Catro estudantes de Audiovisuais retratan a Camilo de Dios, o último guerrilleiro vivo

Catro estudantes de Audiovisuais retratan 
a Camilo de Dios, o último guerrilleiro vivo
Camilo de Dios vive en Sandiás, na Limia ourensá

Se tivera que sacar algo en claro do documental, ademais da Historia que salta á vista, foi a súa humildade porque unha vez en Sandiás, na Limia ourensá, Camilo, o último guerrilleiro do país en vida, removía sempre a mesma frase: “Non teño nada que contarvos”. Pero claro que tiña que contar. Ao final, o octoxenario quedou tremendamente agradecido porque tiña medo de que se distorsionasen as cousas, mais Alba Sánchez, Juan Pirola, Miguel García e Pedro Iglesias traballaron a peza desde o rigor e hoxe, o Eusebio da Garda será escenario da segunda estrea, despois de proxectala en Xinzo.
Será ás 20.00 horas cando botarán a voar o feito desde hai un ano, no momento en que saíron a gravar os primeiros brutos. Daquela, aínda non sabían como conxugar documental biográfico e divertimento. Juan conta que o comezaron a construír á vez que buscaron brazos colaboradores, cuestións loxísticas tan importantes como a creatividade cando se trata de catro universitarios.
Así foi como o que conseguiu os restos do seu irmán asasinado en Ávila despois de anos de loita, fixo de fío condutor dunha obra na que se toca o fenómeno guerrilla grazas á posta en escena, entre outros, do historiador Bernardo Mais: “Hai que diferenciar dous tempos, a que se ordenou nun primeiro momento dos que fuxiron da guerra e outra oleada grande de finais do 40”.
Nela, atópase Camilo no monte e apresado un 18 de maio de 1949: “Foi condenado á morte, pero se lle conmutou por ser menor de idade”. Logo virián dez anos no cárcere nos que seguiu vinculado ao comunismo para tronzar a meseta libre e ficar en Madrid, Verín e Xinzo, sendo concelleiro. Activo sempre: “A implantación da guerrilla foi enorme con milleiros de persoas prestando axuda loxística, casas e comida”. O documental, que pretenden levar a máis centros escolares, segue unha trama liñal pero está contado para velo na web, de forma que “se un quere indagar máis sobre a ‘guerrilla de choque’, pode ampliar información”. En http://oultimoguerrilleiro.com/, pódese ver todo o proceso.
Coa idea de que sexa un arquivo histórico en movemento, os catro adornaron a investigación de recursos: “Recreamos espazos para darlle dinamismo e non hai voz en off e si metáforas”. Que van máis alá e levan á reflexión do espírito loitador de Camilo, que con 84 anos dixo aquelo de que “despois disto, que xa non me graven máis”.
Os 50 minutos detéñense nun capítulo que ocorreu na Torre cando o protagonista e varios camaradas desembarcaron co obxectivo de intentar salvar aos cabecillas comunistas Gaioso e Seoane, que finalmente foron executados.
Grazas a asociacións como a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica e a especialistas neste período de tempo, os catro materializaron o que lles andaba na cabeza en primeiro de carreira. Conta Juan que Camilo dixo ao velo: “Pero non faltaba facer tanto circo”. E a súa condición de guerrilleiro quedou máis probada se cabe.

Catro estudantes de Audiovisuais retratan a Camilo de Dios, o último guerrilleiro vivo

Te puede interesar