O Fórum Metropolitano traerá maxia para degustar en familia nos sábados de setembro

O Fórum Metropolitano traerá maxia para degustar en familia nos sábados de setembro
El Ideal Gallego-2015-08-29-010-752fdf1a

O concelleiro de Cultura, José Manuel Sande, presentou onte xunto coa directora do Fórum Metropolitano, Begoña Llamosas, o ciclo Fórumáxico, co que se abre “a tempada regular de teatro e arte en vivo”. Durante os catro sábados de setembro, o espazo acollerá catro espectáculos de maxia dirixidos a público familiar, nos que terá cabida a comedia, o drama e o teatro, pero sempre coa maxia como protagonista. 
Llamosas salientou que o apartado será o punto de partida dun ano no que haberá “novo circo, artes en vivo ou danza”, con obras destinadas ás diferentes idades e “garantindo bos espectáculos”, segundo afirmou. Aínda por pechar as novas entregas, a responsable falou das artes en vivo como unha das apostas do Fórum, na que os actores, xa sexan expertos en teatro, clown ou danza, estarán moi preto da butaca nesa forma de facer arte que conleva a fusionar os distintos formatos.
Forumáxico arrincará o 5 de setembro coa actuación de Mago Marco e o seu “Maxia en Familia”, unha montaxe, que o ilusionista define como “súper moderno”, e que está pensada para un publico desde os cero anos até os 100. O ciclo continuará o 12 de setembro co Mago Richard e o seu espectáculo “Maxia en Estado Puro”, onde os trucos irán revestidos de comedia para levar ao público a parcelas totalmente
descoñecidas da historia do xénero. A posta en escena virá acompañada de elementos procedentes doutras artes escénicas, cunha importante presenza de fondos musicais, interaccións co espectador e gags procedentes do mundo clown, ademais da globoflexia. Será unha sesión de ilusionismo dirixida a un público familiar con efectos sorprendentes, aseguran desde o Concello.
Martín Camiña estará o 19 de setembro con “Transformando o presente”, unha proposta que contará cos acordes en directo do músico Álvaro Muras. Deste xeito, a maxia gañará enteiros cos efectos sonoros de fondo. 
Por último, a actividade despedirase o 26 de setembro con “O fabricante de soños”, onde o Mago Romarís presentará unha compilación dos seus mellores números, algúns dos cales son creacións propias. Todas as citas coa maxia comezarán ás 19.00 horas e as entradas teñen un prezo de cinco euros, doce euros custará o abono familiar para tres persoas.

O Fórum Metropolitano traerá maxia para degustar en familia nos sábados de setembro

Te puede interesar