As “Lúas de Outono” de Manuel María iluminarán a noite do xoves

As “Lúas de Outono” de Manuel María iluminarán a noite do xoves
Goy, Ansede e Souto presentaron onte a homenaxe quintana

A noite do xoves no teatro Colón lucirá “un facho de luz e esperanza” na homenaxe “Lúas de Outono” que a Fundación Manuel María de Estudos Galegos vén organizando todos os anos por estas datas, coincidindo co aniversario do falecimento do autor.
O acto realízase nunha cidade que, insisten os organizadores, foi a opción vital do poeta, que desde rapaz sentiu fascinación por ela.
A homenaxe, explicou onte Alberte Ansede, secretario da fundación, se fai “non tanto recordando ao amigo que perdemos, senon mirando fundamentalmente cara o futuro” e co obxectivo de recrear a súa obra e a súa figura humana a través de diferentes expresións artísticas. Así, o audiovisual, o teatro, a poesía e a música baseada en textos do autor combinaranse coa maxia, que se incorpora nesta quinta edición da gala da man de Martín Camiña.
A estrea do audiovisual “Andei todos os camiños” abrirá o acto. Un traballo, de Pixel Films, que recolle imaxes da casa natal do escritor, agora convertida en Casa Museo, sempre guiadas pola súa poesía. O título xa é unha homenaxe en si mesma a un home que percorreu todas as parroquias galegas e que cultivou todos os xéneros literarios.
Sendo Manuel María “un dos autores galegos máis musicados”, lembraba Xurxo Souto, peresentador do acto do xoves, a música non pode faltar. Porque “a música galega é Manuel María”, sentenzaba. Pilocha e María Manuela porán o broche final á noite coas súas voces .
A festa comezará ás 20.30 horas e a entrada é libre ata completar o aforo do teatro, cheo na cita do ano pasado. Precisamente, esa resposta agradeciuna onte  a viúva de Manuel María, Saleta Goy: “Agradezo á cidade da Coruña o cariño co que nos recibiu a Manuel e min cando viñemos vivir aquí. Este cariño síguese mostrando cada ano na numerosa asistencia a este acto e agardamos que tamén este ano se volva a producir”.

As “Lúas de Outono” de Manuel María iluminarán a noite do xoves

Te puede interesar