos de toda raza e condición.
Comerase na contorna de Padrón, tamén na franxa onde se deron moitas voces do Rexurdimento, Bergantiños, e no resto do país: “A receita é moi sinxeliña. Auga, sal, verzas cun pouco de unto e bolo de pote”, que é a fariña que no poema atopou “a señora no fondo da artesa. Hai que amasala e bótase a cocer como se fora unha pelota”. Explica Angueira que “moitos galegos non sabían o que era o bolo de pote e preguntáronlle ás avoas”. Unha vez dixerido, desde a entidade convidan aos que se sumen á idea a ler un poema dela, calquera, para recordala e poderán se queren ou non compartilo nas redes a modo de instantánea cos seguintes hashtags #CaldodeGloria ou #DíadeRosalía.
A resposta da xente supón para a fundación “moitísima alegría: “Case se festexa durante toda a semana”. Coa data ponse enriba da mesa á Rosalía loitadora e transgresora, liberada daqueles adxectivos que pouco favor lle facían ao terruño que habitou. Hoxe brilla coa alborada de fondo porque “a autora representa a esperanza e a ilusión por unha Galicia mellor. Por iso, hai que celebrala con alegría”.
Unindo á gastronomía como ocorre en todas as festas galegas, a celebración é redonda. En La Postrería, deconstruirán o caldo da gloria para que os clientes o degusten en crema, ben trituradiños os ingredientes, o local de San Andrés abrazarase así á composición “Con un pouco de unto vello que o ben souben aforrar e ca fariñiña munda xa tiña para cear. Fixen un caldo de groria que me soubo que la mar, fixen un bolo do pote que era cousa de envidiar”.
En Bido, tamén repartirán cuncas del e, en definitiva, Anxo chama a facelo en toda Galicia e fóra: “Celebrando as nosas orixes” porque esa señora que construiu esa comida exquisita co pouco que tiña “era feliz. Está aí para todos nós, para saber de onde vimos e o que fixeron as nosas nais para que non pasásemos fame”.
Ademais de entrar pola boca, Rosalía entrará ás 20.30 horas hoxe no teatro Colón a modo de música e poesía, da man de artistas como de Najla Shami, Nastasia Zürcher e Abe Rábade, Tempo Catro e Xiana Lastra (A banda da Loba) na parte musical e Cesáreo Sánchez Iglesias, Marta da Costa e Rosalía Fernández Rial e Anxo Angueira na poética.

Reportaxe | Tres restaurantes e centos de coruñeses remexerán mañá un caldo de gloria

Te puede interesar