“As nenas de hoxe son máis machistas que os propios homes”

“As nenas  de hoxe son máis machistas que os propios homes”

A presidenta da Confederación Galega de Asociacións de Nais e Pais de Centros Públicos e membro da xunta directiva da federación provincial di que o principal reto para o novo curso e deter as reválidas da Lei Lomce. Tamén explica que non entende a mentalidade das rapazas e que é moi difícil detectar o acoso escolar porque dáse a través do móbil.

¿Como se presenta o curso?
Con moitas dificultades, implántase a Lomce en 2º de ESO e en 2º de Bacharelato. Hai un recorte de profesorado importante e desaparece Educación para a cidadanía, é unha desfeita. Tamén a xente ten que comprar libros novos para 2º e 4º da ESO e para 2º de Bacharelato e os bancos de libros das ANPA non os teñen porque son todos novos. 

¿Que vos transmiten os pais respecto á Lomce?
Non entendemos e parécenos aberrante que un goberno en funcións saque un decreto reafirmándose nas reválidas cando nas de este ano contabilizamos unha ampla abstención. A Xunta recoñece un 40%, polo que eu plantearíame facer caso á cidadanía. 

¿Cales son as consecuencias destas reválidas?
Son graves. Este ano serán experimentais, pero o ano que ven un alumno de cuarto que teña todo aprobado e cun mal día quedará sen título da ESO. ¿Que fan os pais cun alumno de 16 anos na casa? É a pregunta que nos facemos, non lle poden negar seguir un Bacharelato. É incomprensible, inxusto e moi segregador. 

¿Cales son os principais retos para este curso?
Traballamos nun novo modelo educativo. Nas primeiras eleccións xerais, un 85% dos deputados estaban a favor de paralizar a Lomce. A primeira idea é paralizar as revalidas e logo derogar esta lei, que ninguén a quere e vai provocar moitísimo abandono escolar. Non hai nada peor para un rapaz que ver que o sistema non quere nada de ti.

¿Que outras melloras buscan?
Queremos educación de 0 a 3 anos, que non sexa asistencial como agora, senón máis académica. As garderías non teñen sitio, vese na Coruña, e os pais a necesitan para a conciliación. Se fose obrigatoria, faríamos un gran favor ás familias. Está tamén o tema dos comedores escolares, que como servizo da escola pública deberían ser gratuítos. Aquí están na man das ANPA e é un traballo que debería asumir a administración. Pedimos á Consellería que se cociñe nos centros, non nos gusta a comida de catering porque as veces a comida non chega en condicións. A Consellería di que xa teñen moitos cociñeiros e terían que recortar noutros sitios.

¿Segue presente o problema do número de prazas?
Os problemas están na Primaria, pero as prazas repártense de maneira xusta. Ningún neno vai quedar fora da escola pública, iso seguro. Os nenos con necesidades especiais están na escola pública porque a concertada, en certa maneira, escolle aos seus alumnos. Din que non teñen os medios, pero na pública tampouco os tiñamos, pero collimos os nenos e logo os pedimos. Logo cada vez hai máis nenos migrantes e hai que investir neste tema.

¿Que suporá a apertura do colexio de Novo Mesoiro?
Será un alivio, porque o que hai, o Manuel Murguía, era moi pequeno e un compañeiro empecinouse en conseguir que ese colexio funcionara. Comezamos cun comedor de once persoas que a empresa non quería poñer, e agora está a tope. Novo Mesoiro ten unha poboación infantil tremenda que vai a outros centros, incluso concertados, polo que virá ben. Primeiro necesita o colexio, pero logo tamén un instituto porque os nenos medran.

¿Cal é a relación co Concello?
Moi boa. Están abordando obras que non tiñan necesidade de facelas, a súa función é acondicionalos e o mantemento. Ten o problema de que aprobáronlle moi tarde os orzamentos. Ese boicot, sobre todo do PSOE, non o entendemos. Non aprobalos antes supuxo que tiveramos que facernos cargo das actividades extra escolares. Apostan polo público e teñen que seguir así.

Este ano o calendario escolar non levantou moita polémica.
Pensamos nun calendario que non ten que coincidir coas festas católicas. Non todos os nenos son cristiáns e estamos na escola pública. Este ano tivemos un segundo trimestre curtísimo porque a Semana Santa caeu moi cerca do Nadal e foi case perdido, mentres que o terceiro foi moi longo. Apostamos por un calendario racional, por exemplo, cinco semanas de traballo e logo unha de descanso sen deberes.

¿Estades totalmente en contra dos deberes na casa?
Dos obrigatorios si, non pode ser que un profesor decida a hora na que se deita un neno. É bonito e importante mandarlles un traballo que fagan durante a semana, pero non poden terse 20 exercicios de Matemáticas, dez de lingua e máis, para o día seguinte. Os nenos están esgotados, como docente podo dicir que nas dúas últimas horas están moi cansos. O traballo ten que facerse na clase porque hai tempo, pero hai que baixar as ratios de alumnos. 

¿Cales son os problemas nos centros da Coruña? 
Os mesmos que no resto, de mantemento das instalacións. O acoso existe pero non tanto coma se fai ver. A convivencia está ben plantexada, os nenos son moi tolerantes e a homosexualidade está asumida. É sobre todo ciberacoso e os profesores non o poden detectar, o acceso é complicado e o acosado ten que estar moi queimado para falar cun adulto. Na Primaria e Secundaria dáse moito machismo logo do feminismo logrado, en sentido de igualdade, xa que as nenas de hoxe son máis machistas que os propios homes. Hai unha dependencia do mozo insán a partir de 2º da ESO. O contan aos adultos e lles explicas que son relacións insáns, pero teñen unha mentalidade que non sei de onde saíu, os pais non son así.

Helena Gómez pensa que as novas tecnoloxías son vitais para mellorar a educación actual e incluso participa en grupos de traballo de WhatsApp cos seus alumnos.

¿Cales son as principais reclamacións dos pais?
Fan moitas preguntas. Como funciona unha ANPA, inscribilos ou asesoralos. As reclamacións fan referencia a cal é a necesidade de comprar tantos libros de texto, o gasto en setembro é terrorífico, deberíamos ter máis axudas. O banco solidario que puxo a Xunta ten poucos libros e as axudas non chegan a todos, tes que ter unha renda moi baixa. Estamos en contra dos libros de texto porque as editoriais están facendo negocio gracias ó Goberno. Insisto nos libros de texto de aula que poidan consultar. Coas novas tecnoloxías, o libro non é imprescindible e funciónase moito mellor porque aprenden investigando, queremos escapar da “chapatoria” promovida pola Lomce. Queremos un sistema educativo que se faga entre todas as partes da comunidade educativa e que dure polo menos 50 anos. 

¿A solución pasa polas novas tecnoloxías?
Xa se fai nun colexio de Arteixo. Teñen unha tableta e os pais non teñen que comprar os libros. Aproveitan as novas tecnoloxías e fan aprendizaxe por descubrimento, que é algo marabilloso, divertido e que lles quedará para sempre, son ferramentas coas que aprenden e xogan. O ideal sería ter dispositivos, en moitas materias os profesores permiten o uso do móbil en clase. Nun exame con libro, o descargan no seu dispositivo, o fan perfectamente e os pais aforran 25 euros. 

¿Pode crear dependencias destes dispositivos?
Nunha xornada a decana de Ciencias da Educación de Santiago dixo que canto antes estean coas novas tecnoloxías, mellor. Así aprenderán o tempo que lles poden adicar e que tempo é para o lecer. No recreo, o primeiro que fan os rapaces é mirar cantos wasaps teñen, pero se están coas novas tecnoloxías non van ter ese enganche porque o verán doutra maneira, cremos que aproveitarán o seu tempo de lecer para outras cousas.

Dicía que os alumnos escríbenlle polo WhatsApp, ¿como funciona iso?
Non é normal, dáse nalgúns casos. Por exemplo, nunha titoría fas un grupo e os nenos deciden que a profesora entre no grupo. Son grupos moi sans e preguntan quen fixo os deberes, cando é un exame, o que entra nese exame, son como grupos de traballo. Eles teñen moi claro para que serve e poden facer preguntas ao titor, pedir unha cita cos pais ou para consultas e sé que hai máis profesores que o fan. Ben utilizado é unha ferramenta moi positiva, elimina problemas de esquecemento de deberes, pero o teñen máis fácil para copiar.

“As nenas de hoxe son máis machistas que os propios homes”

Te puede interesar