ARTEIXO - Os versos son a base para lograr a expresión artística elevada á súa quinta potencia

ARTEIXO - Os versos son a base para lograr a expresión  artística elevada á súa quinta potencia
antón borrazás, de loureda, foi o precusor de mistura

A historia comezou cando o Concello de Arteixo mercou exemplares de “En mares de coherencia” do veciño de Loureda Antón Borrazás. Coma presentación deste poemario, o autor comezou a “argallar” e decidiu xuntar as principais artes na primeira edición de Mistura.
E tanto gustou que o Concello “o institucionalizou”, di medio en broma, pero, o certo e que hoxe cumpre a súa terceira edición co mesmo espírito: ofrecer música, danza, pintura, teatro e poesía en directo e sobre un mesmo escenario.
“A pintura é poesía retratada e se identifica co tema poético”, explica Borrazás. A súa harmonía parece ben clara, pero ¿funciona igual con todas as artes?
A música: “non necesitas estudos para apreciar a súa sensibilidade igual que a danza. É expresión corporal instantánea, aínda que despois poidas mecanizala”, apunta Borrazás. E o teatro tiña que estar presente, aínda que fora con “só quince minutos”.
E todo xunto é Mistura. Case un festival artístico onde os artistas expresan e o público goza de algo “orixinal, distinto”.  Un espectáculo onde “case sempre sae ben e non hai nada mecánico, aínda que claro, isto é como unha tortilla. Unhas veces sae mellor que outras”.

“A pintura
é poesía retratada
e a danza
é expresión instantánea”

Contido
E avanzamos na historia. Porque a expresión artística susténtase nun forte contido. Borrazás fai especial mención a “El Sur”. Naceu para falar dos “inmigrantes africanos porque veñen para escapar dun drama e cando chegan, non se atopan o paraíso que esperaban. Agora isto pódese aplicar entre o sur e o norte de Europa”.
E mentres os versos “el Sur... es duro/ muy duro... es el Sur. / Los cuatro jinetes cabalgan veloces (...)” cobran vida, a percusión africana soa de fondo, grazas a outros arteixáns que naceron no seno da asociación A Casa da Leiteira e crearon o espectáculo “Perfusión”. Comeza con forza e o ritmo de tambores e timbais acompañan e dan aínda máis forza aos versos.
Outros versos estarán acompañados pola gaita galega, como é o caso de “Sementeira” (que forma parte do libro “Versus”). Gaitas galegas, axóuxeres e danza dan un golpe de efecto máis a este espectáculo. Un anaco da memoria do propio Borrazás que recorda como de péqueno todo o pobo celebraba unha festa ao terminar as arduas tráefas de campo. Un dos “recordos máis felices”, indica.

Artistas
En momentos, a poesía compartirá protagonismo cun artista internacional como é Javier de la Rosa, que interpretará nun gran lenzo, cos seus pinceis as palabras dos poetas que pasen polo escenario do centro cívico.
E todos os artistas están dirixidos por Francisco Vila, un “experto no tema”, apunta Borrazás, que non oculta a dificultade que  entraña xuntar tanto arte nun mesmo espazo.
E os bailaríns, actores, pintores, músicos e os poetas que colaboran, todos eles, encantados coa historia, porque, a fin de contas, “un artista quere expresar, e todo o mundo vén”, enfeitiza o impulsor da iniciativa.
E despois de tres anos, ao público parece que lle agrada esta mistura de paixóns, en variados formatos pero coa mesma forza e entrega. Quen queira probar –ou repetir experiencia– terá que estar no centro cívico hoxe ás 20.30 horas. n

ARTEIXO - Os versos son a base para lograr a expresión artística elevada á súa quinta potencia

Te puede interesar