Manuel María será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016

Manuel María será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016
El Ideal Gallego-2015-07-05-007-5a3d1a73_1

Dixo o membro da RAG, Francisco Fernández Rei, que a Academia nunca se equivoca e aínda que o seu favorito era Ricardo Carvalho Calero, o feito de que Manuel María suba ao podio dos grandes das letras non ten debate. A candidatura, que foi presentada polos académicos Darío Xohán Cabana, Fina Casalderrey, Víctor Freixanes, Margarita Ledo e Manuel Rivas, gañou onte por maioría despois de desbancar a Xela Arias nunha primeira volta e ficar por enriba do ferrolán nunha segunda. O eterno aspirante quedaba así outro ano máis ás portas cando hai 25 anos que faleceu.
Como sinalou o académico Xosé Luis Axeitos que “haberá que facer xustiza”, o que non quita que o seu amigo capaz de concentrar a esencia da Terra Chá nun libro e debullar a poesía até facela sinxela e mastigable para os nenos non se mereza esa honra. A homenaxe tocará tamén á cidade xa que aquí morreu e aquí decidiu pasar os seus últimos anos tras a xubilación.
Neste punto do país capitaneaba tertulias no vello Kirs e desde este punto amosou tamén o seu compromiso en loitas como a de “Nunca Máis”. Aquí recibiu un dos tributos máis sonados no Rosalía e no Colón voltan cada ano os seus versos en forma de espectáculos.
O Concello manifestou a súa satisfacción ao coñecer a nova e anunciou que A Coruña será epicentro cultural en 2016 porque o tributo do poeta se xuntará co centenario de Irmandades da Fala. Pola súa parte, o seu defensor Darío Xohán Cabana tildábao coma un xigante da literatura: “Hai autores que conseguen a excelencia con poucos poemas, e outros cuxa inmensidade da obra tende a facernos esquecer a calidade que a veces está escondida na superabundancia”.
Outra das que puxou por el, Margarita Ledo, incidiu que o escollido atravesou todas as escenas porque foi editor, libreiro e articulista en prensa. “Produciu unha gran obra para persoas en idade escolar”, algo que tamén destacaba Fernández Rei. Esta particularidade fará que os colexios celebren de forma moi especial a súa figura. O seu estilo particular dará xogo nun ano no que a literatura infantil e xuvenil lle agradecerá o feito.
Ledo subliñou tamén o carácter normalizador da súa obra. Que moita xente cantara os seus poemas e que os seus textos fosen guión de pezas teatrais fano aínda máis grande. Outro dos asinantes, Víctor Freixanes, recoñecía que “cando a Academia reflexiona sobre a figura das Letras, non é fácil porque cada vez hai un patrimonio máis rico”. Neste caso, o que será centro da festa é “un autor enormemente eficaz social, didáctica e pedagoxicamente”, engadía. E se Xosé Luis Regueira pensaba en que Manuel María “abunda dunha maneira bastante particular nunha doble faceta: é un clásico da literatura galega e é moi grande coas novas xeracións”, Axeitos cría na importancia de aupalo para aupar tamén a súa fundación de Outeiro de Rei.
Desde a Xunta, aplaudían o seu nomeamento e destacaban o seu traballo en pro da lingua e a cultura galegas. A Consellería de Cultura falaba do papel deste “singular poeta lucense” para mellorar o mundo da cultura na comunidade, “concretamente a través da colección Xistral”.
O departamento sinalaba que a partir de agora comezarán a traballar nunha programación que terá que levar como trasfondo a defensa da lingua propia. Da fala á que Manuel María lle adicou un poema. O chairego será o número 52 de homes construtores de letras xa homenaxeados, unha lista que no caso das mulleres segue intacta con tres nada máis. A posibilidade de que a lucense Xela Arias entrara no saco tiña ese incentivo de mellorar as cifras de escritoras con tributo. Neste aspecto, Fernández Rei destacaba a poesía rompedora e o seu labor de tradutor.
Poeta, narrador e dramaturgo recoñecido, pero, sobre todo, comprometido, Manuel María abandeirou tamén movementos pola recuperación cultural: desde impartir conferencias ou recitar poemas a presentar a Nova Canción Galega. Para militar en 1979 como concelleiro e participar nos oitenta en actividades de entidades como a Asociación Socio-Pedagóxica Galega ou a Asociación de Escritores en Lingua Galega, coas que emprende unha serie de viaxes. Entretanto, a súa poesía das pequenas cousas faise máis humanista.

Manuel María será homenaxeado no Día das Letras Galegas 2016

Te puede interesar