“Non sospeito da mala fe de ninguén, pero os cambios no PXOM son para facelo igualitario”

“Non sospeito da mala fe de ninguén, pero os cambios no PXOM son para facelo igualitario”
Montouto, diante do edificio da Axudantía de Marina, onde se atopa a Concellería de Urbanismo quintana

Francisco Montouto volveu hai sete meses ao Goberno local de Sada, esta vez para encargarse da Concellaría de Urbanismo e Emprego e, con ela, cun dos maiores retos da historia do municipio: aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Un documento que está a piques de levar a pleno para buscar unha aprobación provisional que o deixe unicamente en mans da Xunta para sacalo adiante. 

Como leva estes primeiros meses que, sendo o PXOM o que máis tempo lle ocupa, deben ser frenéticos?
Ben, a verdade é que con moita ilusión de volver outra vez ao Concello, e a verdade é que si, que foron meses moi intensos, con moito traballo, co gran tema que había pendente aquí na Concellaría de Urbanismo, que era o PXOM, herdar ese plan previo que estaba pendente da aprobación provisional. Había que analizalo, ver como estaba e introducir os cambios que vemos necesarios para poder aprobalo cunha seguridade xurídica suficiente, forte, e que sirva como ese instrumento que tanto anhelamos en Sada para dotarnos urbanisticamente dunha forma correcta.

Que se atoparon nese plan? Quero dicir, hai algo que non esperasen ou, pola contra, confirmouse todo o que xa censuraron no seu día? 
O noso plan seguímolo desde o principio. Eu en particular estaba en Anova e xa fixemos un documento de alegacións moi potente e que nunha boa parte aceptáronse. Sempre apostamos por que fose un plan igualitario, financieramente sostible e adecuado a todos os intereses. E iso non o vimos despois deste período de alegacións, no documento previo á aprobación provisional que nos atopamos. Hai casos similares aos que non se lles dá a mesma solución, viamos que urbanisticamente os conflitos non se tentaban solucionar e cousas que non nos cadraban en canto a clasificación do solo, que é basicamente onde introducimos os cambios.

Como se denunciou desde algunha formación política, detectou que os anteriores responsables municipais quixesen beneficiarse da redacción do PXOM? 
Nós non lle pomos nomes ás cuestións dos plans. O que vemos é que a casos iguais dáselles solucións diferentes. Eu non sospeito da mala fe de ninguén, pero iso é o que non nos gusta, facer un PXOM que non sexa igualitario.

Di que a maioría dos cambios son pola clasificación do solo. Hai algún cambio importante que poida dicirnos e que a cidadanía poida entender?
Si, por exemplo, o pazo de Meirás. No documento anterior estaba en branco o interior do pazo. Desta vez, ímolo a cualificar como un plan especial de protección de patrimonio. Iso levaría no futuro a desenvolver ese plan especial e ver que posibilidades temos de quedarnos co pazo. Vemos que é un atractivo importante non só turístico, senón tamén no tema de crear ese gran parque nesa zona do concello, un parque público, e é unha opción interesante.

E para iso que opcións se barallan?
Estaría remitido a un plan de futuro. O que se pode barallar aí é a expropiación, facer un convenio... Pero iso xa estaría un pouco cara ao futuro, cando se desenvolva ese plan.

E supoño que contando con outras administracións.
Efectivamente.

Para terminar con este tema, houbo algún desencontro entre o tres partidos do Goberno local?
Como en todo, logramos unha solución de consenso para, polo menos, que o pazo de Meirás quede marcado. E a partir de aí, actuar. Pero foi por consenso como todo o que acordamos entre os tres partidos.

As Brañas é outro dos puntos que máis interese suscita desde hai décadas en Sada. Que plans teñen para o humidal?
En relación ás Brañas, consideramos que esa desclasificación do solo que había conforme ás traseiras de Barrié crearía un gran prexuízo aos cidadáns. O que facemos é clasificalo como solo urbanizable, creando zonas verdes, á vez tamén que se edifique pero con sostibilidade e respectando o medio ambiente, creando unha especie de barreira natural verde, para o que é a gran contorna das Brañas, que se desenvolvería cun plan especial. Aí habería que buscar eses fondos para ver como recuperamos as antigas telleiras, para facer un centro de visitantes. Unha opción é metelo na estratexia Eidus, da UE, que podería axudar a financiar.

Pero se hai algo que estivo de actualidade máxima foi o hotel, que ademais constitúe un dos grandes eixos do futuro de Sada. Que reserva exactamente o PXOM para ese hotel? 
Contémplase un uso terciario global. O PXOM temos que adaptalo ás posibles necesidades que pode haber. Por iso o de uso global. Abanca móstrase coa intención de non especular co hotel e coa de conquerir posibles inversores. A partir de aí, falariamos de temas urbanísticos, licenzas, etcétera. Sempre queremos ver os proxectos porque a idea é que os beneficios revertan na sociedade sadense.

Non se volveu a saber nada da Universidade Fernando Pessoa de Portugal? 
Nunca se volveu a saber nada da universidade portuguesa nin dese fantástico mediador que traía. Por tanto, obvio cualificar aquela operación. Creo que eran a especulación e os intereses privados os que primaban máis aí ca un interese público verdadeiramente. E visto ademais como se desenvolvería ese proxecto despois de que ese mediador prometese un investimento de 1,5 millóns de euros, o que non daría nin para comezar coa planta de abaixo. A xente que veu a ver o hotel fala dun mínimo de sete millóns de euros.

Sempre se fala de optimismo pero o feito de que todo vaia tan lento, que Abanca non tomase posesión... Non desanima un pouco? 
A ver, vai lento polos trámites procesais tras unha poxa. Tamén se nos pode achacar que imos un pouco lentos co PXOM. Ben, efectivamente, non vai estar no seis primeiros meses pero si vai estar dous meses despois. Pero co hotel, si, estou esperanzado. Se unha empresa da solvencia de Abanca se compromete a non especular e a procurar investidores, supoño que será así.

E coa cafetaría El Náutico que se vai a facer? Parece que ninguén executa a sentenza de derribo que pesa sobre ela...
Iso agora mesmo é do Concello, despois do pago que fixo o anterior Goberno local, e aí o que cabe é a demolición total ou a legalización parcial. Cando toque, acometeremos esa legalización parcial cos usos que se permiten aí, que son escasos ao estar dentro da limitación marítimo terrestre.

Contémplase a demolición? Nun prazo curto?
Claro, é unha das opcións. Será cando toque ese problema, pero é que os problemas aquí van por fases. PXOM, Plan Especial do Porto...

“Non sospeito da mala fe de ninguén, pero os cambios no PXOM son para facelo igualitario”

Te puede interesar