Coros, gaitas e flores para celebrar os cen anos das Irmandades

Coros, gaitas e flores para celebrar os cen anos das Irmandades
Copia de El Ideal Gallego-2016-05-19-036-c56340a6

Porque “vivían para iso, para reivindicar o idioma”, a filla dos “irmandiños” Elvira Bao e Bernardino Varela, Elvira Varela, falaba onte daqueles que viron a necesidade de empurrar pola cultura do país co galego como base. Facíao diante do número 38 de Rego de Auga, onde hai 100 comezou a tecerse o movemento. 
Alí, a Deputación depositou un ramo de flores en homenaxe a todos. I é que “todo o que temos foi grazas a eles que semenateron e a nós tócanos recoller e seguir sementando”, concluía Varela nun acto no que a vicepresidenta da institución, Goretti Sanmartín, reivindicou algún dos seus principios que eles mesmos propoñeron como unha autonomía integral para Galicia, o ingreso na Liga das Nacións e, en definitiva, “a cooficialidade real e unha igualdade de verdade entre o galego e o español”. 
A responsable de Cultura lembrou o papel fundamental de Ramón e Antón Vilar Ponte e fixo un especial fincapé nas mulleres que formaron parte das Irmandades e que case nunca aparecen no relato histórico, entre elas, as coruñesas María Miramontes, Amparo López Jean ou Teresa, Micaela Chao Manciñeira e a propia Bao. A carón do edificio que ten unha fronte na Franxa e outra en Rego de Auga, Sanmartín destacou tamén a Alfredo Somoza, activo membro que tomou posesión do cargo de presidente da Deputación en maio de 1931: “Partillei moito tempo a falar con Teresa Vilar Chao, filla de Ramón, memoria desa época que seu pai viviu no presente, negándose a aceptar o significado da represión posterior ao golpe militar de 1936”. A entidade continuará divulgando o seu labor a través dunha exposición, que comezará en xuño a súa itinerancia e que organiza coa Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego. Titúlase “Saúde e terra, irmá(n)s!” e completará un programa no que a Deputación respaldará as iniciativas de Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, Cántigas da Terra ou Ora Galega. 

tributo
Horas despois, a poucos metros de onde naceu todo, o teatro Rosalía acollía un segundo tributo en forma de música e voces, as integradas nos catro coros históricos Cántigas da Terra, Cantigas e Agarimos, Coral de Ruada e o Real Coro Toxos e Froles, que se mesturaron con textos de Castelao ou Villar Ponte. Deste último, a RAG recuperaba unha frase “Falade e escribide e pensade sempre en galego”, dun artigo publicado no primeiro número de “A Nosa Terra”. Foi escrito en novembro de 1916 e meses antes, o 18 de maio, a cidade era testemuña do nacemento da primeira agrupación dun movemento que desenvolveu un traballo esencial a prol da normalización do idioma e da renovación da cultura galega. 
As súas misivas volvéronse escoitar onte nunha cita promovida pola academia e o Concello que subiu ao escenario a catro formacións coetáneas ás Irmandadades seguindo aquelo que dixo Villar Ponte: “Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia”. O promotor impulsou ás institucións a levar ao estrado a corais que ergueron o seu timbre vocal igual que o fixeron como colaboradoras dos que tiveron acubillo na mesma rúa. Deles formaron parte importantes membros como Vicente Risco e Xavier Prado Lameiro, en concreto, de Ruada,ou Xaime Quintanilla, que pertenceu a Toxos e Froles. 
As catro interpretaron o himno. Previamente, cada unha delas cantou un par de pezas que se alternaron aos recitados, a cargo de personalidades da Coruña, xente de a pé como o presidente da asociación veciñal da Cidade Vella, Pedro Fernández, que escolleu a Cabanillas en “En pé” ou o académico Manuel Rivas, que berrou “SOS” con Manuel Antonio. E se Cántigas da Terra cantou “Ben, ben vai” e “Ruada de Loroño”, Ruada regalou “Van todas, van! Foliada do Miño” e Cantigas e Agarimos elexiu “Foliada de Noia” para rematar con “Debaixo do consistorio”, a cargo dos ferroláns Toxos e Froles.
A parte literaria empezou con “A bandeira ergueita”, que soou por boca da xornalista Cristina Lombao. Deseguido, Manuel Lugrís, neto de Manuel Lugrís Freire, deu lectura ao “Himno das Irmandades”, composto polo seu avó e a actriz Isabel Risco declamou “Ti dis Galicia é ben pequena”, asinado por Vicente Risco. Nunha segunda quenda, a estudante Orleni Mateo aliouse con Bouza Brey e a profesora Carmen García-Rodeja foise até Blanco Torres nunha noite na que o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou que o éxito da receita foi o recoñecemento dunha realidade plural.

Coros, gaitas e flores para celebrar os cen anos das Irmandades

Te puede interesar