ACAB Teatro ofrece “Exilio”, con textos de Dieste, Castelao e Seoane

ACAB Teatro ofrece “Exilio”, con textos de Dieste, Castelao e Seoane
María Xosé Bravo e Lino Braxe, na presentación | PEDRO PUIG

ACAB Teatro representará hoxe ás 20.30 horas no centro Ágora “Exilio”, unha peza que forma parte da celebración dos vinte anos do colectivo e que é simbolo. Dos que remexen a cultura desde a rúa de Olmos e dunha época moi dura, na que moitos se viron obrigados a coller a maleta.
Por eles, os que mantiveron viva a memoria do país fóra, vai adicada a obra, que se compón de dúas pezas de Rafael Dieste e unha de Castelao, “contiños que foron adaptados para ser postos en escena”, e unha farsa escrita por Luís Seoane que até o de agora non se levou ás táboas máis que en versión de lectura dramatizada.
Lino Braxe dálle forma ao conxunto e sae “Exilio” que fai tributo tamén ao teatro amador, que se contenta cun aplauso. Braxe encargouse de construír escenas e completalas con textos para facer un todo e, sobre todo, impregnar os fragmentos dunha identidade teatral. Nisto tivo algo que ver a súa nova faceta de director do grupo de teatro da asociación Alexandre Bóveda. Di que se un asiste aos ensaios, parece que non avanzan pero “se fan moitas cousas” e lembrou o labor tan importante que teñen os amantes do teatro afeccionado que “dan o seu tempo libre a cambio de nada”.

Premio Xenaro Mariñas
A representación de “Exilio” vén da man dun novo premio de teatro breve Xenaro Marinhas, que se instaura no seo da entidade como unha das iniciativas para empurrar ás artes escénicas: “Precisamos darlles visibilidade á xente que escribe teatro”, explicou a presidenta María Xosé Bravo.
A convocatoria esixe que os textos sexan escritos en galego, 20 folios máximo, e non teñen que responder a unha temática concreta. Desde a Alexandre Bóveda comprométense a publicar os orixinais e representar a peza vencedora por parte de ACAB Teatro.
O caso é “vela representada e publicada” que é o que botan en falta os que invisten tempo en engrandecer a dramaturxia galega, segundo sinalaron Bravo e Braxe na presentación.
Os aspirantes a obter recompensa teñen de prazo ata o 1 de maio para enviar as súas historias, que pasarán a engrosar a base de datos do colectivo. O xurado serán Lino Braxe, Sabela Hermida e Xosé M. Rabón. Entre os tres dictaminarán quen subirá a súa creación ao escenario.
Mentres, ACAB Teatro serán esta tarde trece voces repasando todo o percorrido a golpe de grandes das letras porque “pensamos que o máis sensato e atinado sería acudir aos nosos clásicos para conmemorar estes vinte anos”.

ACAB Teatro ofrece “Exilio”, con textos de Dieste, Castelao e Seoane

Te puede interesar