• Martes, 12 de Diciembre de 2017

Unha película “morteña” capaz de activar os cinco sentidos

Cando Ignacio Vilar tiña 20 anos, percorreu a Costa da Morte de cabo a rabo. Daquela, a súa compañeira e mais el sentíronse cheos pola natureza que enguliron en dúas semanas e aquel seseo constante que escoitaban da xente.

Unha película “morteña” capaz de activar os cinco sentidos
O equipo acudiu ao primeiro pase nos Cantones Cines	javier alborés
O equipo acudiu ao primeiro pase nos Cantones Cines javier alborés

Cando Ignacio Vilar tiña 20 anos, percorreu a Costa da Morte de cabo a rabo. Daquela, a súa compañeira e mais el sentíronse cheos pola natureza que enguliron en dúas semanas e aquel seseo constante que escoitaban da xente. Lembraba onte no primeiro pase de “Sicixia”, o seu vindeiro asalto cinematográfico, que no tramo que vai de Cabo Vilán a Camelle, xusto antes de chegaren á praia do Trece, caeu unha treboada que deron superado pero que quedou gravada nas súas cabezas ata hoxe.
O que levou o clásico de “A Esmorga” á gran pantalla contaba que a mente ten a estraña manía de pensar no pasado e no futuro, pero nunca no presente. Son os sentidos os que o fan. El quixo metelos na película e así foi como o filme soa ao bater do mar nos Cantís, ao vento que se queixa no Pindo e ao bulebule da lonxa.
Ademais das imaxes, que son impresionantes, “Sicixia” é moito máis. É país en nome dos que se reúnen e organizan “tanas”, que é como lle chaman en Fisterra ao botellón, e daqueles que fan “campañas” e non electorais a moitas millas de aquí e que voltan coa familia para descubrir que os seus fillos non os recoñecen.
Deses contos fala a longametraxe, que é tamén unha historia de amor de dúas persoas casadas con historias no chasis: “Para meterte na Costa da Morte tes que vivir e coñecer a súa xente”. Nos anos que el pasou vivindo alí despois daquela andaina, o cineasta queda con toda esa variedade dialectal: “Ese seseo está unido ao vento e á natureza”.
Un enxeñeiro de son (Monti Castiñeiras) e unha autóctoctona que lle fai de guía (Marta Lado) protagonizan ese percorrer pola costa en busca de bandas sonoras, que lles serve tamén aos dous para atopar o seu lugar no mundo, nunha peza que pretende achegar todo ese patrimonio en movemento alén de Pedrafita.
Producida por Vía Láctea Filmes, a cinta viaxará ao festival de Toulouse. Alí competirá con outras seis. A Furna de Buserana escoitarase tamén na cidade do Sena, antes de regresar á terra. Nos cines galegos e nacionais poderase ver desde o 25 de novembro, tres invernos de rodaxe reducidos a cen minutos de salitre nos que colaboraron os concellos de Carballo, Fisterra, Camariñas, Cerceda e Cabana de Bergantiños.
Do mesmo xeito, Porto-Muíños tamén pon o seu nesa intención de facer ver que debaixo da auga, Galicia ten outra horta. O seu patrón, Antonio Muíños, contou que Ignacio Vilar é unha desas persoas que te enchen e te convencen.

unir a costa
Por iso, o proxecto recibiu un si case instantáneo do que comercializa coas algas que cre que “Sicixia” vai adosada a ese orgullo “do que somos e facemos e con esa teima de “unir a costa porque todos somos parte da mesma”, a película bota a andar co apoio da administración.
O secretario de Política Linguística, Valentín García, e o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, acudiron onte á presentación nos Cantones Cines dunha creación que golpeará contra as butacas neste inverno, levando a esencia dunha parte da costa que pasea a parca e que, segundo Antonio Muíños, fará que moita xente colla o coche para comprobar eses sons que fixeron aos protagonistas soñar despertos cun pequeno retrato gráfico e sonoro da rapa das bestas de Sabucedo.