Alicia Longueira | “É difícil manter unha programación cultural estable coas axudas das que dispoñemos”

Alicia Longueira | “É difícil manter unha programación cultural estable coas axudas das que dispoñemos”
A directora da Fundación, no despacho de Wenceslao Fernández Flórez | quintana

Alicia Longueira (Cambre, 1974) inicia un novo ano como directora da Fundación Wenceslao Fernández Flórez, un enclave singular en pleno Cecebre que mantén unha intensa actividade para dinamizar a cultura local.

Recentemente comezado o 2018, que balance fai do ano pasado e cales son os plans da Fundación para este novo?
O ano pasado foi un pouco complicado, con metas moi interesantes pero económicamente difícil. Ao final logramos resolvelo con certo desafogo pero houbo certas tensións económicas estes últimos meses. O feito máis significativo foi o centenario da novela “Volvoreta”, que se publicou en 1917, e con tal motivo presentouse unha revista que leva o mesmo nome. Está dedicada específicamente a esta novela, que tamén é bastante emblemática, por ser a primeira que tivo recoñecemento a nivel nacional, co premio do Círculo de Bellas Artes no 17, cun xurado no que estaban Emilia Pardo Bazán, Ortega y Gasset e Pérez de Ayala.

Que contén esa publicación?
É un proxecto ambicioso porque é o número un dunha colección que se pretende ampliar este ano dedicándoa a “El malvado Carabel”. Nela hai colaboracións moi diversas e se tratan enfoques moi distintos, porque por unha parte está o análise da obra e por outra a cuestión cinematográfica, dada a estreita relación de Wenceslao co cine.

A revista é anual?
Si, estes primeiros números terán versión en papel e despois pasará á versión dixital, por unha cuestión de economía e por ter un perfil máis académico.

Algún outro plan na Fundación para 2018 que se poida avanzar?
Aparte dese segundo número da revista, haberá que pensar en seguir coa liña de actividades que se están facendo, que teñen bastante afluencia: os grupos de teatro, actividades dos sábados, clubs de lectura, contacontos... E tamén seguir con xornadas como unha que estreamos o ano pasado, na que recreamos un salón literario de época, buscando a conexión de Wenceslao e Pardo Bazán, cando ela paraba no apeadeiro de Cecebre para ir ao Pazo das Torrres, en Abegondo. Algunha cousiña parecida haberá que facer este ano (sorrí).

Seguen as tardes de croquet?
Seguen, coa mellora de que este ano pasado a Deputación eliminou a piscina que tiñamos aquí sen usar. Era un incordio porque supoñía un gasto de tempo e cartos para mantela e representaba un peligro para as actividades dos rapaces. Agora o campo de croquet é moito máis amplo, co cal xa podemos entrar na liga internacional (risas).

Que tal se desenvolve a Escola de Teatro, creada hai pouco?
Moi ben. Chámase O País de Papel porque Wenceslao, aínda que nunca escribiu teatro, si publicou críticas teatrais e ten un libriño con ese nome no que fala da situación de nervos que sufren os autores antes de estrear unha obra.

Falaba das tensións económicas en 2017, como se presenta este ano nese eido?
Contamos coa axuda da Deputación, é dicir, imos cobrar agora a do ano pasado, e tamén con apoio económico do concello e material depositado pola Xunta, ademais das achegas que fai a xente no peto que temos aquí. Imos tirando, pero isto supoño que lle pasa a moitísimas entidades, pero cada un quéixase do seu. Agardamos que as dúas subvencións que recibimos continúen neste ano.

É difícil manter unha programación estable?
Faise bastante difícil porque nós tentamos organizar cousas todos os sábados e domingos. Por iso o facemos coa xente propia da Fundación, nós mesmos levamos a cabo os talleres literarios, o club de lectura, o teatro... Pero se queremos facer cousas novas, para que a xente non vexa sempre as mesmas caras e haxa variedade e riqueza, precisamos de máis recursos. Non podemos contratar a ninguén para facer unha actuación se non podemos garantizar o pago, e ás veces temos complicacións.

Respecto á figura de Wenceslao Fernández Flórez, cre que é coñecida dabondo en Cambre?
Recibimos máis visitas de xente que non é de aquí, quizais porque os veciños de Cambre teñen isto moi preto, leva toda a vida aquí e non presenta o mesmo atractivo que para alguén que vén de fóra. Programamos visitas guiadas en fin de semana para particulares e outras para escolares pola semana, coa intención de difundir a figura do escritor, a propia Fundación e o espazo natural e histórico no que se enmarca: o encoro de Cecebre, o xacemento romano de Cambre, etc. A nivel educativo, os institutos organizan bastantes actividades, incluso cos alumnos que veñen de intercambio.

Cre que os rapaces de hoxe en día teñen afán lector ou prestan máis atención ás redes sociais?
Eles len moitas cousas, ao mellor non no formato habitual ao que estamos acostumados ou moita obra literaria clásica, pero creo que teñen inquietudes, algúns mesmo máis enfocados á rama científica e non tanto á literatura, pero tamén nós temos que facer un esforzo por potenciar máis a paixón pola lectura.

Como ve o panorama da cultura galega e do idioma?
Nunca tantos medios houbo para acceder a un montón de actividades culturais. A nivel local, a Concellería de Cultura está a moverse moitísimo para ter unha programación continua, cun ritmo estable, que ao mellor non sempre responde a xente e os inicios son sempre complexos, pero é un bo comezo. A cuestión é que a xente saiba que hai esa oferta cultura e que vaia collendo a dinámica de participar, despois xa se verá o que funciona e o que non. Respecto ao galego, é necesario programar tamén actividades culturais que teñan por obxectivo a posta en valor desta fala, que se reivindique no eido cultural pero que se proxecte máis alá.

Notou a Fundación un cambio no departamento municipal de Cultura trala chegada do novo concelleiro?
Nótase un esforzo por programar cultura para todos os públicos, unha oferta variada e continua. Contacontos, cine, charlas, etc... É un feito que hai un cambio.

Canta xente está movendo a Fundación Wenceslao actualmente?
Entre o teatro, o encaixe de bolillos, o coro, as charlas e demais actos que facemos regularmente temos máis ou menos a 100 persoas de todas as idades.

Supoño que agardan con ansia que chegue ese auditorio que prometeu o Goberno local.
Xa o creo, nós temos aquí un espazo para ensaiar e actuar pero quédasenos un pouco pequeno. Fai falta en Cambre un centro que dea cabida a calquera compañía de teatro con certo volume. Os dous locais que hai, no Graxal e A Barcala, non poden albergar a moita xente. A Casa da Cultura, Vila Concepción, é un espazo fenomenal con moitas posibilidades, pero para o teatro ou os espectáculos non é o máis adecuado.

Falábase de recuperar o teatro da Sociedad de Cecebre.
Creo que o concello quere colaborar, pero a verdade é que eu non teño información ao respecto. Ese teatro é singular e emblemático desde o punto de vista histórico, sería estupendo poder contar con el para representacións ou proxeccións de cine, diferentes actividades que se poderían realizar se cumprise as condicións de seguridade.

Debería fixarse Cambre, a nivel cultural e de espazos para este ámbito, noutros municipios cercanos?
Todos os concellos poden aportar cousas positivas, aquí cerquiña temos Abegondo coa súa escola de teatro e unha oferta cultural ampla, Oleiros igual... Os municipios fan o que poden cos seus orzamentos e quizais o que lle falta a Cambre é iso, un auditorio. Está demostrado que, se se queren facer cousas, fanse, como está a pasar agora, pero se queremos estar dentro dun circuíto cultural estable, temos que contar cun espazo de referencia e aquí, pola poboación que hai e a cantidade de xente que participa, é necesario.

Alicia Longueira | “É difícil manter unha programación cultural estable coas axudas das que dispoñemos”

Te puede interesar