“A obra de Filgueira Valverde é un capítulo grandioso da historia da literatura galega de todos os tempos”

“A obra de Filgueira Valverde é un capítulo grandioso da historia da literatura galega  de todos os tempos”
Xosé Valverde Filgueira

Non pasa moito tempo sen que Xesús Alonso Montero, o actual presidente da Real Academia Galega, pase pola cidade de Carvalho Calero a visitar a amigos ou levar a cabo algunha actividade. Onte fixo ámbalas dúas cousas. Presentou na librería Nobel a única biografía de Xosé Filgueira Valverde que se ten publicado ata o de agora o ano en que se lle adica ao polígrafo pontevedrés o Día das Letras Galegas, “Xosé Filgueira Valverde. Unha biografía intelectual” (Edicións Xerais). Asemade, desprazouse ao local social da Gándara, en Narón para pronunciar unha conferencia sobre a República, organizada por Esquerda Unida. E como sempre, Alonso é un gorentoso festín para calquera xornalista.

Regresa vostede a Ferrol, unha cidade que lle resulta moi próxima.
Así é, gústame moito o Ferrol de Pablo Iglesias. Dixen isto mesmo nunha conferencia en Barcelona no ano 1972 e acabei na cadea.
A piques de comezar a parte esencial das Letras Galegas deste ano, e presentando a súa biografía. Como cre que transcurriu a polémica pola figura homenaxeada, Xosé Filgueira Valverde?
A polémica durou apenas un mes con algunha reacción que se foi calmando. A partir de aí o publicado en prensa foi esencialmente favorable a súa figura e ao seu franquismo ou dereitismo. A Real Academia Galega (RAG) ten tantas formas de pensar como a sociedade e decidiu por maioría a súa homenaxe. Se se trata do pasado eu vou dicir o nome dun intelectual que asinou os principios do Movimiento, un tal Xesús Alonso Montero. Claro que si, para comer, porque senón non podía ser funcionario. Na lei de educación do ano 70 Filgueira provocou pasmo nas Cortes franquistas por defender o uso do galego. Falamos do ano 70, non do 36. Nesa época houbo moitos galeguistas que pelexaron no exército fraquista, como Xaime Illa, Ramón Piñeiro e máis xente.

Excusa o seu comportamento deses anos.
E que para min Filgueira é un quintacolumnista que erosiona desde dentro as raíces do réxime, sen contar que xa no 37 un grupo de falanxistas de Pontevedra quixo matalo. Isto vese claro xa a partir do ano 42, con diversas iniciativas. Dise que se tiña o carné da Falanxe, pero o carné tamén podía ser un escudo... O que eu me pregunto é por que esta polémica con Filgueira Valverde e non cando se lle fixo esta homenaxe a Francisca Herrera, Risco, Cunqueiro ou incluso Otero Pedrayo...

Pero cre que a calidade literatia da obra de Filgueira está á altura dos autores citados?
A súa bibliografía é un capítulo grandioso da literatura galega de todos os tempos. Aí está a súa obra sobre a poesía medieval galego-portuguesa do 49 ou o seu estudo sobre Camoens do 58, traballos de referencia para calquera especialista... Filgueira é o derradeiro polígrafo galego, un home capaz de falar de calquera cousa.

Quería preguntarlle sobre o recurso da RAG ante o Tribunal Constitucional verbo do decreto do plurilingüismo da Xunta de Galicia.
Debería ser a sociedade galega, a depositaria da lingua, quen tería que pelexar polo seu idioma, pero ao no teren personalidade xurídica faino a RAG. Recurriuse o decreto no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, perdeuse; recurriuse ao Supremo, perdeuse, e agora recurrimos ao Constitucional na defensa dos dereitos das persoas galegofalantes, que consideramos vulnerados polo devandito decreto. Eu teño que dicir que isto no é algo persoal, non vai contra ninguén en concreto. Eu do señor Núñez Feijóo ou do señor conselleiro só recibín atencións. Eles cren que iso é o mellor para este país e nós pensamos que non, e cada un está no seu sitio neste tema. Pero non é algo persoal. Se no canto de Feijóo o presidente da Xunta fose Castelao ou Lenin, teña por seguro que faríamos o mesmo recurso.

“A obra de Filgueira Valverde é un capítulo grandioso da historia da literatura galega de todos os tempos”

Te puede interesar