Os ollos nos que Seoane vía Galicia

Os ollos nos que Seoane vía Galicia
Seoane pintou en numerosas ocasións os ollos verdes e profundos de Maruxa nos que dicía ver Galicia e o seu mar

centenario de maruxa seoane a compañeira e gran colaboradora do xenio

Dicía Seoane que cando miraba os ollos de Maruxa, estaba vendo Galicia. O certo é que a forza que tiña a súa mirada era simbólica do que gardaba dentro, que fixo que Luís fora máis grande aínda. Ela foi peza clave durante pero tamén despois porque, ademais de ser a encargada de dispoñer do material de traballo colocándolle as telas nos bastidores a Seoane e ordenando as pinturas, Maruxa foi todo un estímulo con forma de muller que lle facía medrar no que facía.

Por iso, logo da morte do seu marido, Maruxa aseguraba non esquecer ningunha das súas pinturas. Estaban todas arquivadas na cabeza. \“Ela podía autentificar sus obras y no le metían gato por liebre\”, comentaba a súa amiga Mercedes Boado, porque Maruxa estivo na construción de cada unha das pezas que saíron do pincel de Seoane no piso de Paseo de Ronda no que se estableceron nos sesenta. Desde alí, o artista sentouse un día nunha cadeira a pintar o mar do Orzán.

Ela colocáballe as telas dos lenzos, ordenaba as pinturas e clasificaba todo o material ao seu home

Nesa atalaia coruñesa, conta Xosé Díaz, o matrimonio adicaba todas as mañás a crear. Maruxa clasificáballe a materia prima co fin de que estivera a punto para que o xenio vertese xenialidades sen parar ata o mediodía e xa na tardiña, os dous \“recibían\”.

Abrían a porta a colegas de profesión e amigos en reunións nas que non faltaba de nada e das que con sorte moitos podían desfrutar da comida de Maruxa. \“En Bos Aires tiñan fama as súas empanadas\”. Aquela casa na cidade chegou a converterse nun pequeno ateneo, dicía Boado. Ela e o seu marido, o tamén artista Felipe Criado, tiveron a sorte de poder asistir ás tertulias sendo moi novos.

Tertulias > Rodeados de xente cun enorme coco e cousas que contar, Mercedes escoitaba as historias caladiña e ía aprendendo da vida en silencio, grazas á amibilidade dos seus veciños. Porque os Seoane vivían no mesmo edificio no que Criado tiña o seu primeiro estudo, naceu unha relación que fixo que Mercedes poidese coñecer as dúas Maruxas, a primeira con Seoane da man, na que soubo manterse á marxe como tantas outras mulleres que traballaron na sombra, e a segunda, descolocada no mundo pero coa forza suficiente como para atopar unha motivación que lle fixo desquitarse da súa depresión e completar o seu labor rescatando o legado do seu marido disperso na Arxentina.

Foi así como colleu o barco ata en dez ocasións e trouxo parte do material envolto en carpetas de forma clandestina. Sinala Xosé Díaz que tamén deu en contactar con distintos capitáns de mercantes que lle levaron máis pezas e desembarcáronas en portos galegos, en Bilbao e Lisboa.

Ela soa foi quen de recuperar os 230 óleos que hoxe descansan na Fundación Seoane porque aínda que Luís nacera no país criollo, a súa alma, explicaba o fillo de Díaz Pardo, era 100% galega.

De aí que o nomeara a el xunto con Xosé Luís Axeitos e Xavier Seoane albaceas testamentarios coa finalidade de asegurar dalgún xeito a súa intención de que a herdanza do seu home mirara sempre de fronte ao Atlántico.

Polo feito de que el era bonairense de carné, Arxentina tiña potestade sobre a súa obra e coidou de que ficara en América pero a crise económica que sumou ao país na miseria nos anos oitenta facilitoulle o traballo a Maruxa xa que moitos particulares se viron obrigados a desfacerse de cadros do seu marido.

Maruxa contáballe a Mercedes que tiña aforrados cartos para mercar este ou aquel outro lenzo e cando podía desenvolvía as súas dotes de muller para convencer ao goberno ou a quen fose de que tiña que deixarlle levar certas pezas por estar adicadas. E porque a parella decidiu regalar todo o seu pequeno gran patrimonio a Galicia, o poeta Xavier Seoane non atopa mellor definición para eles que a de \“reis magos\”: \“O matrimonio enriqueceu a unha sociedade galega que nada lles dera con todo o seu legado artístico e cultural\” e nunca lle torceron o brazo a ninguén despois de que Seoane tivera que fuxir pola porta de atrás para pillar o barco a Arxentina desde Portugal: \“Salvouse por nacer en Arxentina\”.

Franquismo > Do contrario, explicaba Seoane, tivera sido vítima do franquismo. Aínda así, eles non tiveron reparo en ceder a unha terra na que nunca deixaron de pensar o que a terra non puido desfrutar na ditadura cando Luís codeou cos grandes latinoamericanos e coincidía no cine cun tal Borges e falaba con Cortázar.

Así que ademais dos óleos, no edificio que Maruxa pensara para albergar o que foi dispoñendo no piso de Paseo de Ronda están os debuxos, os gravados, a correspondencia, os ensaios que xunto a unha gran colección de libros gardados na Real Academia Galega dan boa conta de que Seoane foi un gran bibliófilo con primeiras edicións importantísimas.

Cen anos despois do nacemento da dona de Luís, a Fundación Seoane encárgase de controlar o material que arrastrou a este lado do océano para ensinalo desde moitas perspectivas como perspectivas poden rasgarse en todo canto tocou Seoane, a falta de que constrúan o catálogo razoado da súa obra. Para iso contarán coa man experta de todos os que os coñeceron e admiraron a un xenio que coma todos, tivo detrás a unha gran muller.

Ela non puido chegar a ver a Fundación Seoane funcionando pero si estivo no día da inauguración das obras cando o propio Francisco Vázquez a foi a recoller a súa casa para vivir un dos días máis emocionantes.

Morreu aos poucos meses do acontecemento pero marchou sendo consciente de que os deberes foran ben feitos. Impecables. Para meter todo o seu pequeno gran patrimonio nunha caixa forte situada nun lugar espléndido, mirando o mesmo mar que Seoane atisbaba desde a fiestra no piso de Paseo de Ronda. O que tiña sempre ao seu lado. So lle bastaba con mirala e podía ver Galicia. Dicía Seoane.




















Os ollos nos que Seoane vía Galicia

Te puede interesar