“Quixen facer un guiño a lugares emblemáticos que calquera coruñés identificará”

“Quixen facer un guiño a lugares emblemáticos que calquera coruñés identificará”
28 abril 2013 A Coruña.- Fotografía del dibujante Miguelanxo Anxo

Sen concesións. En branco e negro. Na Coruña e coas preferentes como punto de partida. “Presas fáciles” (El Patito Editorial) é este e aquel outro tamén. Todos os que puideron ser e son vítimas dun sistema fallido.

Leva anos maquinando o tebeo, algún contratempo?
Botei bastante máis tempo, non porque medrara como ocorreu con “Ardalén”, senón porque xurdiron dous encargos con data de realización, o de Miguel de Cervantes e a Banda Deseñada do “Retablo das Marabillas”, ademais dun proxecto de animación. É a miña primeira incursión no xénero policíaco e iso fíxome traballar con máis precaución que noutros rexistros nos que me sinto máis cómodo. 

Supoño que os cambios afectan á forma de contala.
Houbo un cambio na mecánica da historia. É un tipo de narración na que non se pode facer unha elipse, tes que dar datos. Algo pódese transmitir por diálogos e tamén unha parte importante a través da acción. A historia ía consumindo moitas páxinas para contar o que pasaba e para alguén coma min que ten unha predilección por facer reflexionar aos personaxes, hai un cambio importante. Sempre tes que axeitar a parte visual ao tipo de historia que contas. Renunciei nun primeiro momento á cor, algo que estiven xustificando continuamente no salón de Barcelona. A historia pedía branco e negro e un exemplo do cambio é que cando me pedían dos gabinetes de prensa unha escolma de cinco ou seis imaxes, fun incapaz. É a primeira vez que me pasa. Nese tipo de imaxes que te piden, ademais de representativas procuras que teñan algo de goloso visual. Que sexan atractivas por si mesmas. Máis alá da cuberta en cor, as únicas viñetas que hai nos álbumes bonitas son as das paisaxes da Coruña. Na historia non caben preciosismos e ningún tipo de salvedade estética. Non quería que se reducira a intensidade emocional e de cabreo do lector que seguira a trama. Foi unha renuncia expresa porque “Ardalén” se move no tráxico e no melancólico, pero ten unha cantidade de momentos golosos. Neste caso, non, é unha historia sen concesións. 

Pero A Coruña brilará no conto.
Eu espero que si, que os coruñeses identifiquen a cidade e lles guste como está representada. Supoño que os de fóra nin sequera repararán ou pensarán que son escenarios anónimos. Quixen facer un guiño a lugares emblemáticos que calquera coruñés identificará. Tampouco pretendín que fosen postais, pero hai vistas do Obelisco, sen velo, da Marina e Os Cantóns. 

A Marina nova ou a vella?
É máis a vella que a nova. Algún recuncho da Cidade Vella tamén aparece e ao mesmo tempo outros lugares que si son ficticios. Pódennos lembrar a certos lugares, pero non son estritamente exactos. Saen dese xogo que fago coa memoria. 

Está inspirada en feitos reais?
A trama non, pero si o punto de partida das dúas primeiras páxinas. Foi por un caso que escoitei na radio, a noticia dunha parella de anciáns que ante a imposibilidade de facer fronte a unha hipoteca por ter os aforros todos metidos en preferentes, cando lles chega a data de embargo e desafiuzamento, optan por sairse da historia. Daquela, pensei que non escoitara ben, que iso non podía suceder no meu país. Desgraciadamente, non foi o único caso. 

Entón, a historia vai para atrás?
Non, a historia vai hacia diante, os sucesos van encaixando con ese primeiro dato. Recoñezo que a trama policíaca que responde aos estándares deste tipo de historias dá pé a conversas entre a inspectora Tabarés e outras persoas que se enfrontan a interpretacións e puntos de vista sobre estos sucesos e como os acontecementos van máis alá de posturas ideolóxicas. Conlevan ao fracaso do pacto social. Non cuestionan o progreso ou o conservadurismo, senón os mínimos da sociedade moderna e non é o único furado negro. Isto só puxo de relevancia como en determinados momentos, o aparello do estado que se pon en pé a partir da Revolución Francesa para garantir os dereitos sociais mira para outro lado e fai como que non se entera. 

Para poñer sobre o papel á inspectora Tabarés e a Sotillo.
Sí, a verdade é que nunca me interesou retomar personaxes. Os meus libros comezan e rematan en si mesmos, pero no libro tiven a sensación un pouco frustrada de non poder desenvolver humanamente aos personaxes. Que facía Tabarés cando marchaba a casa e despedíase de Sotillo e collía o bus número 7? Non tanto como un proxecto de serie estándar, pero non desbotaría a inspectora Tabarés e a Sotillo porque llelo debo. Prestáronme o servizo para o que os chamei e non está demais que lles dea un chisquiño de vida.

“Quixen facer un guiño a lugares emblemáticos que calquera coruñés identificará”

Te puede interesar