• Lunes, 25 de Septiembre de 2017

DANI CARBALLADA E BRAIS CUBEIRO NOVOS CONCELLEIROS DE CULTURA, MOBILIDADE E DEPORTES EN CAMBRE

“É necesario un tren de cercanías que nos conecte coa Coruña, non podemos planificar Cambre sen el”

Cambre abrirá unha nova etapa o vindeiro 1 de decembro, cando se faga efectiva a entrada do Bloque Nacionalista Galego no Goberno de Unión por Cambre e o Partido Socialista. Dani Carballada e Brais Cubeiro.

“É necesario un tren de cercanías que nos conecte coa Coruña, non podemos planificar Cambre sen el”
Os nacionalistas abogan por mellorar as liñas de transporte público	quintana
Os nacionalistas abogan por mellorar as liñas de transporte público quintana

Cambre abrirá unha nova etapa o vindeiro 1 de decembro, cando se faga efectiva a entrada do Bloque Nacionalista Galego no Goberno de Unión por Cambre e o Partido Socialista. Dani Carballada e Brais Cubeiro chegan con enerxía para xestionar a área de Cultura, Mobilidade e Deportes, cun auditorio e un tren de cercanías como principais obxectivos.

Este pacto que acaban de asinar víase vir hai meses. 
Dani Carballada: Temos unha relación con Unión por Cambre (UxC) dende que no pasado mandato se distanciou do PP e comezou a facer unha oposición constructiva pero leal aos intereses da maioría social de Cambre. Coincidimos en multitude de aspectos, noutros non, pero ese tránsito común pola oposición estableceu un clima de confianza que posibilitou este acordo. É certo que desde o principio nos ofreceron entrar no Goberno pero, e o tempo deunos a razón, había no grupo socialista determinados personaxes cos que non queríamos compartir unha Xunta de Goberno. Unha vez subsanado ese problema e consumadas todas as citas electorais, que dificultaban o calendario municipal, foi máis doado chegar a un acordo onde se respecta a maioría das posturas que ten o Bloque en temas que afectan a Cambre.

Estaban esperando a que saísen Jesús Bao e Augusto Rey?
D.C.: Non queremos dar nomes pero é obvio que había xente coa que non compartíamos a maneira de entender o servizo público, a política, as relacións cos veciños... Agora, unha vez que se dan uns acordos mínimos no tratamento aos problemas de Cambre, decidimos dar o paso.

O alcalde dixo sorrindo que escolleron a opción “fácil”, entrar agora que todo marcha. 
D.C.: Valoramos moito, e cremos que o actual alcalde o ten, o sentido do humor na política. Creo que o quere dicir é que, tendo en conta a herdanza recibida do PP, onde non houbo nin o máis mínimo decoro institucional á hora de facer un traspaso de poderes efectivos, entrar agora, coa colaboración que estamos tendo de Moncho Boga, por exemplo, non ten nada que ver ao que eles viviron. Problemas hai, habíaos hai ano e medio e segue habéndoos agora, o alcalde referiuse con sorna a esa situación que tuvo que asumir en xuño de 2015, cando atopou un despacho baleiro sen indicacións algunhas.

Que condicións puxeron ao alcalde nas negociacións?
D.C.: Foron moi directas e simples, moi entre veciños. Máis alá das cuestións ideolóxicas, o que mirabamos era que o Goberno atendera ás habilidades dos concelleiros. Por exemplo: non ten ningunha lóxica que outra persoa que non sexa Juan Leirós leve Urbanismo, ou que o tema patrimonial non o leve Moncho Boga... A nosa intención era establecer unha área que tivera coherencia con nós, algo co que o alcalde non tivo problema.

Contentos co reparto?
D.C.: Si, lóxicamente a todas as forzas políticas gustaríanos ter maioría absoluta para desenvolver con plenitude o noso programa, pero somos conscientes de que Cambre é un concello moi plural onde hai que chegar a acordos cedendo en determinadas cuestións. Este Goberno está demostrando coherencia para afrontar os desafíos e a nosa área vainos permitir realizar actuacións que tamén levabamos no noso programa electoral, sempre coa bandeira de facer máis por quen menos ten.  

Cales son os obxectivos en cultura e mobilidade?
D.C.: Dotar a Cambre dun auditorio polivalente que cubra as necesidades dun concello de 24.000 habitantes. Queremos fortalecer o tecido asociativo e a súa participación no deseño das políticas culturais, aumentar o número de eventos e optimizar os recursos, é dicir, facer un gasto responsable dos euros que se adican a investimento cultural. Queremos máis programación teatral, máis obradoiros de creación literaria e plástica... No tema do transporte temos que ter unha actitude máis combativa á hora de realizar melloras no transporte nas parroquias, conseguir máis e mellores frecuencias e conexións coa cidade da Coruña, e poñer riba da mesa a creación dun tren de cercanías. Non ten ningún sentido seguir planificando Cambre de costas a unha vía de tren que atravesa o noso municipio e que nos conecta en once minutos co centro da cidade da Coruña.  

E en deportes?
Brais Cubeiro: O primeiro que faremos é unha rolda de contactos con todos os clubs e asociacións deportivas para saber qué necesitan. Tamén revisaremos todas as infraestruturas deportivas e potenciaremos as actividades na ría, un eido un tanto esquecido, os xogos tradicionais e os deportes minoritarios, ademais de eliminar as barreiras arquitectónicas que poidan existir nos nosos pavillóns e pistas.

Brais, como califica a saúde do deporte en Cambre?
B.C.: En canto a clubs de fútbol, equipos como o Brexo-Lema, o Sporting Cambre ou o Once Caballeros teñen unha cantidade importante de nenos na súa base e de todas as idades, algo que fai dez anos non existía. Por outra parte, a piscina da Barcala, por exemplo, rexistrou unha importante baixa de usuarios debido a que foi reformada recentemente e moitos marcharon para Acea de Ama e outras piscinas, e iso é algo que queremos corrixir, atraendo novo público a esta instalación. n