Pablo Milanés e Batallán, Sés ou o Ballet de Camagüey pasarán polo Colón neste trimestre

A Deputación conducirá outros seis meses máis a programación do teatro Colón antes de que se materialice o trasvase ao Concello para remunicipalizar un espazo que traerá ata abril propostas de produción propia e consolidará a liña de que “a cultura é un dereito”.

Pablo Milanés e Batallán, Sés ou o Ballet de Camagüey pasarán polo Colón neste trimestre
Xosé Aldea e Goretti Sanmartín presentaron os primeiros tres meses do Colón | quintana
Xosé Aldea e Goretti Sanmartín presentaron os primeiros tres meses do Colón | quintana

A Deputación conducirá outros seis meses máis a programación do teatro Colón antes de que se materialice o trasvase ao Concello para remunicipalizar un espazo que traerá ata abril propostas de produción propia e consolidará a liña de que “a cultura é un dereito”. Deste xeito, o organismo provincial seguirá ofrecendo espectáculos con invitación e a prezos populares co obxectivo de facela accesible para todos. A vicepresidenta Goretti Sanmartín e o coordinador Xosé Aldea presentaron os tres primeiros meses onde a música e o teatro seguirán sendo a base do biscoito cunha perla como o encontro de Pablo Milanés con Luís Emilio Batallán, que se completará co concerto de Ses en dúas entregas, o Son Galego, Son Cubano de Roi Casal, Khitara ou a Real Filharmonía de Galicia. No apartado teatral, poderase ver “Ubu Rei”, de Talía Teatro, escachar de risa co humor de “Noites de Retranca” e vivir da maxia de “Contos na Lareira”, dúas fórmulas que gustan, ademais de “Carmen” do Ballet de Cuba Camagüey.

Sanmartín sinalou na presentación que continuarán nas mesmas tras os case 40.000 espectadores que participaron no pasado semestre con máis de 80 eventos que inauguraron unha liña que agora se consolida, “coa cultura como servizo público, promoción das producións galegas, busca de novos públicos, en especial o infantil, e unha oferta diversa”, sinalou a responsable. Consolídanse tamén as “Matinais dos domingos” dirixidas ao público familiar, o programa escolar e unha oferta diversa con teatro, danza, música e humor.
Ademais, haberá dous espectáculos feitos na casa, o primeiro, o 23 de febreiro, conmemorará o nacemento de Rosalía con Abe Rábade e Natasia Zürcher, Najla Shami, Uxía con Serxio Tannus e Santi Cribeiro, Xiana Lastra con Andrea Porte e Tempo Catro e a voz poética de Anxo Angueira, entre outros. A segunda das convocatorias xirará arredor do Día Internacional das Mulleres e responde ao título “16Mx8M” aínda que chegará o 10 de marzo. Trátase dun espectáculo feminista que contará con MJ Pérez, A Banda da Loba, Mounqup e Máis boas que as patacas coa compañía trasPediante como fío condutor. Pola súa parte, o coordinador Xosé Aldea sinalou a participación nas matinais de Mamá Cabra, Pistacatro, Galeatro ou de Rababiero coa ópera “A Frauta Máxica”, que inaugura o ciclo mañá. A oferta para o público novo complétase no programa escolar con “A Noiva de Don Quixote” de Emedous Producións e Distribucións e “#Camiños” de ButacaZero.