“Proxecto cárcere” advirte do deterioro das cubertas da vella prisión

“Proxecto Cárcere” cumpre doce meses como plataforma para puxar por unha infraestrutura como a vella prisión para que sexa posta en servizo da cidadanía e ser ela quen xestione o espazo e o poña ao seu antollo.

En todo este tempo, o edificio está máis deteriorado que nunca. Segundo Rocío Fraga, integrante do colectivo, as cubertas precisan unha reparación urxente porque conforme transcorre o tempo e o bloque segue a estar en terreo de ninguén, a reforma ascende economicamente e os parches serían unha solución temporal que evitaría un mal maior.

O colectivo denuncia o fácil acceso a través do parque infantil a unha parte do edificio cheo de xeringas e cristais

Antes de nada, a agrupación traballa na actualidade na elaboración dun dossier co que presentarse dunha forma seria e rotunda diante de María Pita e dos coruñeses, ademais de constituirse en asociación e ser así unha persoa xurídica coa que lidiar contra o mundo a favor dunha prisión con historia que se está a caer a cachos sen que ninguén reaccione.

Pasa que como o acceso ao mesmo é fácil, o inmoble está sendo vítima de actos vandálicos que provocaron a sorpresa da plataforma cando entrou hai meses da man do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e se atopou cos cristais do panóptico rotos e pintadas nas paredes das celas.

Ademais, os cativos que xogan no parque que hai ao lado poden adentrarse no corredor exterior do cárcere con facilidade e dar cunha zona na que abondan as xeringas e os cristais: “Basta con que os nenos teñan curiosidade ou que se lles vaia a pelota para entrar aí”, unha situación que xa teñen denunciado no 010 e que constitúe un verdadeiro perigo para os rapaces e non rapaces.

Foron os mesmos da plataforma quenes se encargaron de taponar un dos buratos polos que se podía entrar e eles son os únicos que pensan hoxe nas opcións válidas para poñer a funcionar un edificio singular.

Entre outras cousas, “Proxecto Cárcere” presentará un modelo de xestión e unha posta en marcha viable despois de que arquitectos e expertos na materia estudasen a fórmula máis barata centrada na reciclaxe e en harmonía coa natureza do espazo. Eles ofrecerán unha proposta para arranxar o máis gordo sen que isto supoña un investimento importante.

Iso si, a partida veríase incrementada de non facer nada ante os danos. Conta Rocío que o edificio está bastante ben pero hai cubertas que necesitan un reforzamento porque está entrando auga por distintas partes da construción. As obras serían executadas por tramos, sinala a integrante. Pouco a pouco. Para entón, “Proxecto Cárcere” estaría disposto a encher as celas con actividades, as que saen dos preto de 300 interesados unidos á iniciativa e que forman parten de asociacións veciñais, compañías de teatro, danza, artistas particulares e colectivos de mozos con ganas de facer cousas e sen centros dispoñibles para levalas a cabo.

Pola súa parte, a plataforma oficial confórmana arredor de 30 persoas que levan dándolle forma á proposta hai máis dun ano, divididos en cinco grupos de traballo. Acaban de presentar o boletín anual 2010-2011 no que relatan o feito ata o momento e onde adiantan novas accións para este ano.

Estas pasarán por unha presentación oficial e unha festa na primavera, que terá lugar no antigo cárcere. A idea é aproveitar a chegada do bo tempo para ofrecer actividades lúdicas dentro pero, sobre todo, fóra do edificio en cuestión. Será unha forma de chamar a atención ante tanta pasividade. De presentar algunhas das ideas que saen da plataforma nunha xornada que non será a única.

O obxectivo é facer o maior ruído posible para que o Concello e o SIEP, o promotor encargado deste tipo de inmobles abandonados, deixen de xirar a cara e fagan algo para evitar a perda dun trozo de historia en formato pedra. Unha auténtica traxedia.

“Proxecto cárcere” advirte do deterioro das cubertas da vella prisión

Te puede interesar