Juan Carlos Piñeiro | “A Marea non ten un proxecto de cidade, vai gobernando a impulsos”

Juan Carlos Piñeiro | “A Marea non ten un proxecto de cidade, vai gobernando a impulsos”
Juan Carlos Piñeiro é secretario xeral de Compromiso por Galicia | javier Alborés

Juan Carlos Piñeiro cumpre un ano como secretario xeral de Compromiso por Galicia (CxG) e marca como obxectivo na cidade entrar na próxima corporación, adiantando que contarán con seguridade cunha lista. Para isto aposta por un proxecto propio sen confluencias nin coalicións.

Leva un ano como secretario da formación, como o valora?
Ademais de entretido, divertido. No tema político, positivo, cumprindo obxectivos no que máis nos preocupaba que era a implantación territorial do proxecto, non podemos ser conformistas. Partimos da base dun proxecto que pode vertebrar a necesidade dunha forza galeguista forte.

Hai un ano falaba de relanzar o partido, estase a cumprir?
Tiñamos a estratexia básica da implantación territorial. Renovamos todas as que tiñamos e creamos unhas trinta máis. Agora creamos a agrupación da Coruña e así traballar para ter unha candidatura o próximo.

Como está ese proceso?
Creo que ben. A un partido o que lle fai falta é xente, pero fixemos contactos e pasamos a ter unha estructura sólida de cara a ter unha candidatura. Agora hai que explicar o proxecto, traballar os barrios e falar coa xente. Buscamos xente que acredite no proxecto e podo adiantar que teremos lista.

Teñen xa nome para encabezala?
É un pouco cedo, temos algún referente, pero os tempos políticos e a estratexia márcanse doutra maneira.

Cal é o obxectivo para as eleccións municipais de 2019?
Sempre é que o teu proxecto sexa no que acredite a xente, pero somos realistas e o que pretendemos é ter representación. Por dúas cousas, porque vemos que a Marea non ten un proxecto de cidade, vai gobernando a impulsos, según lle xurden problemas. Despois, que Compromiso por Galicia poida actuar de árbitro na acción política do día a día.

Como ve eses dous anos e medio de mandato da Marea na cidade?
Coido que xa deberían ter avanzado no seu proxecto de cidade. Cando te presentas a unha cidade tes que ter un proxecto de onde queres levar a cidade e A Coruña hoxe en día non o ten.

As súas opcións pasan por ocupar o lugar do Bloque?
Non, as nosas bases agora son moi diferentes das que había na orixe, o proxecto non se parece nada. Temos xente que vén de moitos lados, pero o noso obxectivo non pode ser o electorado do BNG porque temos obxectivos moi diferentes.

Buscan reforzar a esquerda?
E cales son as forzas de esquerda? Esa é a reflexión que ten que facer a xente. O debate de esquerdas e dereitas está superado, somos socialdemócratas dos indicadores de calidade de vida. Queremos que na cidade se viva o mellor posible, polo que defendemos o público, pero as iniciativas privadas tamén teñen que ter camiño.

Cal é a fortaleza de CxG?
Traballeremos serio porque hai que pasar folla na política de eslóganes e populismos. Será un proxecto que teña a esencia do noso partido, de que Galicia é un país, coas súas competencias e desenvolvemento, pero levado á Coruña. Hai partidos municipalistas, nós non, pero entendemos que o Concello é a administración máis cercana ós veciños e a que mellor coñece as necesidades.

Como ve a situación na corporación a estas alturas de mandato?
É fácil de entender se se reflexiona nunha cuestión. Non podemos facer política nunha cidade en referencia ao que lle interese ao partido nun momento. Compromiso está por diante nese aspecto, se temos representación faremos o necesario nese momento. Hai que deixar de mirar os dictados de Madrid ou Santaigo e facer o que sexa bo para A Coruña.

Cre que a corporación non mira moito polos intereses da cidade?
Creo que hai un problema, ningún dos partidos está facendo política, non están levando ó pleno mocións que respalden o seu programa. Nunha corporación na que non hai maiorías, calquera podería sacar adelante iniciativas, pero non se fai porque non se respeta o programa.

Como mudou a mentalidade de Compromiso por Galicia despois das municipais de 2015?
Daquela tiñamos tres anos, era unha forza que estaba formándose. Presentamos 41 candidaturas e obtivemos catro alcaldías e hoxe as candidaturas rondarán as 120 incluindo todas as cidades, sen confluencias e sen coalicións, solo Compromiso por Galicia. As municipais son unha pedra de toque porque logo veñen as autonómicas.

Juan Carlos Piñeiro | “A Marea non ten un proxecto de cidade, vai gobernando a impulsos”

Te puede interesar