Reportaxe | Lembrando a quen tiña o don de estirar a palabra con palabras

Reportaxe | Lembrando a quen tiña o don de estirar 
a palabra con palabras

Unha das cousas que aprendeu Xavier Alcalá de Casares foi que había que tirar da palabra. E a palabra estirouse onte, fíxose conto en varios puntos da cidade como cando “o pequeniño” poñíase a falar e a facer maxia: “Tiña a capacidade de contar o que os demais non, sendo narradores”.
Formatos foi un deses lugares que o recordou. As letras empurraron a porta do local que abriu en festivo para ser acubillo de anécdotas que levaron aos presentes a unha casa de comidas en Vigo chamada Esperanza. Alí, Alcalá e Carlos Casares compartiron mesa coa xente negocianta do pescado e con Laxeiro, a quen o homenaxeado mandou calar: “Laxeiro colleu e díxolle: ‘Eu hei de morrer fodendo’” e ao marchar, Alcalá contou que lle lanzou unha servilleta chea de trazos mal feitos e díxolle “toma, véndeo se queres”.


Na libraría, as letras foron poesía con Estíbaliz Espinosa, Pedro Casteleiro e Xavier Seoane, quen falou de Casares como un escritor moi interesante, “quizais a súa dedicación a moitas cousas á vez impediulle ter unha obra literaria de maior envergadura”.

De quedarse cun libro, Seoane escollería “Vento ferido” e o conto terminou con empanada nun encontro coa palabra oral que será hoxe ás 19.45 horas presentación de “Cicatrices de ferro nas palabras. A obra poética e programa cultural de Valentín Paz Andrade”, por Carlos Callón, e “A Alquitara” presentada por Séchu Sende, as dúas obras de Figurando Recuerdos Edicións.

Pola mañá, as verbas soaron a un volume importante en María Pita. Saían vivas do salón de plenos, das bocas de veciños que elixiron un texto para regalar en alto. As súas voces escoitáronse por altofalantes no resto da praza. Deste xeito, os fragmentos de “A galiña azul”, “Ilustrísima” ou “Un polvo xigante” chegaron aos oídos dos cruceristas que se pasearon en chanclas nunha xornada chuviosa e repicaron no bronce da escultura de María Pita e nos que escollían paseo como alternativa para festexar a efeméride.

Dentro, na sala onde se decide o futuro da cidade, a escritora Lía Santiso soltaba a voar palabras fermosas como “aloumiños”, “cóxegas”, “doces ás agachadas” para definir á infancia nun poema de colleita propia na que resumía o poder dos cativos en catro verbos: voar, soñar, rir e amar. Para lembrar antes as letras infantís de Casares en “O Leoncio”, que tiña dúas manías, a dos discursos e os inventos.

O protagonista fabricaba canos disparadores de caramelos, alfombras voadoras e bombas da felicidade, que botaban os paxaron a unha distancia dun kilómetro do chan. A escritora leu que unha vez arriba, o contrasinal para facer estoupar o aparello era “paspallás, pío, pío, piano”.

Escoitouse “O maio” de Curros Enríquez e a concelleira Rocío Fraga escolleu un artigo sobre o tratamento de violencias machistas, “Ser culpables”, Carlos optou por “Cando cheguen as chuvias” e o máis novo de todos, Adrián alcanzou o estrado da man da súa nai para deleitar con “Toribio, o contador de contos”.

Outra edil, Claudia Delso, foise a “Ilustrísima” para rescatar a chegada do cinematógrafo a unha vila galega. E o reduto reflexionou sobre a tolerancia nun día atípico no plenario onde Rosario Sarmiento facía erguer ás palabras de “Deus sentado nun sillón azul”.

Foliada
Se pola mañá, as palabras circularon en modo narrativo e de debate, pola tarde foi aturuxo e música, letra de canción. A praza de España levouna de paseo nunha foliada que comezou sobre as sete e deu paso ao concerto de Xabier Díaz e “Adufeiros de salitre”.
As letras galegas seguirán sendo protagonistas ao longo destes días nas librarías. Hoxe estarán en Suévia ás 20.00 horas nunha conferencia de Tomás González, de Urco Editora sobre “A historia da literatura fantástica en sete pasos”, con motivo da exposición que se pode visitar na sede da asociación veciñal Agra do Orzán.

Voltará a ser lectura ás 11.30 horas en Azeta, esta vez, a través dos nenos do CEIP Concepción Arenal que recordarán a escrita de Casares na praza de José González Dopeso.

En Couceiro mecerase ás 19.00 horas con música da man de Clarinets Winds, e en Berbiriana adoptará o formato charla con Estíbaliz Espinosa, ás 19.30 horas. Sisargas fará dela un vehículo ás seis para pasear coa imaxinación polo fondo do mar en "Unha paseata submariña pola cidade do Orzán". Moito Conto organizará ás 19.30 horas o monólogo "Profundizando na Galiza profunda", de Dinamo, e xa en pantalla, o CGAI proxectará parte dos gañadores da 15 edición dos Mestre Mateo con entrada de balde. A sesión comezará ás 20.30 horas coa presenza de Carlos Ares, presidente da Academia Galega do Audiovisual, que introducirá co produtor Sergio Frade a película “María y los demás”. Juan Galiñanes falará de “Einstein-Rosen” e o visionado rematará en coloquio. A filmoteca continuará mañá con “Decorado”, de Alberto Vázquez, e o documental “Esquece Monelos”, de Ángeles Huerta. Serán os propios membros do equipo, a directora e a produtora Marta Eiriz as que presenten unha peza que aborda a memoria. En Afundación, haberá mañá tamén unha sesión na que os pequenos se sumerxirán nos contos “A galiña azul” e “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”.

Na área metropolitana, Betanzos viviu o Día das Letras Galegas con actuacións na rúa. A libraría Biblos dinamizou unha xornada na que os de Fuliada tocaron a pandeireta e o vermú veu acompañado pola intervención de Ramón Piña. Cambre tamén se vestiu de celebración nunha “festa da lingua” que tomou o salón de plenos para que os pequenos pintaran a Carlos Casares con lapis de cores e xogaran a un trivial sobre a cultura e o patrimonio do seu concello.

Reportaxe | Lembrando a quen tiña o don de estirar a palabra con palabras

Te puede interesar