José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo: "A aprobación do PXOM é clave para o progreso do municipio"

José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo: "A aprobación do PXOM é clave para o progreso do municipio"
José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo

José Antonio Santiso inicia un novo mandato con maioría absoluta á fronte do Concello de Abegondo. Ilusionado como sempre e convencido de que a clave do futuro está a aprobación do PXOM.

Cómo valora estes meses?
Coido que están sendo moi proveitosos para seguir encamiñando grandes proxectos que xa tiñamos iniciados. Foi o caso da adquisición das primeiras parcelas para o desenvolvemento do futuro parque ecoagrario, que será un gran foco de actividade vencellada ao territorio, unha cuestión na que xa iniciamos as conversas hai tempo. Ou do expediente iniciado para promover unha cooperativa residencial para persoas maiores. Ademais, aprobamos de forma provisional o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), tras efectuar unha serie de correccións técnicas, polo que agardo que a Xunta lle dea luz verde nas próximas semanas e Abegondo conte co novo planeamento en vigor, algo esencial para continuar crecendo. Non deixamos de traballar en ningún momento e iso propicia seguir avanzando.

Cales son os retos para o que resta de 2023 e para o 2024?
Temos por diante numerosos proxectos moi ambiciosos, como xa plasmamos no noso programa electoral que mereceu a confianza moi maioritaria do pobo de Abegondo. Queremos realizar iniciativas que reforcen a calidade de vida, polo que abranguen especialmente os ámbitos social, deportivo, cultural ou ambiental. Unha das actuacións que suporán un gran avance, ao igual que foi a creación do parque fluvial de Beche, será a ampliación do complexo deportivo de San Marcos, para o que se propón a instalación de pistas de pádel, sala fitness, a renovación do polideportivo e unha nova piscina. Xa mantiven os primeiros contactos con outras administracións para facelo posible. Na nosa folla de ruta, ademais, temos tamén marcada a realización do proxecto de rehabilitación integral dos Loureiros, a construción do novo centro de saúde, o club social para persoas maiores, e seguir dando pasos no polígono ecoagrario, na cooperativa de vivendas. Pero a aprobación definitiva do PXOM é un feito clave para o progreso do municipio. Xa se notou desde que contamos co instrumento de ordenación provisional, no que se rexistrou un importante crecemento.

 

No seu discurso de investidura apostou pola sostenibilidade e o benestar como eixos deste novo mandato. Cómo conseguirá articular os mecanismos necesarios para equilibrar ambos?

A sostibilidade e o benestar deben ir da man, son dúas metas compatibles e irrenunciables e creo que a cidadanía teno cada vez máis interiorizado. Todos temos a responsabilidade de facer unha sociedade que mire polo futuro e iso implica necesariamente unha conciencia ambiental. E quen ostentamos cargos na Administración temos a obriga de promover políticas acordes para coidar o noso ben máis prezado. 
En Abegondo, dentro das nosas posibilidades, levamos tempo facendo os deberes con plans distinguidos por Europa para mellorar a calidade da auga e para dar solucións ao saneamento en núcleos illados, investindo en vehículos eléctricos e estacións de carga, e sobre todo liderando unha Reserva de Biosfera que é un exemplo a nivel internacional de traballo pola educación, o desenvolvemento sostible do territorio e mitigación do cambio climático con iniciativas de todo tipo.
Eses mecanismos polo medio ambiente e o benestar artéllanse especialmente na ordenación do territorio e nas políticas municipais a grande nivel. Tes a clave no novo Plan Xeral, que non inclúe nin unha urbanización. Nin a primeira. Todo o modelo de Abegondo é de vivenda familiar na natureza e sen renunciar aos servizos de benestar, porque temos centros educativos, unha escola infantil municipal e unha aula lúdica para a conciliación, programas culturais, infraestruturas deportivas, atención social, orientación ao emprego… Tampouco incluimos nin un polígono industrial, apostamos por un parque ligado áctividade agroalimentaria ecolóxica. Mentres eu sexa alcalde non haberá nin urbanizacións nin polígonos industriais en Abegondo. En definitiva, debuxamos un modo de vida en consonancia co medio natural pero con servizos e conexión coa cidade, e todos os programas que deseñamos xa van con esa seña de identidade.

José Antonio Santiso, alcalde de Abegondo: "A aprobación do PXOM é clave para o progreso do municipio"

Te puede interesar