Máis de 2.000 rapaces berran “O galego está en nós” no Correlingua máis multitudinario

Máis de 2.000 rapaces berran “O galego está en nós” no Correlingua máis multitudinario
QUINTANA. CORRELINGUA

Hai anos, o propio Manuel María recibía a unha remesa de rapaces similar aos máis de 2.000 de onte berrando pola defensa do galego nun itinerario onde as palabras saltaron sobre o asfalto. Viaxaron coa pandeireta de fondo do Pabellón dos Deportes até a Torre e brillaron a golpe de rock and roll con Zenzar. Nesa hora de traxecto, os IES Elviña carregaron a misiva en cartón de “o galego está en nós”, en homenaxe a un poeta que estivo máis presente que nunca na 16 edición do Correlingua. 
Desde Zas viñeron un grupo de terceiro da ESO para levar ao lombo os versos do de Outeiro de Rei no que resalta que “o idioma é a forza que nos xungue e sostén. Se perdemos a fala, non seremos ninguén”. 
Para simbolizar todo aquelo que sembrou o poeta, escolleron o logotipo dos Rolling Stones, ateigado cunha bandeira galega. E mentres un Xurxo Souto pasaba lista na meta e nomeaba aos de Monte das Moas, aos do Rafael Dieste e aos do CEIP de Bergondo, os de Cerceda, que se auparon no podio co primeiro premio no concurso de animación, non deixaron de tocar toda canta percusión foron quenes de xuntar nun día festivo, para o que os nenos do colexio de Carral, segundos no certame, elexiron as palabras que máis lle gustaban do galego. 
Así, “ledicia”, “riquiño”, “lareira” ou “espantallo” desfilaron pola cidade. Eles colocáronas en corazóns de papel porque “ao galego levámolo dentro”, dicía unha alumna de quinto de Primaria. Traballaron tres meses, argumentaba, pero pagou a pena, porque despois do esforzo a clase enteira disfrutou arredor do faro milenario dunha posta en escena, na que faltou Sés, cunha escordadura de nocello. Os que si estiveron foros os membros de Zenzar para reinvidicar o uso da lingua con acordes. Souto lembraba minutos antes da chegada dos estudantes que a de A Coruña era a carreira con maior participación e que o día soleado, o centenario das Irmandades da Fala e o tributo a Manuel María farían subir á Torre como un foguete. Para iso, animou á masa a conseguilo entoando aquelo de “Correlingua”, collidos da man e do chan ao ceo. Non o acadaron, pero si se levaron no peto unha mensaxe, a que escribiron os chavales de Ribadeo, gañadores do concurso de manifestos. O seu escrito falaba de que o galego “están en min, na boca, no nariz, na pel e nos ollos. Sabe a mar, a chocolate, a limón e a pementa”. E ole a patria.

Máis de 2.000 rapaces berran “O galego está en nós” no Correlingua máis multitudinario

Te puede interesar