“Chegamos con pouco tempo ás eleccións e é unha auténtica pena que non se nos coñeza”

“Chegamos con pouco tempo ás eleccións e é unha auténtica pena que non se nos coñeza”
Copia de El Ideal Gallego-2015-05-08-020-2f575028

Julio Fafián representa a Compromiso por Galicia. Un partido que comparece por primeira vez en Sada pero que non quere que a súa presenza nos colexios electorais sexa únicamente testemuñal. Asegura que quen coñece as súas ideas quedará con eles. Traballan por e para os veciños e non para facer carreira política baixo as ás que máis calor poidesen dar. É, simplemente, Compromiso por Galicia. Compromiso por Sada.

En primeiro lugar, que lle levou a vostede a dar este paso e por que con Compromiso por Galicia?
Levo moitísimos anos vendo cousas que facer. Antes desde outro partido (PP), pero hai anos que, aínda que vía as mesmas cousas, a forma de actuar e traballar para facelo xa non me parecía a adecuada para conseguilas.

Entón, saír de alí era a única forma de actuar como cría?
Co tempo fun absténdome de traballar politicamente. Aínda que a política é algo importante, sempre me pareceu algo que separa á xente, como o fútbol, pero non por iso un ten que deixar de defender as súas ideas ou as súas cores, e sempre sen dar as costas á xente que máis o necesita.

Polo que me comenta, non tiña moita intención de involucrarse e menos desta maneira.
Se hai tempo dinme que estaría aquí, representando a un partido e aspirando á alcaldía, botaríame a rir. Se o fixen é porque despois de tanto tempo tentando facer cousas e ver que desde a cúpula do partido poñen freo, querendo favorecer outros lugares e preocupándose máis de grandes infraestruturas que das persoas, cando ves que o fan para quedar ben, iso doe. E moito.
O caso é que chegou até aquí. Quixera preguntarlle polos motivos de encabezar a primeira candidatura de Compromiso por Galicia en Sada.
Despois de coñecer CxG e que che digan ‘aí tes un partido, un programa, uns ideais, unha estrutura, nós cremos na xente, queremos apoiar en todo o social, que os veciños participen, que as propias parroquias decidan sobre as partidas orzamentarias que lles correspondan’, cando te atopas ese tipo de cousas e moitos elementos máis que favorecen que se poida facer cousas pola xente, dis, ‘pois si, si quero’, e comprométeste.

Así de fácil? Como contactaron con vostede?
Cheguei a eles por unha persoa de Bergondo que me dixo que existía ese partido, que lles falou de min porque querían presentarse en Sada. Eles empezaron a facer investigacións, falando con xente que coñecían, e faláronlles moi ben de min. Non entendo por que (risas). Entón chamáronme para reunirse comigo. Dixen ‘a ver se realmente isto é verdade’, porque se despois de moitos anos vivindo distintas etapas no partido no que estaba, con ilusión, e ves que volve ser o mesmo... Temes que sexa algo igual ou, pola contra, confías en que sexa por fin o que fai falta.

E díxolles que si...
Pois a verdade é que lles dixen que non unha e mil veces. Ata que por fin, un día non hai moito, por desgraza, díxenlles que si. O de por desgraza é porque chegamos con moi pouco tempo ás eleccións e por iso nos coñecen moi pouco. E é unha auténtica pena que non se nos coñeza, porque cando desde dentro sae facer as cousas, cando desde o corazón ves os problemas de Sada e cando os viviches, cando hai xente que che deixou de lado á que non lle gardas rancor, ou xente que che axudou e estaraslles sempre agradecido, un é consciente de que tes que loitar por uns e por outros, polos amigos e os que non son amigos, os que che votan e os que non. Por todos. Cando cres que podes favorecer ao pobo, tíraste de cabeza.

Que espazo ten CxG en Sada?
O partido realmente é socialdemócrata e galeguista. O galego é unha persoa aberta, comprensiva e xenerosa. E podemos defender o galego falando en castelán. A quen nos diriximos? Aos que queren Galicia, aos que a defenden. Aos que falan galego e castelán. Estamos dentro de España e de Europa. Por iso, a pregunta sería a quen non chegamos. Non creo que non cheguemos a ninguén, máis ben creo que a todo o mundo que entra dentro diso. Quen odie Galicia, loxicamente non terá sitio en Compromiso por Sada.

Cre que canto máis disperso estea o voto ou máis descontenta estea a cidadanía será mellor para vós?
Compromiso por Sada non busca realmente xente descontenta, busca xente que crea, con ideais, que se dea conta de que o corazón tamén serve para gobernar. Non me meto noutros partidos xurdidos das diferenzas internas como Sadamaioría co BNG. Eu falo do que sinto e do que defendo. A min simplemente me desencantou a política. Non houbo ninguén que me dixese que se preocupaba polo social.

Respira optimismo?
Máis que optimistas hai que ser realistas. Pódense construír castelos no aire, pero as propostas deben ser realistas. Nós, por exemplo, presentaremos ante notario os dez proxectos máis importantes, e se non se cumpren, ímonos. E á xente que pensa que a política é para enriquecerse, demostrarémoslles que non é así. Iso si, ás persoas que, con soldos astronómicos, dinlles aos que pasan fame que hai que apretarse o cinto, o menos que se pode facer é deixar de crer neles.

En CxG hai algún límite que non se pode exceder á hora de facer pactos?
Si, si que os hai. Non aceptaremos que as contas non sexan claras, que non se publique todo o relacionado cos cartos. Todo claro. Outra cousa é o traballo polo social, pero de forma clara e concisa. E demostrándoo. E outra delas é que o cidadán teña voto de verdade no que ocorre no Concello, como os orzamentos. Que nas parroquias poidan dicir se necesitan facer unha estrada ou alumbrado. O que non imos facer é pactar simplemente por ter man en urbanismo o pola Alcaldía.

Algunha actuación que considere urxente e que deba facer se chega ao goberno local?
O Concello necesita recadar, pero hai cousas abusivas como o IBI ou os impostos polos lixos, polo que nada máis entrar no goberno revisaríamos estas cuestións polo ben dos cidadáns.

“Chegamos con pouco tempo ás eleccións e é unha auténtica pena que non se nos coñeza”

Te puede interesar