Dani Carballada e Brais Cubeiro: “Somos un tripartito, pero somos o Goberno máis unido da historia de Cambre”

Dani Carballada e Brais Cubeiro: “Somos un tripartito, pero somos o Goberno máis unido da historia de Cambre”
El Ideal Gallego-9999-99-99-999-3c91bf54

Acaban de cumprir os seus primeiros seis meses dentro do Goberno de Cambre –formado por Unión por Cambre, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego– e os concelleiros Dani Carballada (A Coruña, 1984) e Brais Cubeiro (A Coruña, 1988) continúan na súa idea de lograr un municipio máis moderno, diverso e plural nos ámbitos da cultura, o deporte e a mobilidade.

Veñen de pechar o Temple Jazz con bastante éxito de público. 
Dani Carballada: Facemos un balance claramente positivo, especialmente das actividades paralelas que se realizaron: a proxección de cine sobre Billie Holiday, a masterclass de Carmen Rey e o “Jazz para xente miúda”. Houbo moita asistencia e moi bo ambiente. Para nós foi moi importante poñer en valor a dúas persoas moi vinculadas a Cambre e auténticos mestres neste ámbito, como son Carmen Rey e Nani García, con quen queremos seguir contando en edicións posteriores. 
 
Están volcados xa na primeira edición do Corazón e Bravura, enfocado á canción protesta.  
D.C.: Queremos poñer en valor a traxectoria dunha persoa vinculada a Cambre como é Miro Casabella e abrir unha fiestra a unha música que non é que non teña cabida nalgúns medios de comunicación, senón que nalgúns, incluso públicos, está directamente proscrita. É a canción protesta, a que ten mensaxe e aporta valores democráticos, e consideramos que esta pode ser unha cita de verán a consolidar. Este ano estará Paco Ibáñez, presentarase a biografía de Miro e asinará no libro de honra... Son eventos que van na liña do que queremos facer, un Cambre máis plural, máis diverso e cunha programación cultural de calidade. Estámonos achegando ao jazz, á canción de autor e queremos facelo tamén ao reggae. É unha programación cada vez máis variada e cremos que a impronta do Bloque, nese sentido, comeza a notarse.  

Hai unha aposta pola música alternativa? 
D.C.: Si, loxicamente o que non imos facer é promocionar o “Despacito” de Luis Fonsi. Apostamos por música con valor engadido, que pode achegar algo á xente, é a nosa proposta cultural que combinamos con accións máis lúdicas. 

Que balance fan dos seus primeiros seis meses no Goberno? 
Brais Cubeiro: Ao principio levounos tempo coñecer todo o que está dentro da administración, algo que aínda que formes parte da corporación desde a oposición non se coñece ben. Por outra banda, aprendendo a salvar as trabas doutras administracións superiores que non permiten chegar a certos obxectivos, pero pouco a pouco. Estamos contentos co traballo que estamos realizando.
D.C.: Agora máis asentados, ao principio daba a sensación de que os días non chegaban a nada. Daba rabia non poder facer máis cousas e o apartado máis negativo de todo isto é bater cunha determinada burocracia e con administracións que maltratan a Cambre como a Xunta, totalmente nefastas para o noso concello.

E no medio destes seis meses, o “escándalo” da Balastreira. Como viviron aqueles días? 
D.C.: De todo se aprende, aquí pedíronse desculpas e asumíronse responsabilidades publicamente, unha cuestión que nos diferenza doutros políticos, no fondo non deixa de ser unha anécdota magnificada mediática e politicamente, neste caso, por unha oposición que está de corrupción ata as orellas.
B.C.: Agora visto co tempo, creo que quedará como un pequeno erro, algo que igual non tiñamos que ter feito pero que, ao fin e ao cabo, é unha anécdota, non é algo tan grave como outros problemas da política actual. Houbo apoio por parte de moitos compañeiros, que non quixeron facer sangue, e o asunto non supuxo unha problemática dentro do grupo de Goberno.

O PP pedía non só a dimisión dos dous, senón tamén do alcalde. 
D.C.: Eu entendo que o Partido Popular quixera sacar rédito político desa cuestión pero non é o máis indicado nin moito menos.

Que tal foi a integración no Goberno e a relación con UxC e PSOE? 
D.C.: Moi ben, con UxC tiñamos unha relación máis asentada por ter compartido oposición no mandato anterior, e falamos de maneira continua. O diálogo é constante entre todo o equipo, a relación co PSOE tamén é moi boa porque é unha xente moi traballadora e moi formal. Juan Evaristo Rodríguez é unha persoa sempre disposta a botar unha man en calquera cousa das nosas áreas de xestión e se percibe desde a cidadanía que, a pesar de sermos un Goberno tripartito, é o máis unido e cohesionado da historia de Cambre, onde ten habido gobernos dunha soa cor que parecían a Casa da Troia.

Cumpríronse as expectativas do que supón ser concelleiro? 
D.C.: Tes a satisfacción de traballar para o pobo e é unha experiencia moi positiva. Non nos facemos ricos, percibimos 1.089 euros ao mes cada un de nós e ás veces costa máis conciliar o sono. Tes que estar as 24 horas do día dispoñible para calquera situación que se poida dar, pero o facemos con moito gusto. Ás veces recibimos críticas un tanto desaforadas pero, en xeral, cremos que a xente valora o noso traballo e dedicación. 
B.C.: Obviamente é unha responsabilidade que antes non existía, estando na oposición.
D.C.: Aínda que nós podemos presumir de non ter feito nunca unha oposición de “pedir la luna”, senón que fomos moi responsables coas peticións ao Goberno municipal.

Cales serían os obxectivos para este ano nas súas concellerías? 
D.C.: en Cultura, no apartado musical, o que queremos é consolidar unha programación anual onde teñan cabida moitos xéneros, con variedade e con calidade. Canto coral no inverno, canto polifónico e habaneras no verán, música tradicional galega, consolidando o jazz e a canción de autor e mellorando o festival Rock in Cambre, ademais de mimar a Escola Sementeira e remodelar o Certame de Pintura. Queremos mellorar as exposicións que veñen ao municipio, conformar un programa cultural potente e ofrecer actividades demandadas pola xente. En canto a infraestruturas, buscamos que o concello dispoña dunha carpa, de equipos de son, luz e cine, unha pequena instalación no Temple para programar concertos... Por outra banda, en Mobilidade, o fundamental é actualizar o parque de marquesinas e adecuar os horarios do bus das parroquias na súa conexión co bus da Coruña. Iso é o máis inmediato, sabendo que a Xunta está mirando para outro lado. 
B.C.: En Deportes temos que darlle un cambio ás actividades de verán, introducir novas modalidades e adaptarnos aos novos tempos. Seguimos na idea de fomentar algúns deportes minoritarios como poden ser a billarda, da que tivemos unha xornada en abril, e o fútbol gaélico, que impulsaremos o día 22 deste mes cunha exhibición. Ademais, vemos moi positivo ir engadindo, en vez de máis parques biosaudables, áreas de calistenia ou de work out, que empezan a ter demanda entre a xente máis nova. 

Haberá novas infraestruturas deportivas proximamente? 
B.C.: O máis próximo, porque xa hai un convenio co Brexo-Lema, é construír as bancadas do campo dos Pinares. Despois existe un acordo persoal de Amancio Ortega coa asociación veciñal San Antonio de Anceis para cubrir a pista polideportiva da parroquia, unha actuación na que o concello só presta a súa autorización. Agora veñen as citas deportivas máis importantes do verán: a Carreira Popular e os torneos de fútbol, chave e xadrez.

Cara a onde queren levar o Rock in Cambre, do que dixeron que case morreu de éxito? 
D.C.: O que vemos é que o formato de grandes estrelas do rock español está acabado, en parte, porque xa viñeron todas, algunhas  incluso tripitiron. Lograr a subvención da Deputación é un espaldarazo á nosa xestión. Eses 26.000 euros vannos permitir consolidar as actividades paralelas e traer a mellores grupos, todo isto sempre falando co tecido asociativo de Cambre. Debemos preparar o festival para aspirar a traer a estrelas internacionais.

Dani Carballada e Brais Cubeiro: “Somos un tripartito, pero somos o Goberno máis unido da historia de Cambre”

Te puede interesar