A Deputación investirá máis de 2,2 millóns en entidades culturais

A Deputación investirá máis  de 2,2 millóns en entidades culturais
QUINTANA. RUEDA DE PRENSA DIPUTACIÓN

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, presentou onte o novo modelo cultural que alimentará o organismo en substitución das subvencións nominativas e co que destinará 2.250.000 euros a seis liñas específicas, resumidas en catro modalidades. Por unha parte, o ente investirá ao longo deste ano 500.000 euros na xestión dos museos e centros de interpretación para que contraten a persoal que se encargue de atendelos. 
Precisamente, a xeración de emprego é a premisa principal desta novidade, que reservará 525.000 euros ao desenvolvemento de festivais audiovisuais, musicais e de artes escénicas promovidos por concellos e entidades sen fins de lucro. 
Nun terceiro apartado, as corais, bandas de música e entidades de música e baile tradicional recibirán até 375.000 euros en total para a programación de actividades, proxectos e eventos e para investimentos nas propias entidades. 
Por último, as fundacións culturais son as que acaparan unha maior cantidade de diñeiro, 850.000 euros, dirixidos a citas culturais pensadas para este ano. Sanmartín anunciou que a convocatoria sairá no BOP a finais da próxima semana e nela, daranse quince días de prazo para a presentación de documentos. Valorarase a traxectoria das propostas, o seu interese e a participación de grupos galegos e internacionais. 
Para iso, a responsable da área cultural sinalaba que se contará co veredicto experto, de profesionais de cada sector para asegurar a transparencia e que o modelo se rexa con criterios de calidade. 
Tamén se evita así dar axudas de xeito nominativo, algo que xa reduciron desde a Deputación, pasando de 70, as outorgadas en 2015, a dez, as actuais, que segundo Sanmartín, corresponden a entidades que non teñen competencia directa ou a eventos de carácter extraordinario como o centenario das Irmandades da Fala. 
Con esta medida, a nacionalista cre que se fomenta a igualdade, cun plan baseado na concordancia competitiva, onde se terán en conta ítems obxectivos cun informe técnico por parte de especialistas en cada un dos ámbitos. 

obxectivo
O obxectivo pasa por conseguir que o tecido poida ter un apoio relevante da Deputación. Iso si, para cifrar os cartos, non se fixo unha contabilidade exacta, remarcou a vicepresidenta. Sumáronse todas as subvencións nominativas dadas o ano pasado máis un plus para cubrir o programa. Deste xeito, canalizarase a anterior forma de facer por estas vías coas que “trataremos de consolidar proxectos”, sinalou a responsable. 
Sanmartín recorda que entre o saco de entidades que poden estar interesadas en recibir esta inxección económica están as que nunca recibiron cartos por parte do organismo. 
Aínda si, cre que o total responderá á demanda pola cantidade económica reservada, “tanto as que levaron subvención como as que se presentarán por primeira vez”. 
As novas liñas establecerán os beneficiarios por criterios cuantificables, que lles levarán a presentar un programa: “Estamos a falar de recursos públicos e o modelo é radicalmente transparente en comparación co que viña funcionando”.

A Deputación investirá máis de 2,2 millóns en entidades culturais

Te puede interesar