Unha volta ao pasado en pleno Arteixo

Unha volta ao pasado en pleno Arteixo
A televisión antiga custodia as longas timbas de tute diarias quintana

Nunha época en que o “vintage” está de moda e personaxes como a princesa Leia enchen páxinas nos xornais, entrar no bar Insua de Arteixo antóllase unha especie de viaxe a outra era a bordo dun Delorean. Situado na avenida de Fisterra, leva seis décadas acollendo as partidas de tute da clientela de sempre e sen mudar nada o aspecto do local.
O reloxo párase no Insua. A televisión antiga, das primeiras que houbo en Arteixo e a única que viu o bar, vixía apagada o ir e vir diario de ducias de veciños, a maioría “os de toda a vida”, di Pepe, o dono, aínda que a condición do bar de administración de lotería sempre propicia a presencia dalgunha cara nova. Xunto ao mostrador, unha radio antiga custodia as quinielas e unha fila de botellas de coñac oscurecidas lembra os tempos en que estaba permitido fumar nos lugares públicos.

o fillo do muiñeiro
“O bar non cambiou nada desde que abrimos. Está todo igual, só que ao principio comezou sendo tamén ultramarinos. Meu pai foi facendo a casa que temos enriba e viñemos desde O Pedregal, onde estaba o muíño, a vivir aquí”, di Pepe, coñecido como “o fillo do Muiñeiro”, quen tivo que coller as rendas do local cando o seu irmán Fernando marchou emigrado e el casou.
Deixou o seu traballo na SEAT e compaxinou durante anos a actividade hostaleira coa licencia de taxi. Os clientes din que, quizais por iso, a Pepe lle gusta tanto falar e se toma a súa calma rememorando as batallas ao volante. Coa súa muller segue levando o establecemento, conscientes os dous de que o seu é un bar dos que xa non quedan e bastante convencidos, tamén, de que as novas xeracións da familia non collerán o negocio para continuar a tradición que iniciou O Muiñeiro.
No local é fácil comezar falando da actualidade e rematar recordando cómo medrou Arteixo nos últimos anos, especialmente a zona do centro urbán. “Aquí vimos nacer a parada de taxis que temos enfrente, que cando eu comecei co taxi non a había, o ensanche da estrada, os supermercados, as aceras... E nós seguimos aquí”, apunta Pepe.
O Insua é un bar íntimamente ligado ao fútbol e, concretamente, ao Atlético Arteixo –Fernando, o irmán do dono, foi un dos seus fundadores–, e pode presumir de ter entre os seus clientes máis fieis a Arsenio Iglesias, o Raposo de Arteixo. “Fai tempo que non vén, pero botou moitos anos parando aquí cada vez que viña a Arteixo”, afirma.
“A nosa clientela é fixa, pero é xente que bota aquí o día e non gasta nada”, espeta entre gargalladas o dono do Insua, quen recoñece que veu medrar e madurar á maioría dos habituais do local entre cafés, viños, chupitos e quinielas.
As mesas de formica do Insua, gastadas polo vaivén diario do tapete e a baralla, non quedarían raras nun destes restaurantes modernos con aspecto industrial e mobiliario retro. Pepe sorrí sabendo que o Insua é un dos símbolos de Arteixo, un lugar auténtico e con sabor a historia.

Unha volta ao pasado en pleno Arteixo

Te puede interesar