Ramón Boga | “A intención do Goberno local a curto prazo é negociar cos propietarios e mercar os terreos do castro”

Ramón Boga | “A intención do Goberno local a curto prazo é negociar cos propietarios e mercar os terreos do castro”
Boga posa no castro de Cambre, que o Goberno pretende adquirir | patricia g. fraga

Namorado da súa vila natal e da historia que a rodea, Ramón Boga (Sigrás, 1963) pasou de ser titular da área de Cultura a dirixir Xuventude, Turismo e Patrimonio cando o BNG entrou no Goberno cambrés. Agora fala dos retos para promocionar os atractivos turísticos do municipio.

Totalmente adaptado en Turismo, Xuventude e Patrimonio?
Teño sensacións moi positivas, ademais son concellerías que sempre están vinculadas a outras e sempre se traballa en conxunto. Se imos por partes, en Turismo agora estámonos centrando no Camiño Inglés e na feira Galaicoi, pedindo subvencións para novas accións. En Patrimonio xa contratamos a empresa para rematar o inventario municipal e poder aprobalo, non podemos adiantar os prazos pero esperamos telo listo en breve. En Xuventude continuamos coas actividades que xa estaban e tiñan éxito e lanzamos algunhas novas, como o festival de Arte na Rúa, que pretendemos levar a cabo a finais do vindeiro verán.

Deulle pena deixar Cultura?
(Sorrí) Home, si, estabamos desenvolvendo moitas cousas pero confiamos plenamente no concelleiro actual e o seu equipo. Sen seguir os nosos mesmos postulados, están dándolle un impulso importante á cultura en Cambre.

Con que iniciativas turísticas pretenden achegar xente á vila?
A nosa liña básica vai ser o Camiño Inglés, ademais de que solicitamos unha axuda para mellorar a accesibilidade da igrexa románica, cambiando a beirarrúa que pasa por diante, que leva desde os anos 80 coa mesma imaxe e que desmerece bastante a igrexa. Antes de verán teremos listo, tamén, o novo folleto turístico cos principais recursos visitables do concello: o xacemento romano, o paseo fluvial, as igrexas... En xullo prevemos congregar a moita xente, igual que ocorreu o ano pasado, na segunda edición da Galaicoi.

E seguirán dándolle vida ao castro.
Iso é fundamental. Agora mesmo creo que é unha aposta de todo o Goberno local continuar con ideas como a romaría galaico-romana Galaicoi, que ten tres obxectivos: a posta en valor do patrimonio, algo que simplemente conseguimos deixando visible o castro, ata agora descoñecido para moitos; o retorno económico do evento, algo que quedou patente o ano pasado; e a participación cidadá, xa que na Galaicoi se involucran asociacións e colectivos do municipio, sen os cales sería imposible sacala adiante.
 


A idea é que os veciños coñezan a historia de Cambre.
Exacto. O centro de Cambre é unha chaira, como unha proa de barco que remata no castro, desde onde se vería a ría do Burgo se non houbese eucaliptos e outras árbores. O que fai única esta zona é que en poucos metros tes un castro, un xacemento romano e unha igrexa románica.

Como vai o proceso de cesión dos terreos do castro por parte dos seus propietarios?
O castro divídese en dúas partes, unha é a croa, onde estiveron situadas as vivendas, e as zonas defensivas, os terrapléns e terrazas que chegan ata abaixo. O concello na croa ten 4.000 metros cadrados e o resto, ata 10.000, é propiedade privada. A intención do Goberno municipal é, a curto-medio prazo, mercar os terreos para que forme parte do patrimonio local e salvagardar, de maneira definitiva, un recurso arqueolóxico de primeiro orde. Hai que ter en conta que está no centro urbán, hai moi poucos sitios en Galicia que teñan en tan pouco espazo tres elementos tan contundentes a nivel arqueolóxico e turístico.

Xa hai data para a Galaicoi?
Será os días 14, 15 e 16 de xullo. No castro construiranse unhas cabanas, que ocuparán as asociacións que as soliciten, e nesa zona organizaranse actividades de todo tipo, desde xogos tradicionais para todas as idades ata actuacións musicais. Ademais, alí haberá mesas e parrillas para todos aqueles que queiran comer alí, a idea é pasar uns días de romaría no campo. Na rúa Wenceslao Fernández Flórez disporase o mercado, con postos de roupa, complementos, decoración e gastronomía.

Haberá máis postos?
O proceso de licitación para contratar a empresa que levará o mercado aínda está aberto, o que si podemos dicir é que o ano pasado só se presentou unha empresa, mentres que este ano xa temos tres ofertas enriba da mesa. Así que iso demostra que a festa tivo a súa repercusión.

Contarán con recreacións históricas sobre o pasado cambrés.
A maiores do castro e do mercado, no campo da feira montaremos un campamento romano coa axuda da Asociación de Recreadores Históricos de Galicia, que traerán lexionarios. En Sigrás tamén se creou recentemente unha asociación relacionada con este tema e tamén vai colaborar. Pasarrúas, desfile de lexionarios, música na rúa, obradoiros e demais son algunhas das propostas que se atoparán alí. Tamén haberá actuacións musicais como a de Rosa Cedrón e Pan de Capazo, o Festival Folclórico das Mariñas e representacións teatrais por parte das compañías da Fundación Wenceslao Fernández Flórez.

Como agarda a xente este evento? Ten ganas de que se repita?
Creo que hai moitas ganas. Eu estou mantendo reunións con todas as asociacións e as que viñeron o ano pasado teñen intención de volver. Moitas que non foron queren coñecer a romaría este ano, había algúns que non tiñan moita confianza e despois demostrouse que si tivo tirón, cunhas 5.000 persoas por día, segundo datos da Policía Local. Creo que duplicaremos a presenza de asociacións no evento, favorecendo a participación veciñal, e así que remate as reunións con eles vou empezar os encontros coa hostalería. O ano pasado participaron dignamente moitos negocios, outros non quixeron porque non crían no tema e nesta edición xa queren estar... Estamos mandando invitacións por toda Galicia e nas zonas limítrofes con Asturias, Castela-León e Portugal a asociacións e colectivos interesados nestas temáticas históricas.
En Lugo está o Arde Lucus, virá xente de esa provincia?
Falei cunha asociación de recreadores de Friol e contamos con que veñan. Eles teñen unha cabaña moi fiel ás da época castrexa e pedímoslles que a cedan durante eses días. Nós levamos tempo facendo charlas sobre a vestimenta, as casas e as armas dos romanos e dos castrexos, para que a xente saiba como caracterizarse, e queremos deixar ben claro que o castro estará aberto a todo o mundo, o que queira mesturarse coa xente das cabañas ou comer alí pódeo facer.

O resto do ano se promoverán actividades no castro?
En principio non, porque non nos deixa Patrimonio. Nós para a Galaicoi temos autorización, lóxicamente necesitas o permiso da Xunta e de Patrimonio para actuar nun espazo así e cumplir unha serie de requisitos. Incluso para desbrozar e limpar a zona necesitamos a supervisión dun arqueólogo. En canto nos chegue o permiso para o desbroce, nuns días, levarémolo a cabo.

Como avanza o proxecto previsto para o paseo do río Mero?
Asinouse un convenio con Augas de Galicia para facer dous desbroces ao ano e ter acondicionada toda a senda. O paseo ten moitísimas deficiencias e é necesario arranxar varandas, pasarelas, fochancas... O río agora mesmo, xunto coa ría do Burgo, estase a converter nun centro de atracción para camiñantes, corredores e tamén os amantes do turismo ornitolóxico.

Poderá o río recuperar o carácter familiar de antes, con aquelas tardes no merendeiro de Cecebre?
Claro que si, aínda que Augas de Galicia non permite zonas de baño. Pero dispoñendo áreas recreativas ou de lecer nas que a xente poida pasear, xogar ou descansar pode lograrse. Eu tamén recordo aquelas épocas nas que a xente pasaba a tarde no río.

Non cre que se atopa nun estado lamentable?
Ten moitas deficiencias, por iso estamos agardando a poder levar a cabo o convenio coa Xunta, para poder telo limpo durante todo o ano.

Ramón Boga | “A intención do Goberno local a curto prazo é negociar cos propietarios e mercar os terreos do castro”

Te puede interesar